Bautismo do Señor - ciclo A


ACOUGA O NOSO ESPÍRITO

Sentimos, Señor,
que estamos onde Ti queres que esteamos,
que nacemos para estar onde agora estamos,
que viñemos ao mundo para facer o que facemos.

De non ser así,
Ti teríasnos feito diferentes:
máis sabios ou máis pobres;
máis hábiles ou máis torpes;
máis tenros ou máis firmes;
máis fortes ou máis febles ...

Ti, que abriches o ceo para sempre,      
que nos deches vida e nome,   
que te mollaches para mollarnos,           
que nos perfumaches co teu Espírito,
que nos fas saber a túa vontade,
que nos chamas "fillos e fillas" sen ter vergoña,
que nos bautizaches para comprometerte
e que te aledas de que esteamos
onde Ti nos soñaches,
acouga o noso espírito
cando, ás veces, se nos ocorre
ao pesar as nosas vidas
-o que facemos, as nosas vaidades-,
que poderiamos ter feito algo máis grande.


Comentarios

Publicacións populares