Domingo 31 de Ordinario C
31º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C
Primeira Lectura Sab 11, 22 -
12, 2
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Tes misericordia de todos, porque amas todo canto existe
Señor, o universo
todo, de fronte túa, é coma un lixo na balanza
e coma pinga de orballo da alborada caendo sobre a terra.
E nembargante,
compadecícheste de todo, pois todo o podes
e pasas por alto os pecados dos homes para que se convertan,
pois amas a todos os seres
e non rexeitas nada do que fixeches:
se algo che dese noxo, xa non o crearías.
Como podería algo
subsistir se ti non o queres
ou conservarse o que ti non chamas?
Mais ti todo o perdoas
porque todo é teu,
Señor, amigo da vida.
Pois o teu sopro
incorruptible mora en todas as cousas.
Por iso corrixes pouco
a pouco a aqueles que tropezan
e amoéstalos lembrándolles os seus erros
para que, deixando a maldade, crean en ti, Señor.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 144,
1-2. 8-9. 10-11. 13cd-14
R/. (cf. 1): Meu Deus e rei, hei bendicir o teu nome por sempre.
Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte
e bendicir o teu nome por sempre.
Hei bendicirte cada día,
hei loar o teu nome por sempre.
O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.
Que te loen, Señor, as túas obras,
e te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu reino,
e falen do teu poder.
O Señor é fiel en todas as súas palabras,
e santo en todas as súas obras.
O Señor sostén os que están para caer
e endereita os que se dobran.
Segunda Lectura 2 Tes 1, 11 -
2, 2
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS TESALONICENSES
Sexa glorificado en vós o nome de Cristo, e vós nel
Irmáns:
Rogamos decote por
vós, para que o noso Deus vos faga dignos da chamada e para que co seu poder
faga realidade todo propósito de facer o ben e toda empresa de fe.
Dese xeito vós daredes
gloria ao noso Señor Xesús Cristo e el a vós, conforme a graza do noso Deus e
do Señor Xesús Cristo.
Tocante á Parusía do
noso Señor Xesús Cristo e do noso encontro con el, rogámosvos, irmáns, que non
abaledes tan axiña nos vosos criterios nin vos desconcertedes por supostas
revelacións, ditos ou cartas nosas coma se o Día do Señor estivese a caer.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Xn 3, 16
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
De tal xeito amou Deus o mundo,
que lle deu o seu Fillo unixénito;
quen cre nel, ten vida eterna.
Aleluia.
Evanxeo Lc 19, 1-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Veu o Fillo do home buscar e salvar o que estaba perdido
Naquel tempo, chegou
Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo,
xefe dos recadadores e moi rico. Intentaba ver quen era Xesús; pero impedíallo
a xente, porque el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a unha figueira
para velo, porque ía pasar por alí. Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a
vista e díxolle:
‑ Zaqueo, baixa de
contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
El, baixando de
contado, acolleuno moi contento. Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
‑ Entrou a se hospedar
na casa dun pecador.
Zaqueo, posto de pé,
díxolle ao Señor:
‑ Señor, darei a
metade de todo canto teño aos pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille
catro veces máis.
Entón Xesús dixo:
‑ Hoxe chegou a
salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abrahán. Porque o Fillo do
Home vén buscar e salvar o que estaba perdido.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
ACOLLER E AMAR: DÚAS
ACTITUDES QUE MOSTRAN A PRESENZA DO ROSTRO DE XESÚS ENTRE NÓS EN TEMPOS DE
INCERTEZA E DESAMOR
PÓRTICO
O amor
fainos sentir iguais, preto, preocupados, dispostos e sempre solidarios para
cos demais. Entendemos entón por que para Xesús o amor é fonte e cumio da súa
vida e da dos que o seguen. Moitas veces cantamos nas celebracións que na
tardiña baixa da nosa vida, o único exame que imos pasar é o do amor; nel
mostraremos se verdadeiramente temos tomado en serio a invitación de Xesús de
amarnos uns aos outros.
Desde
este amor, sen límite e sempre comprensivo e misericordioso, invítasenos hoxe a
achegarnos á mesa do altar para compartir a celebración na que Xesús se nos
mostra na Palabra proclamada e no pan e viño da mesa da fraternidade. Que
poñamos como guieiro e tarefa da nosa vida o amor, que unha vez acadada nos
mostra o rostro de quen amou ata ser capaz de dar a vida en totalidade.
O
PERDÓN
· Porque nos falta compaixón e nos sobra
intolerancia, SEÑOR, QUE A NOSA VIDA NON SEXA ENGANO.
· Porque nos sobran prexuízos e nos falta
sinceridade, CRISTO, QUE A NOSA VIDA NON SEXA ENGANO.
· Porque moitas veces afastámonos no
camiño da misericordia e do perdón ao que sempre nos chamas, SEÑOR, QUE A NOSA
VIDA NON SEXA ENGANO.
REMUÍÑO
· PORQUE O SEÑOR NON ABORRECE NADA DO QUE
FIXO: A primeira lectura que vimos de proclamar, tomada do Libro da Sabedoría,
supón un sopro de aire fresco neste clima moitas veces cargado de negatividade
e pesimismo da nosa Igrexa. Si, porque nos invita a ver o mundo con ollos de
esperanza, con ollos positivos, con ollos de bondade. Neste mundo, que Deus
crea e nós recreamos, non hai nada aborrecible. Unha vez máis: que lonxe está a
Palabra das palabras de moitos dentro da nosa Igrexa que, hoxe como nunca,
teiman na xerarquización, na obediencia cega sen cuestionar nada e na
uniformidade que acaba converténdose en rutina. Si, cando a intransixencia e o
fanatismo fan que se cuestione con lupa mesmo o que fai e di o Papa Francisco
(feito inaudito dentro da Igrexa o de cuestionar ou matizar a todo un Papa), a
Palabra, incansable, quere facernos caer na conta que Deus non é verdugo nin
xuíz sanguinario, senón que segue a ser Pai-Nai que acubilla, acolle e perdoa.
Por que entón a nós se nos enche a boca falando dun castigo de Deus, dun Deus
que leva conta dos nosos erros e a quen lle temos que facer constantemente actos
de desagravio?. Non será que nos predicamos a nós mesmos, mesquiños e ruíns, e
proxectamos esa mesma imaxe de Deus por ser a que nos proporciona maiores
dividendos e seguridades?. Ata cando, Señor, seguiremos vivindo amedrentando e
humillando aos irmáns?.
· SEXAMOS DIGNOS DA NOSA VOCACIÓN: Porque
Deus nos quere, porque para El somos importantes, porque se ocupa e preocupa
por nós, non podemos nin debemos fallarlle: El chámanos á felicidade, a
realizarnos como persoas a través da nosa vocación cristiá no medio do mundo. E
temos que facelo sen desesperar, cos pés pisando forte, sen caer na tentación
de fuxir, de pechar os ollos ao que pasa, de querer desentenderse dos problemas
e retos. Porque aí está o noso compromiso de fe. Que as dificultades non nos
leven a caer na tentación de refuxiarnos nos “cuarteis de inverno” á calor
dunha fe cómoda, cultual e amoldada aos nosos propios intereses.
· E SEXAMOS PERSOAS ABERTAS, QUE DAN
OPORTUNIDADES: E neste estar no mundo, non somos quen de ser xuíces dos demais.
No marco dunha sociedade teocátrica coma a de Israel, invadida por unha nación
estranxeira e obrigada a pagar pesadísimos impostos, a figura do “recadador” é
o símbolo do renegado e mercenario ao servizo de Roma. Zaqueo era baixo de
estatura, un ladrón, un proscrito. Con todo, quería ver quen era Xesús e El...
reparou naquela persoa. Soubo ir máis alá dunha mirada superficial, soubo mirar
cara dentro, soubo descubrir que aquel home berraba en silencio que lle desen
unha nova oportunidade, soubo ler no seu corazón que aquela persoa quería e
podía cambiar e entrar na dinámica do Reino. Porén, nós seguimos empeñados en
que as persoas non poden cambiar, seguimos negándolle a oportunidade do cambio
a quen nos fixo dano, seguimos sen saber descubrir que o Señor pasa cada día e
que hai moitos irmáns que, subidos na figueira da dor, da incomprensión, da
soidade, da marxinación, da pobreza... esperan o seu paso para aterrar e
comezar unha nova vida. Seremos nós tan curtos de sentimentos, que non de estatura,
como para negárllela?.
ORACIÓN
DA COMUNIDADE
Deus non
cansa de saír ao noso encontro; porén, nós, cansamos de abrirlle a porta do
corazón. Aprendamos a ser insistentes coma El, e digamos xunt@s:
ACOMPÁÑANOS
E ENSÍNANOS A VIVIR O AMOR
· Que entre tod@s construamos unha
Igrexa pobre e para os pobres, afastada da tentación do dominio e do poder,
OREMOS
ACOMPÁÑANOS
E ENSÍNANOS A VIVIR O AMOR
· Que fagamos das nosas comunidades
berces nos que cando nos sintamos desacougados ou cheos de tristura e dor,
atopemos sempre alguén que pare con nós e nos, OREMOS.
ACOMPÁÑANOS
E ENSÍNANOS A VIVIR O AMOR
· Que fagamos da nosa vida un esforzo
continuo por servir coas nosas mans e o noso corazón a quen se senta
necesitado, enfermo ou so, OREMOS.
ACOMPÁÑANOS
E ENSÍNANOS A VIVIR O AMOR
Grazas,
Señor, por estar sempre ao noso lado, a pesares que non sempre nos estamos ao
teu. P.X.N.S. Amén.
PARA
A REFLEXIÓN
Ti,
Señor, es un Deus de vida e de ilusións.
Non é
inofensivo achegarse a Ti.
Ti es
quen de darlle a volta á cabeza, ao corazón e á vida,
a todas
as vidas de todas as persoas.
Ti es
quen de reformar os nosos plans e desviar os nosos camiños,
de abrir
novos vieiros, de ofrecer abrentes impensables.
Ti es
quen de fixarte en quen está na figueira,
de
invitarte a comer por sorpresa,
de
hospedarte na casa dun pecador,
de
repetir, hoxe,
con cada
un e cada unha de nós,
a
historia de Zaqueo.
Non te
fagas de rogar,
míranos
como sabes,
e
invítate a xantar na nosa casa.
CANTOS
Temos unha festa
LECTURAS:
Contade as marabillas do Señor
OFERTORIO:
Benaventurados
COMUÑÓN:
Déixate querer
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario