Ficha e Lectio Bautismo de Xesús - ciclo A






LECTIO :
http://www.salesianos.edu/sites/default/files/LectioDivina_080113.pdf

Atopamos neste domingo un texto breve que pide ser lido amodo, imaxinando a escena, facendo a composición de lugar e destacando o tres frases que se pronuncian.

O evanxeo de Mateo acaba de presentar a Xoán Bautista como un profeta que pide a conversión; a el achéganse xentes de todo tipo, e cara a el vai tamén Xesús, para facerse bautizar. Xoán non comprende o xesto; resúltalle imposible entender que Deus se achegue tanto ás persoas, que «faga cola» cos pecadores que van bautizarse. Xesús non necesita limparse dos pecados, renovar a súa vida coa alegría confiada do perdón de Deus, pero nós si necesitamos que el se nos achegue tanto que poida chegar a tocar a nosa miseria e as nosas esperanzas, o noso pecado e as nosas ilusións.

Por iso Xesús explica: hase de cumprir toda xustiza, hase de cumprir o que Deus quere. Mateo insiste e insistirá moito nisto en todo o seu evanxeo; JXesús veu a cumprir a vontade de Deus, que non é outra que un mundo renovado de xustiza e solidariedade, no que triunfa sobre a mesma morte a entrega por amor.

No verbo «cumprir», «levar a plenitude», atopamos un plan de vida proposto a todos os cristiáns, un itinerario que cada un nos podemos tomar en serio. A tarefa que a Palabra nos encomenda supón sempre un esforzo de discernimiento. Na nosa vida a «vontade de Deus», «o que Deus quere» vaise a concretar
dunha maneira que só nós poderemos dilucidar, a través da oración, da confianza nel, quizá até con decisións valentes e arriscadas.

A voz do ceo proclama ante Xoán, ante os presentes e ante nós mesmos que Xesús é o seu Fillo amado. Pero non para que sexamos espectadores, senón para que tomemos o mesmo camiño de Xesús. Sobre nós tamén pronunciou Deus as mesmas palabras. Como nos di o gran autor espiritual Henri Nouwen: É a voz de Deus, presente nas nosas vidas, a que «di como nun murmurio ou de forma arrebatada: "Ti es o meu amado". Non é fácil escoitala nun mundo que nos di todo o contrario. Estas palabras revelan a verdade máis íntima de todo ser humano. Todo o que espero de ti é que poidas ouvir estas palabras como ditas para ti con toda a tenrura e a forza que o amor pode pór nelas. O meu único desexo é que estas palabras "Ti es o meu amado" resoen no último recuncho do teu ser».

Non se trata de que sigamos a Xesús para alcanzar o premio do amor de Deus; ao contrario, «el amounos primeiro» (1 Xn 4,19). Por iso, os cristiáns non debemos camiñar pola vida coa intranquilidade de non saber se seremos capaces ou non de seguir a Xesús, de amar como el. Máis ben percorremos as pegadas de Xesús porque sabemos que, a pesar de todo, Deus ámanos con tolemia, e descubrimos que, ante tanto amor, só se pode responder entregando a propia vida, que é o único que temos.


Comentarios

Publicacións populares