Domingo 1 de Advento - Ciclo A

DOMINGO I DE ADVENTO - CICLO  A


Primeira Lectura         Is 2, 1-5
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
O Señor congrega a todas as nacións na paz eterna do seu Reino

Palabras que en visión profética recibiu Isaías, fillo de Amós, acerca de Xudá e Xerusalén:
Ao final dos tempos o monte da casa do Señor estará firme, asentado no cume dos montes, ergueito sobre as montañas.
Acudirán alí todas as nacións, poñeranse en camiño pobos numerosos.
Dirán:"Vinde, subamos ao monte do Señor, á casa do Deus de Xacob.
El hanos aprender os seus camiños, e marcharemos polos seus vieiros;
porque a lei ha saír de Sión, de Xerusalén, a palabra del Señor".
Será o árbitro das nacións, o xuíz de pobos numerosos.
Das espadas forxarán arados, e das lanzas, podadeiras.
Non erguerá a espada nación contra nación,
non se adestrarán para a guerra.
Casa de Xacob, ven; vaiamos
e camiñemos á luz do Señor!
                                                                                                                                            
 Palabra do Señor                                        R/ Grazas a Deus           


SALMO RESPONSORIAL           Sal 121, 1-2. 4-5. 6-7. 8-9
 R/.  (cf. 1):  Imos alegres para a casa do Señor

Moito me alegrei cando me dixeron:
"imos ir á casa do Señor".
Xa están os nosos pés
ás túas portas, Xerusalén.

Alá soben as tribos, as tribos do Señor,
conforme o costume de Israel,


a festexar o nome do Señor.
Alí están os tribunais de xustiza,
os tribunais da casa de David.

Desexádelle paz a Xerusalén:
Vivan seguros os que te aman.
Haxa paz dentro dos teus muros,
seguranza dentro dos teus pazos.

Por mor de meus irmáns e compañeiros,
direi: "A paz contigo".
Por mor da casa do Señor, o noso Deus,
desexo para ti todo ben.



Segunda Lectura        Rom 13, 11-14a
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS  ROMANOS
A nosa salvación está xa máis cerca
  
Irmáns:
Sabedores do tempo de salvación no que estamos,  xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está máis cerca de nós que cando empezamos a crer. A noite vai andada, e o día está a chegar: rexeitémos obras das tebras e vistámos armas da luz.
Como en pleno día, camiñemos decentemente, nada de lupandas nin borracheiras, nada de obscenidades nin libertinaxe, nada de liortas nin envexas.
En lugar diso vestídevos do Señor Xesús Cristo, e non lles fagades caso aos  baixos apetitos.
                                                                                                                                            
Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus


ALELUIA    Sal 84, 8
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Amósanos, Señor, a túa misericordia,
e dáno túa salvación.
Aleluia.


Evanxeo          Mt 24, 37-44
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Vixiade para estardes preparados
  
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
- Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home. Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home. Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán o outro. Estarán dúas mulleres moendo no muíño, levarán a unha e deixarán á outra.
Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben: se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén: estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do Home.
                                                                                                                                            
Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo 



UN ADVENTO PARA CONSTRUÍR ESPERENZA ABRINDO O CORAZÓN A QUEN CHEGA 
1º Advento  A  2013

SIGNO: 
Elaboraremos unha árbore en cartolina (tamén pode ser unha árbore natural) na que iremos pendurando, cada un dos domingos de Advento, un corazón tamén feito de cartolina. Dito corazón ten unha pechadura que, ao abrirse, deixa ver dentro unha frase dos textos das lecturas do día, que nos invita a deixar atrás canto nos fai insensibles e ritualistas na nosa tarefa de levar á vida de cada día as esixencias do Evanxeo de Xesús. Ao remate do Advento, poñeremos a árbore cos corazóns pendurados nela, diante do nacemento. Este é un sinal de que estamos dispostos a que o Deus que nace sexa estímulo e forza para non volver ao cadeado que nos encerra e illa dos irmáns.

Neste primeiro domingo, a frase que escollemos é: “Imos alegres á casa do Señor”.


PÓRTICO
Cando se comeza algo novo sempre se xera un momento de ilusión, esperanza, ledicia, estímulo… Non sabemos se seremos capaces de acadar o obxectivo proposto, se cansaremos antes de rematar ou se conseguiremos manter as ganas e a tensión ao longo de todo o proceso no que se vaia desenvolvendo esa acción. Algo así nos ocorre tamén co tempo de Advento, pois se ben é verdade que todos os anos aparece no calendario litúrxico como un tempo de preparación ao Nadal, non é menos certo que as nosas actitudes, a nosa situación persoal ou a nosa vida de fe non son sempre as mesmas. Nós cambiamos, e as experiencias que vivimos veñen marcadas por este cambio. Iso quere dicirnos que inda que volvamos falar do Advento, a nosa vida desde hai doce meses non é a mesma. Por iso volvemos atopar cunha invitación a facer unha paradiña para revisar como foi este último ano da nosa existencia, e de que xeito o noso actuar ten sido expresión de que Deus foi acollido no corazón de cada un de nós. Deixemos, logo, que este tempo que nos abre o camiño do Nadal sexa tempo de revisión, renovación e misericordia, no que nos preparemos para acoller ao Señor acollendo aos irmáns que nos tendan a man e necesiten da nosa presenza.


PERDÓN
Por ter posto demasiados cadeados no noso corazón, que nos foron facendo insensibles diante da tristura dos irmáns e das irmás, SEÑOR, QUE A CHAVE DO TEU AMOR ABRA O NOSO CORAZÓN.
Por ter postos cadeados no noso corazón que nos levaron a darlle as costas á dor dos nosos irmáns e das nosas irmás, CRISTO, QUE A CHAVE DO TEU AMOR ABRA O NOSO CORAZÓN.
Por ter posto cadeados no noso corazón que nos fixeron consentidores, co noso silencio, da inxustiza e a dor das persoas que temos ao noso lado, SEÑOR, QUE A CHAVE DO TEU AMOR ABRA O NOSO CORAZÓN.

REMUÍÑO
     Empezar de novo nunca é tarde nin cansa: O salmo dinos que vimos ledos á casa do Señor. Á nosa casa. Esta ledicia ten que movernos a facer deste tempo de Advento que hoxe comezamos un tempo de vivencia profunda da fe e de preparación para o acontecemento que cambiou a historia da salvación: o nacemento de Xesús. Como non vai ser isto motivo de ledicia! Como non ha movernos a deixar atrás todo canto nos fai inseguros, infelices, rancorosos, preguiceiros! Como non vai ser motivo de alegría coller a man de quen nos alenta a camiñar por vieiros de entendemento, colaboración, diálogo ou solidariedade! Como non vai ser motivo de ledicia dicirlle si a Aquel que non leva conta do que fixemos, senón que sae ao noso encontro coa man sempre tendida e disposta a acoller! Non cantamos, por acaso, moitas veces que o achamos presente na vida e nos fiamos del sen necesidade de velo? Como, entón, non responder ao seu chamamento de facer deste tempo de Advento un tempo de apertura do corazón a ser mellores e a traballar por facer mellor o mundo no que vivimos: familia, parroquia, traballo … A salvación chéganos con Xesús, abramos o cadeado do noso corazón para que entre!

     Recoñecer que todos podemos cambiar, é sinal de madureza: Para que esta chegada poida ser posible, necesitamos poñer un pouco ou un moito de cada un de nós. Se non estamos dispostos a cambiar, a deixar atrás todo canto sabemos que non nos fai mellores persoas nin nos axuda a ser máis felices, é mellor que con sinceridade non sigamos cara adiante, que o deixemos, porque Xesús pídenos cambio. Se non estamos dispostos a dar ese paso, todo canto fagamos é baldío. E xa sabemos que o que non dá froito acaba por cortarse para que non estorbe. Co comezo do Advento estamos diante dunha nova oportunidade de facer as cousas doutro xeito, de romper rutinas, de impedir que o costume marque e guíe a nosa vida. Fagamos destas catro semanas un tempo de salvación, novidade e esperanza que mova e remova as nosas vidas; que nos faga pensar un pouco en canto temos que ir deixando atrás porque nos pesa demasiado. Porque, como ben di Xesús, non se avanza se non imos lixeiros de equipaxe.

     Deixarnos levar da man de quen nunca nosa falla, é sinal de que nada está perdido: Para que nada se perda e a nosa docilidade non sexa sometemento nin escravitude, temos que estar vixiantes. Vixiantes para que nada se nos cole e nos faga retroceder. Xa non podemos mirar atrás. O que era xa non é, e temos por diante un fermoso tempo no que abrir todos os cadeados que pechan o noso corazón no egoísmo da inxustiza, e nos impiden abrilo á solidariedade de quen tende a man para dicirnos: ven, aquí estou contigo.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
No comezo do Advento, deixemos que a man de Deus abra o cadeado do corazón que tantas veces nos ten impedido mostrarnos sensibles á dor dos irmáns e dispostos a cambiar, e digamos:
SEÑOR, QUE DEIXEMOS ENCHOUPAR DE AMOR O CORAZÓN
      Para que neste tempo de Advento, saibamos descubrir que só sentíndonos Igrexa que recoñece os seus erros e pide perdón por eles, acadaremos a renovación e a misericordia de Deus, OREMOS.
SEÑOR, QUE DEIXEMOS ENCHOUPAR DE AMOR O CORAZÓN

     Para que estas catro semanas nos axuden a tomar conciencia de que tamén na nosa parroquia e cos nosos veciños necesitamos cambiar actitudes que nos fan insensibles e non nos deixan ver a necesidade que os demais teñen de nós, OREMOS.
SEÑOR, QUE DEIXEMOS ENCHOUPAR DE AMOR O CORAZÓN
      Para que a nivel persoal aproveitemos o tempo de Advento para curar as feridas que van deixando en nós o egoísmo, a cobiza, a preguiza e incapacidade de ser sensibles e próximos á dor dos demais, OREMOS.
SEÑOR, QUE DEIXEMOS ENCHOUPAR DE AMOR O CORAZÓN

Señor, que o Advento sexa tempo que aproveitemos para curar as feridas que nos fan poñer cadeados a nosa relación contigo e cos irmáns. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
Somos mulleres e homes de esperanza, por iso, queremos agradecerche, Señor, que sexas luz que vence á tebra para iluminar o mundo coa túa presenza, unha presenza: 

     Que nos invita a camiñar na benaventuranza

     Que nos mostra a grandeza de tantos voluntario e voluntarias que dan o mellor das súas vidas para facer felices a quen os necesita.

     Que nos chama a vivir na grandeza da túa misericordia a través da entrega xenerosa, calada, e sempre perseverante, de quen segue camiñando na esperanza a pesar dos desacougos e dificultades da vida.

     Que nos fai sentir familia unida non pola rutina e o enfrontamento, senón polo amor e a axuda que nos prestamos uns aos outros.

     Que nos leva a agradecer o traballo de tantas persoas que se ocupan e preocupan de nós, profesionais dos diversos campos do mundo do traballo, que co seu esforzo nos van facendo a vida máis doada e feliz.

     Que non deixa que a amargura, o desacougo e a desconfianza aniñen na nosa vida, senón que nos dá ollos para ver, oídos para escoitar e corazón para seguir sementando no medio do mundo folerpas de amor gratuíto, xusto, participativo e solidario. Amén

CANTOS
     ENTRADA:
      Volve, Señor
     LECTURAS:
      Veña o teu Reino
     OFERTORIO:
      Na nosa terra
     COMUÑÓN:
      Xesús chamado amigo

POWER POINTS


Comentarios

Publicacións populares