Ficha e Lectio - Domingo 33 de Ordinario C
FICHA ADAPTADA DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO :
http://www.salesianos.edu/sites/default/files/LectioDivina_081116.pdf
Todos recibimos talentos. Todos fomos lanzados á aventura da vida cuns talentos nas nosas mans, dos que teremos finalmente que dar conta. Todos podemos descubrir que na nosa vida hai unha riqueza escondida e oculta, se temos os ollos abertos.
A fe é un dos talentos que debemos facer render. Somos depositarios de algo que ten un valor máis grande que as enormes cantidades de diñeiro citadas na parábola. Enterrala no mero cumprimento, na rutina ou na estrita intimidade é facerse merecedores da condena do Señor. É preciso vivila, alimentala, testemuñala e contaxiala. Cada un co seu peculiar estilo de negociar e sen medos polo que poida pasar. O peor é non facer nada.
O evanxeo avisa de que o peor inimigo do home é o medo. Non temos dereito a deixarnos levar polo medo; niso está empeñada a nosa fidelidade a Deus, xa que a vida, a construción da vida, é o compromiso incondicional do crente co seu Deus. O medo é incompatible co evanxeo, pois incapacita para a fe, impide facer da historia de cada cal unha historia de salvación.
A actitude do «terceiro servo» da parábola, condenado soamente por preocuparse de «conservar o talento» sen arriscar nada máis, lémbranos que seguir a Xesús é moito máis que conservar intacta nosa moralidade fronte a todo e fronte a todos. A moral cristiá non consiste en conservar fielmente a herdanza que recibimos do pasado, senón en buscar, movidos polo Espírito de Xesús, como ser máis humanos precisamente no mundo de hoxe.
O seguimento a Xesús é sempre chamada a buscar e crear unha humanidade nova e sempre mellor. Por iso mesmo, seguir a Xesús é risco máis que seguridade. Esixencia fecunda máis que cumprimento estéril. Urxencia de amor máis que satisfacción do deber cumprido.
Ser crente é algo moito máis grande e apaixonante que enterrar a nosa vida nunhas leis para conservala segura. Cada un pode escondelos de moitas maneiras. Por exemplo: cando nos desentendemos deles; incluso crendo, vivimos en realidade de costas a Deus, pola nosa conta e risco, procurando só o que nos convén. Ou cando a nosa vida cristiá é superficial; realizamos o ben cando nos é fácil, pero deixamos de lado o que nos custa un esforzo, como nosas verdadeiras responsabilidades ou o que nos pide a caridade que debemos aos demais. Ou tamén cando a nosa fe é demasiado rutineira e limitámonos a ir tirando, sen aproveitar toda a riqueza e a forza dos dons que Deus dános para que -aos poucos e sinxelamente- vaiamos crecendo como fillos e vaiámonos asemellando á imaxe do seu Fillo, Xesús.
Cada un debe considerar con responsabilidade como traballa os dons de Deus, é dicir, se está a responder ao que Deus espera del.
Comentarios
Publicar un comentario