Domingo 2 de Nadal - ciclo A

DOMINGO II DESPOIS DE NADAL



Primeira Lectura    Sir 24, 1-4. 12-16  (gr 1-2. 8-12)
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
A sabedoría de Deus habitará no pobo elixido

            A Sabedoría fai a propia loanza
e gábase no medio do seu pobo.
            Abre a boca na asemblea do Altísimo,
proclama a súa gloria diante do seu exército.
            No medio do seu pobo será exaltada
e admirada na asemblea dos santos;
recibirá loanzas das multitudes dos elixidos
e será bendicida entre os benditos.   
            Foi entón cando o creador universal me ordenou
e o que me formou fíxome plantar a tenda
dicíndome: Afinca en Xacob, colle por herdanza a Israel.
            Antes dos séculos, desde o comezo, creoume
e endexamais deixarei de existir;
oficiei na súa tenda santa, diante del,
e deste modo estableceume en Sión;
do mesmo xeito, fíxome acougar na súa cidade amada,
Xerusalén, onde goberno.
            Botei raiceiras nun pobo de moita sona
e teño a miña herdanza na parcela do Señor.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL        Sal 147, 12-13. 14-15. 19-20
R/. (Xn 1, 14): O Verbo fíxose carne, e habitou entre nós.
Ou: Aleluia.

Glorifica o Señor, Xerusalén,
loa, Sión, o teu Deus,
que reforza os ferrollos das túas portas,
e bendí os teus fillos no teu seo.

El establece paz nos teus confíns,
é el quen te farta con flor de trigo.
El mándalle á terra a súa mensaxe,
e a súa palabra corre lixeira.

Anuncia a súa palabra a Xacob,
os seus estatutos e mandatos a Israel.
Non fixo así cos outros pobos,
non lles manifestou os seus mandatos.


Segunda Lectura     Ef 1, 3-6. 15-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Predestinounos a sermos fillos de adopción por medio de Xesús
  
            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición espiritual nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes creación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.
            Por iso, tamén eu, tendo oído falar da vosa fe no Señor Xesús e do voso amor a todos os  crentes, non paro de lle dar grazas a Deus por vós, recordándovos nas miñas oracións, de xeito que o Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecer ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, e cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. 1 Tim 3, 16
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Gloria a ti, Cristo, predicado a todos os  pobos;
gloria a ti, Cristo, a quen se cre no mundo enteiro.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 1, 1-18  (longo)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
O Verbo fíxose carne e habitou entre nós
  
            No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
            Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
            Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
            Houbo un home
mandado por Deus:
o seu nome era Xoán.
Este veu de testemuña
para dar testemuño da luz,
para que todos cresen por el.
            Non era el a luz,
senón que veu para dar testemuño da luz.
            A Palabra era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
            Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
            Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
‑ aos que cren no seu nome ‑
deulles o poder
de seren fillos de Deus.
            Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
nin da vontade do home,
senón de Deus.
            E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vimos a súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de graza e de verdade.
            Xoán dá testemuño del,
exclamando: Este évos de quen eu dixen:
"O que vén detrás miña, pasa diante miña,
pois existía primeiro ca min".
            E da súa abundancia
recibimos todos nós
graza e máis graza.
            Pois a Lei deuse
por medio de Moisés;
a graza e a verdade
realizáronse por Xesús Cristo.
            A Deus ninguén o viu;
o Unixénito, que está no seo do Pai,
foi quen nolo revelou.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo
_______________________________________________

Ou máis breve: 1-5. 9-14
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

            No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
            Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
            Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
A Palabra era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
            Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
‑ aos que cren no seu nome ‑
deulles o poder
de seren fillos de Deus.
            Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
nin da vontade do home,
senón de Deus.
            E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vimos a súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de graza e de verdade.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo



PALABRA DE VIDA, PALABRA DE ESPERANZA, PALABRA ENCARNADA,PALABRA DEFINITIVA... BENDITA PALABRA!

ESCOITA ACTIVA
Canto temos vivido desde que comezou o tempo de Nadal foinos levando a que asentase en nós unha idea: Deus está entre nós, non quedou á porta, senón que entrou ás nosas casas, á nosa vida, á nosa historia escrita tantas veces con páxinas de violencia e inxustizas... Isto é o que proclamaremos hoxe no Evanxeo de Xoán: a través da Palabra que acampou entre nós, Deus fíxose achegado e todos recibimos da súa man graza, tenrura e lealdade. Non se fixo carne en seres anxelicais, senón nun home de carne e oso, cos nosos ideais, coas nosas esperanzas, cos nosos desenganos e sufrimentos. Está dentro de nós: velaí o misterio da Palabra feita carne. Oxalá saibamos gustar o misterio dun Deus que non quedou fóra, diante da porta, senón que se fixo Deus connosco.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Porque seguimos sen querer recoñecerte nas persoas que camiñan ao noso carón, SEÑOR, QUE A TÚA PALABRA QUENTE A FRIAXE DO NOSO CORAZÓN.
·         Porque a nosa soberbia fai que pechemos a porta do noso corazón, pensando que non te necesitamos como amigo e compañeiro na viaxe da vida, CRISTO, QUE A TÚA PALABRA QUENTE A FRIAXE DO NOSO CORAZÓN
·         Porque non damos entendido que todo o supón indiferenza ou desprezo da vida: pobreza, explotación, marxinación, escravitude, morte.... supón a negación do Deus revelado en Xesús, SEÑOR, QUE A TÚA PALABRA QUENTE A FRIAXE DO NOSO CORAZÓN

PALABRA ENRAIZADA

  • Os Evanxeos de Lucas e de Mateu que proclamamos ata o de agora neste tempo de Nadal móstrannos o acontecemento do nacemento desde abaixo; invitándosenos a descubrir, hoxe coma daquela, a ese Deus en tres sinais: un neno, uns capizos, unha manxadoira. Estes evanxelistas queren destacar a tenrura, a pobreza, a sinxeleza e a pequenez. Porén, hoxe vimos de proclamar o Evanxeo de Xoán, que presenta o nacemento desde arriba: a Palabra, que estaba onda Deus, faise carne. Ningunha mención a todo ese mundo tan familiar dos pastores, a manxadoira, os anxos...nin tan sequera do Neno, María e Xosé. El entra no misterio desde outra perspectiva: a través dos seus famosos binomios: vida-morte, luz-tebras, graza-pecado, liberdade-escravitude, verdade-mentira....Pero a realidade é a mesma: Deus quérenos tanto que nos agasalla co seu Fillo, que asume a nosa condición e comparte a nosa vida.
  • E Xoán tamén pon de manifesto a nosa negativa ao plan de Deus. Se Lucas destaca que "non había sitio para eles na pousada", Xoán denuncia que "veu á súa casa e os seus non a acolleron". Polo tanto, a Deus non hai que buscalo no ceo, gobernando o universo con mirada indiferente: Deus está aquí, na nosa carne, na nosa impotencia, na nosa dor, na nosa desesperanza, compartindo "os gozos e as esperanzas, as tristezas e as agonías das persoas do noso tempo, sobre todo das pobres e das que sofren". Non é unha metáfora piadosa, senón unha realidade, dicir que hoxe Deus ten a súa casa entre os desafiuzados da nosa sociedade; está en paro cos seis millóns de persoas que non teñen traballo no noso país; sente violados os seus dereitos coma milleiros de persoas que non teñen acceso a unha sanidade ou a unha educación pública de calidade, morre de esquecemento e de soidade xunto con tanta xente nesta sociedade deshumanizada; é explotado e enganado polos poderosos que se aproveitan da desesperación e da ignorancia das persoas; é rexeitado e silenciado coma tantas e tantas persoas que se ven reducidas ao silencio absoluto, é maltratado con tantas e tantas persoas que dun cabo a outro do mundo son despoxadas da súa dignidade no nome dunha orde inxusta que pon a economía no centro de todo e que se esquece dos seres humanos.
  • Por iso, para saber descubrir esta Palabra de vida, necesitamos a sabedoría que vén de Deus e que non mira as aparencias e o superficial, senón que repara nos corazóns verdadeiramente dispostos a acoller e a deixarse enchoupar de toda a humanidade, a tenrura e a misericordia que o Deus feito neno vén deixar entre nós. Unha sabedoría que nos chama a estar presentes no medio da xente, escoitando, aprendendo, descubrindo como e de que maneira podemos traballar para o ben común. Unha sabedoría que nos chama a estar alí onde sexamos necesarios, testemuñando coa nosa vida ao Deus no que confiamos, a quen lle rezamos e de quen dicimos que é luz nas tebras do noso camiño. Seremos capaces de recoñecer esta sabedoría?.
FRATERNIDADE ORANTE
Ao Deus que non quedou fóra, diante da porta, senón que acampou entre nós, rezámoslle xuntos dicindo:
SEÑOR, GRAZAS POR ELIXIRNOS
  • Para que as persoas que teñen responsabilidades na igrexa, non esquezan nunca que Xesús quere compartir as ledicias e angustias dos homes e mulleres do noso mundo, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR ELIXIRNOS
  • Para que as persoas que de calquera xeito colaboramos na vida das comunidades: participando nas celebracións, implicándonos nos grupos de formación, cantos ou Cáritas… evitemos crernos superiores e mellores cós demais, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR ELIXIRNOS
  • Para que cada un dos que nos xuntamos nos domingos aprendamos a descubrir a presenza da Palabra nas persoas máis necesitadas e esquecidas, e, achegándonos a elas poñamos calor humano onde hai friaxe inxusta, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR ELIXIRNOS
Grazas, Señor, por facerte Palabra encarnada nun mundo falto de humanidade, Palabra de vida nun mundo cheo de sinais de morte, Palabra de esperanza nun mundo no que medra a desesperanza, Palabra definitiva nun mundo no que todo é efémero. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
Cremos en Deus, Pai e Nai,
a pesares de que moitas persoas digan que só é unha ilusión.
Cremos en Xesús de Nazaret,
o seu Fillo benquerido,
a súa Palabra entre nós,
carne da nosa carne,
despoxado do seu rango,
expulsado da súa casa,
crucificado con saña...
pero resucitado polo Pai.
Cremos no seu Espírito,
dador de vida e liberdade,
que move o corazón de tantas e tantas persoas
tenras e íntegras, xustas e leais,
coherentes e solidarias, comprometidas e responsables.
Por iso cremos tamén
na vida, a pesares das feridas;
na amizade, por riba do poder e do sangue;
na fraternidade, máis alá de clases e diferenzas;
na solidariedade, a pesares de egoísmos e mesquindades.
Cremos que o amor é máis forte cá morte;
cremos que ten sentido ser persoas boas, tenras e honestas;
cremos que paga a pena confiar nos demais;
cremos na nosa dignidade,
cremos que nos podemos axudar;
cremos que nos agarda algo insospeitado;
cremos que Deus supera todos os nosos soños;
cremos que somos obra súa
cremos que nel atopamos acougo.


CANTO GOZOSO

ENTRADA:
Vinde nenos e rapaces
LECTURAS:
A túa Palabra
OFERTORIO:
Eu soñei
COMUÑÓN:
Grazas, Señor, graciñas

POWER POINTS











Comentarios

Publicacións populares