Domingo 2 de Ordinario - ciclo A

2º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO A


Primeira Lectura      Is 49, 3. 5-6
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Fareite luz dos pobos, para que se dea a miña salvación

            Díxome o Señor: "Ti es o meu servo, Israel, de ti virame a sona".
"Serei glorificado coa presenza do Señor, e o meu Deus será a miña forza".
            Pois agora ‑fala o Señor que desde o seo da nai me formou para ser o seu servo, para facer volver onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El ‑:
"é moi fácil para ti ser o meu servo,
restablecendo as tribos de Xacob e facendo volver os protexidos de Israel,
pois convértote en luz das nacións,
e serás a miña salvación ata o confín da terra".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL        Sal 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10
R/. (8a e 9a): Aquí veño, Señor, para facer a túa vontade.

Esperei arelante no Señor:
el volveu cara a min os seus ollos
e escoitou o meu lamento.
Púxome na boca un cantar novo,
un himno de loanza ao noso Deus.

Sacrificios e ofrendas non os queres,
pero formáchesme uns oídos.
Non pides holocaustos nin sacrificios de expiación;
entón eu digo: "Aquí veño".

No texto do libro está escrito de min
que debo facer a túa vontade.
Meu Deus, iso é o que eu quero,
e o teu mandato está no meu corazón.

Proclamei a túa xustiza diante da grande asemblea,
non pechei os meus labios: ben o sabes, Señor.


Segunda Lectura    1 Cor 1, 1-3
LECTURA DO COMEZO DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS CORINTIOS
A graza e a paz para vós de parte de Deus Pai e do Señor Xesús

            Paulo, chamado a ser apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, e mais o irmán Sóstenes: á Igrexa de Deus que está en Corinto, aos santificados en Cristo Xesús, chamados a ser santos, cos que en calquera lugar invocan o nome do noso Señor Xesús Cristo, Señor deles e noso, desexámosvos graza e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA  Xn 1, 14a. 12a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O Verbo fíxose carne e habitou entre nós;
a cantos o recibiron deulles o poder de seren fillos de Deus.
Aleluia.


Evanxeo Xn 1, 29-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo!

            Naquel tempo, vendo Xoán a Xesús, que viña cara a el, dixo:
            ‑ Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: "Detrás miña vén un home que pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".
            Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para que se amosara a Israel. E Xoán seguiu testemuñando:
            ‑ Eu vin o Espírito baixar do ceo coma unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: "Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo".
            E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


QUE MELLOR BEN QUE ACOLLERTE ACOLLENDO. A VONTADE DE DEUS É VONTADE DE FRATERNIDADE, ACOLLIDA E ESCOITA: GRAZAS, SEÑOR, POR RECORDÁRNOLO!

ESCOITA ACTIVA
Escoitamos moitas veces a expresión facer a vontade de Deus. E tan habituados estamos a ela que poucas veces somos capaces de acollela e remoela no noso pensamento. Facer a vontade de Deus ponos sempre en relación cos que están ao noso lado, porque é desde o servizo e preocupación polos outros como toda a riqueza que nos aporta a fe se vai concretando. Nesta resposta cara aos demais, é onde esa vontade, o que Deus quere de nós de maneira activa e construtiva, se vai desenvolvendo e collendo rostro de amor e solidariedade. Fagamos logo o esforzo de converter en vontade de Deus o noso traballo de levar compañía a quen está solo, esperanza a quen se atopa triste e desacougado, amor a quen os desenganos teñen convertido en desconfiado, e paz a cantos cren que non hai máis camiño de solución das cousas que a violencia.



Que a celebración desta mañá nos axude a cargar de compromiso as nosas actitudes e disposicións para facer da vontade de Deus o eixe da nosa vida.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Por caer na tentación de facer a nosa vontade, o que nos peta, e non a túa, SEÑOR QUE AGROME A TÚA VONTADE NA NOSA VIDA.
  • Por permitir pensamentos e actitudes de desprezo para cos demais, CRISTO, QUE AGROME A TÚA VONTADE NA NOSA VIDA.
  • Porque non deixamos espazo para que creza en nós tempo compartido con quen nos necesita, SEÑOR, QUE AGROME A TÚA VONTADE NA NOSA VIDA.

PALABRA ENRAIZADA

  • Os cristiáns temos como tarefa fundamental na nosa vida testemuñar o que cremos. Na primeira lectura de hoxe, do profeta Isaías, ponse nos beizos de Deus a afirmación de que a través da acción e da palabra do profeta, chegaralle aos demais a sona de Deus; é dicir, inda que nunha linguaxe moi humana, se nos está dicindo que o testemuño é o barómetro fundamental que serve para que os cristiáns vaiamos manifestando a coherencia e a fondura das nosas propias conviccións. Saber responder a este reto que se nos formula non é doado, pero aí está tamén o esforzo que cada un de nós vai poñendo para que, facendo aquilo que Deus nos propón como camiño de crecemento e madurez, vaiamos dando razón leda da importancia e sentido que El ten na nosa vida. Sacar o mellor de nós para que sexa luz para os outros; propoñer camiños que unan e acheguen ás persoas, fronte a tentación de dividirnos e someternos ao poder e á forza dos poderosos, convértese, desde esta palabra proclamada, en tarefa constante á que non debemos renunciar. Nela está a nosa propia felicidade! Por iso esperamos no Señor, por iso poñemos os cinco sentidos en descubrir a súa voz e a súa presenza nos irmáns que nos necesitan ou aos que puideramos necesitar. Unha presenza que nos leva a dicirlle: "aquí estou Señor, para facer a túa vontade".
  • O saúdo da primeira carta de Paulo aos corintios é o saúdo que nós utilizamos ao comezar cada unha das nosas celebracións. É un saúdo que nos sitúa no que debe ser unha celebración comunitaria: un momento e unha expresión de paz, unidos a cantos comparten con nós ese mesmo desexo e están implicados na mesma tarefa. Deus elíxenos, nós respondemos. Nesta resposta non imos solos, senón que facemos presentes, na oración e no actuar, a cantos están ao noso redor. Isto pídenos actitudes de achegamento e preocupación -non afastamento nin baleiro-, de quen están necesitados e senten como as beiras da sociedade pasan a ser o seu lugar habitual onde vivir.
    Non podemos ser indiferentes ou volver a cabeza como se o que non nos gusta non existira e puideramos prescindir del. Entendemos logo a razón pola que o ser santos é un camiño polo que debemos andar os seguidores de Xesús. A santidade é facer da vida sentido e experiencia de amor, descubrindo a Deus no cotián e sinxelo da vida. Pero non ha ser esta unha santidade de calendario ou de peañas, senón a santidade gozosa que se vai vivindo, comprendendo e realizando desde o que non chama a atención, non é aparentemente importante nin tampouco dá tribunas públicas ou beneficios económicos; senón a santidade de quen descubre que falar de Deus e telo como luz e guía, non é máis que facer o esforzo por recoñecelo no partir o pan solidario convertido en tempo, palabra, acompañamento, dispoñibilidade ou voz de quen se ve só ou esquecido. 
  • A presenza do Espírito é a que ha espertar en nós descubrir que falar de Deus e de Xesús non é algo teórico e reducido ao ámbito dos templos. A Deus descóbrese e de Deus fálase desde o que nos pasa cada día, e cos que nos atopamos en cada momento. El non está nin nas nubes nin nos templos, senón na vida, nos seus claroscuros, que van facendo que ilusións, esperanzas, tamén tristuras, vaian conformando o que somos e o que traballamos por ser. Non son os ritos, senón a experiencia vital que cada un pode aportar, o que nos converte en testemuñas de quen pasou facendo o ben, e nos invitou a seguir o seu camiño.
FRATERNIDADE ORANTE
Co Señor, poñámonos en actitude de soñar un mundo mellor desde o noso esforzo por ser mellores persoas, e digamos xuntos:
QUE A GRAZA E A PAZ CAMIÑEN SEMPRE CON NÓS
  • Para que desde a Igrexa, teñamos sempre unha actitude de favorecer o comunitario, o servizal, o que constrúe e desenvolve solidariedade e xustiza, OREMOS.

QUE A GRAZA E A PAZ CAMIÑEN SEMPRE CON NÓS
  • Para que entre nós, os que formamos as comunidades cristiás, non deixemos que as relacións de uns cos outros se movan pola rutina e o interese, esquecendo que Xesús invítanos a acollernos e axudarnos fraternalmente, OREMOS.

QUE A GRAZA E A PAZ CAMIÑEN SEMPRE CON NÓS
  • Para sexamos quen de poñerlle vida ás palabras que nos chaman a ser servidores, sempre dispostos a recoñecer a Xesús nas persoas que nos necesitan: enfermas, maiores, tristes, paradas, incomprendidas..., OREMOS.
QUE A GRAZA E A PAZ CAMIÑEN SEMPRE CON NÓS
En ti confiamos sempre, a pesar de que moitas veces esvaramos no camiño. Sé Ti a man que nos axude a erguernos. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Noso Pai/nai, por medio de Xesús
déchesnos un anticipo do teu reino;
por medio de Xesús prometíchesnos
a terra florecida e o froito do teu ceo.
Buscamos o noso pan a duras penas,
loitamos contra o mal a corpo limpo,
tentamos facer do noso mundo
a terra do traballo compartido,
sen violencias, sen odios e sen donos.
Pero todo é difícil.
Non nos deixan facer o que soñamos e queremos,
e ás veces cansamos, ímonos
e mandamos a cousa a rañar na pedra.
De novo, esta mañá,
volvemos intentalo
e a dicir xuntos: Noso Pai...
(Víctor Manuel Arbeloa,
 Noso Pai, por medio de Xesús)
  

CANTO GOZOSO
ENTRADA:
Amigos nas penas e na festa amigos

LECTURAS:
Aquí estou, Señor, para facer a túa vontade

OFERTORIO:
Velaquí, Señor, o viño

COMUÑÓN:
Pan do ceo, pan de vida


POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares