24 ene. 2014

Domingo 3 de Ordinario - ciclo A

3ª DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  A  - LECTURAS


Primeira Lectura      Is 8, 23b -- 9, 3
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
O pobo viu unha gran luz na Galilea dos xentís
  
            Así como nun primeiro momento o Señor humillou o país de Zebulón e o país de Naftalí,
así no derradeiro glorificará o camiño do mar, a rexión do Xordán, a bisbarra dos xentís.
            O pobo, que camiñaba na escuridade, viu unha gran luz.
Unha luz brillou sobre os que habitaban no país das sombras da Morte.
Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia.
            Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura,
o mesmo que saltarán de xúbilo ao repartiren o botín.
            Velaí o xugo da súa carga e o varal do seu ombreiro
- o bastón de quen o oprime ‑: rompíchelos coma o día de Madián.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 26, 1 . 4. 13-14
R/.  (1a):  O Señor é a miña luz e salvación.

O Señor é a miña luz e salvación,
a quen hei de temer?
O Señor é a protección da miña vida,
diante de quen hei tremer?

Unha cousa lle pido ao Señor,
unha soa eu procuro:
habitar na casa do Señor
todos os días da miña vida,
para gozar da dozura do Señor,
e contemplar o seu templo.

Eu espero gozar da bondade do Señor
na terra da vida.
Espera no Señor, procede coma un valente,
ten corazón forte, espera no Señor.


Segunda Lectura     1 Cor 1, 10-13. 17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós
  
            Irmáns:
            Polo nome do noso Señor Xesús Cristo rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós; ao contrario, axeitádevos todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento.
            Porque, irmáns, cheguei a saber polos de Cloe que hai discordias entre vós. Refírome a que cada un de vós anda a dicir: "eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, eu de Cristo".
            Pero é que Cristo está dividido? É que foi Paulo a quen crucificaron por vós? Ou é Paulo o nome no que vos bautizaron?
            A min non me mandou Cristo a bautizar, senón a predicar o Evanxeo; e isto sen habilidades retóricas, para que non quede desvirtuada a eficacia da cruz de Cristo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Mt 4, 23
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino
e curaba todas as enfermidades do pobo.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 4, 12-23 (longo)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Veuse a Cafarnaúm para que se cumprise o que dixera Isaías

            Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaret, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
            Terra de Zebulón, terra de Naftalí,
camiño do mar na outra ribeira do Xordán.
Galilea dos pagáns.
O pobo que xacía na escuridade
viu unha gran luz:
Para os que habitaban no escuro país da morte
brillou unha alborada.

            E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
            ‑ Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.
            Camiñando Xesús pola ribeira do mar de Ga­lilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e seu irmán Andrés, que estaban largando a rede no mar, pois eran pescadores. Díxolles:
            ‑ Vinde comigo e fareivos pescadores de homes.
            Eles deixaron de contado as redes, e seguírono.
            Máis adiante, atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arran­xando as súas redes, e tamén os chamou.
            Eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguíro­no.
            Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


Ou máis breve: 12-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

            Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaret, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
            Terra de Zebulón, terra de Naftalí,
camiño do mar na outra ribeira do Xordán.
Galilea dos pagáns.
O pobo que xacía na escuridade
viu unha gran luz:
Para os que habitaban no escuro país da morte
brillou unha alborada.
            E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
            ‑ Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo




 PORQUE O REINO XA ESTÁ AQUÍ.. .. CELEBRÉMOLO UNIDOS
TOMADO DE : http://remoldapalabra.blogspot.com.es/2014/01/2-domingo-to.html


PÓRTICO
            O noso mundo está cheo de modelos, de persoas ás que admiramos polas súas calidades, polo seu xeito de ser, de actuar ou de afrontar a vida. Futbolistas, políticos, actores, cantantes ... e , en menor escala escritores, poetas, músicos... Porque todos necesitamos ref1ectimos nalgunha persoa, especialmente para proxectar o que nos falta a nós. O problema quizá sexa cando non temo s referentes, cando non existen esas persoas ou son mediocres.
            Hoxe a celebración fálanos que os cristiáns non necesitamos buscar moito para a topar un modelo a quen seguir: Xesús, que non falla nunca e é luz na nosa vida. A que esperamos para dicirlle que si?


O PERDÓN
            Porque moitas veces fáltannos iniciativa, ilusión e imaxinación á hora de botar as redes, caendo na imposición e na vulgaridade,        SEÑOR, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.



            Porque moitas veces o noso individualismo, a nos autosuficiencia e o noso afán de protagonismo fan que se rompa a unidade nas nosas familias, nas nosas comunidades, cos nosos veciños.                                                  CRISTO, PERDOA O NOSO EGOÍSMO



            Porque moitas veces non somos quen de recoñecer os nosos erros e si estamos dispostos a
acusar a quen temo s ao noso carón,             SEÑOR, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.


REMUÍÑO
            • VIMOS UNHA GRAN LUZ: Nos tempos que corren, son moitas as persoas que teñen unha actitude negativa e desconfiada diante do futuro e da humanidade. Cansos de que a economía non vaia arriba, cansos de que a Igrexa non acabe de ser esa voz profética que acolle e dea resposta a tantos retos que hoxe nos formula a sociedade, canso s, moitas veces de traballar, de vivir, de loitar. Se cadra teriámonos que preguntar en quen puxemos a confianza?, quen nos valía para seguir adiante? Era tanto o que tiñamos que deixar atrás para que seguir o camiño que nos marcou Xesús? Para que ser austeros se o tiñamos todo?, para que vivir a pobreza se iso non ía connosco?, para que colaborar cos demais se o que vale é o "sálvese quen poida"? Diante deste panorama, o final víase viro Fallou a base, fallaron as persoas e todos entramos nun túnel negro e sen luz que é o noso futuro. Pero hoxe esta celebración quere poñer luz, alegría e liberación. Como Isaías, tamén nós podemos dicir que o xugo do opresor, o materialismo, está quebrado e a vara do oportunismo, do desbarate e do egoísmo, tamén rachou. Temos un novo horizonte por diante, unha nova xeira de colaboración, unha nova luz alumeou e segue chamándonos ao final deste túnel. Unha luz que vén de nacer hai uns días e que é alegría para todos nós.



            • E POR ISO SOMOS PESCADORES DE HOMES: SÓ desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con aquel no que cremo s, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. Ás veces a Igrexa converteu a expresión e a chamada que escoitamos hoxe no evanxeo a sermos "pescadores de homes", en sinónimo de imposición, facendo valer aquilo de que o importante é contar con moito número. Sen embargo, o camiño nunca pode ser o da obediencia cega, nin o do medo ou a obriga, porque ademais de ser vieiros contrarios á mensaxe de Xesús, son tamén armas que se volven na súa contra co paso do tempo. O camiño pasa logo pola invitación, non pola imposición; polo cuestionamento e pola fondura das nosas conviccións e non pola obediencia cega, o adoutrinamento ou o cumprimento de normas sen sentido.

            • NA UNIDADE, QUE NON É UNIFORMIDADE: Nesta semana tamén pedimos pola unidade. Unidade de todos os cristiáns, pero tamén unidade dentro da nosa Igrexa e mesmo dentro das nosas


comunidades parroquiais. Unidade que non podemos confundir con uniformidade, pois somos conscientes da existencia de diferentes xeitos de pensar, de actuar, de distintas posibilidades .... e de que isto é algo que nos enriquece. Porén, moitas veces atopámonos con que a nosa intolerancia e a nosa autosuficiencia impiden que call1iñemos na unidade evanxélica. Parapetámonos na nosa verdade e non estamos dispostos a escoitar e moito menos a aceptar aos que non pensan ou non actúan coma nós. En definitiva, todos queremos ser "líderes da manada", sen caermos na conta de que a mensaxe de Xesús non separa entre dominantes e dominados, senón que integra, acolle e ábrese a todas as opcións que respecten a dignidade da persoa. Hoxe é un bo día para mirar dentro da nosa vida, da nosa parroquia, da nosa Igrexa e botar fóra todo aquilo que supoña división, enfrontamento ou ruptura.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
            Señor, Ti queres que sexamos a túa luz no medio das persoas. Conscientes de que para iso necesitamos da túa axuda, dicímosche confiados:
                        QUE NUNCA ESMOREZA A TÚA LUZ NAS NOSAS VIDAS

•          Pola Igrexa, para que non caia na tentación dos personalismos e dos bandos e camiñe unida
baixo o único Mestre que é Cristo, dando exemplo de unidade e de servizo desinteresado,                                 OREMOS QUE NUNCA ESMOREZA A TÚA LUZ NAS NOSAS VIDAS

• Polas nosas comunidades parroquiais, para que, polos camiños evanxélicos do diálogo e do perdón, da tolerancia e da colaboración, da variedade e do compartir, sexamos quen de superar prexuízos e atranco s e cheguemos á verdadeira comuñón, OREMOS.
                        QUE NUNCA ESMOREZA A TÚA LUZ NAS NOSAS VIDAS

            • Por todos nós, para que teñamos sempre na nosa vida unha actitude de conversión continua, sendo quen de recoñecer os propios erros, refacer call1iños e endereitar posturas para acadar unha mesma meta: a construción do reino de Deus, OREMOS.
                        QUE NUNCA ESMOREZA A TÚA LUZ NAS NOSAS VIDAS
           
            Grazas, Señor, porque día a día es luz no noso camiño. Que sempre busquemos esa luz e así lla mostremos aos demais. PXNS. Amén


PARA A REFLEXIÓN
Polos vieiros do mundo,
ti pasaches dicindo a verdade.
Polos vieiros da terra,
Ti fuches romeiro e mensaxeiro do Pai.
Polos camiños da historia,
Ti estiveches atento aos sinais dos tempos.
Polos camiños dos pobres,
Ti fixeches a vontade do Pai.
Polos vieiros de Deus,
Ti fuches ao encontro de todas as persoas,
fillas e marxinadas.
Polos camiños da periferia,
Ti anunciaches a Boa Nova.
Polos vieiros dos irmáns e das irmás,
Ti fixeches o camiño cara ao Pai.
Polos camiños da vida,
Ti mesmo fixeches o teu propio camiño.
Polos teus vieiros, lévanos Señor.



CANTOS:      
ENTRADA:
Que ledicia a miña
OFERTORIO:
Ti es camiño é verdade
LECTURAS:
Sede o sal sede a luz
COMUÑÓN:
Ide e pregoade 


POWER POINTS: 

No hay comentarios:

Publicar un comentario