Domingo 33 de Ordinario - ciclo C
33º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -
CICLO C
Primeira Lectura Mal 3,
19-20a
LECTURA DO LIBRO DE MALAQUÍAS
Amence para vós o sol de xustiza
Velaí chega o día:
abrasará coma un forno,
e os soberbios e todos os que cometen a maldade serán palla.
Si, o día que chega
será a vosa queima
‑fala o Señor dos Exércitos ‑:
non vos deixará raíz nin póla.
Brillará para vós, os
que respectades o meu Nome,
un sol de xustiza, que trae saúde nas súas ás.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 97, 5-6. 7-8. 9a. 9bc
R/. (cf. 9): O Señor vén xulgar os pobos con rectitude.
Tocade para o Señor a cítara,
a cítara e tamén o salterio;
con claríns e co son das trompetas
aclamade o Señor, noso rei.
Resoe o mar e canto o enche,
o mundo e cantos o habitan;
aplaudan os ríos,
alédense os montes.
Diante do Señor,
que vén para rexer a terra.
El rexerá o mundo con xustiza
e os pobos con rectitude.
Segunda Lectura 2 Tes 3, 7-12
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS TESALONICENSES
O que non queira traballar, que tampouco coma
Irmáns:
Ben sabedes vós de que
modo debedes imitarnos, xa que non nos dedicamos a andar sen xeito nin comemos
de moca o pan de ninguén, senón que traballamos noite e día con esforzo e
fatiga por non sermos unha carga para ningún de vós.
Non porque non tivésemos
dereito, senón para vos dar un exemplo que imitar, e porque, cando estabamos
onda vós, xa vos demos esta norma: o que non queira traballar, que tampouco
coma.
Porque chegou aos
nosos oídos que algúns de vós andan descamiñados e por riba de non traballaren
nada, entremétense nas cousas dos demais.
A eses mandámoslles e
aconsellámoslles no Señor Xesús Cristo que traballen con acougo para comeren o
seu propio pan.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Lc 21, 28
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Mirade e erguede as vosas cabezas,
porque está cerca a vosa redención.
Aleluia.
Evanxeo Lc 21, 5-19
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas
Naquel tempo,
comentaban algúns a fermosa cantería con que estaba construído o templo, e os
exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:
‑ Todo isto que
estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra
sobre pedra.
Eles preguntáronlle:
‑ Mestre, dinos, cando
van pasar estas cousas? Cal será o signo de que van suceder?
El empezoulles a
dicir:
‑ Estade atentos, para
non vos extraviar. Porque han vir moitos no meu nome, dicindo: "son
eu" e "está a chegar o momento", pero non os sigades. Cando
oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes; que iso ten certamente
que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.
Entón díxolles:
‑ Erguerase pobo
contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en
diversos lugares; cousas espantosas, e grandes sinais no ceo. Pero antes de
todo isto botaranse sobre vós, perseguíndovos: levaranvos ás sinagogas e á
cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de
dar testemuño.
Metede ben na cabeza
que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, que eu vos darei unha
elocuencia e mais unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos
adversarios.
Entregaranvos vosos
mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós, e todos vos
aborrecerán por causa miña, e mais non perderedes nin un pelo da vosa cabeza.
Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
O QUE NON TRABALLA QUE NON
COMA.... E TI, MORRERÍAS DE FAME?
TOMADO DE :
PÓRTICO
As palabras da carta de Paulo resoan
nos nosos oídos coma unha aldrabada que nos fai poñer as pilas. Si, porque
moitas veces pensamos que o mundo do traballo era pura e simplemente un medio
de gañar cartos para logo poder gastalos. Que equivocados estabamos! O traballo
é medio para obter uns ingresos, pero o seu fin non debemos situalo aí, pois
estaríamos quitándolle todo o sentido de realización persoal, encontro cos
demais, achega ao desenvolvemento da sociedade...Pero....estivemos tan cegos
que non nos decatamos e agora, como nos ocorre coas cousas importantes,
botámolo de menos cando o temos perdido.
A Palabra lémbranos que temos que
estar atentos ao mundo laboral para erguer a nosa voz sempre que por medio do
traballo dos outros, haxa persoas que se enriquezan, os exploten, lles supriman
dereitos ou manteñan situacións de escravitude –que neste tempo de crise medran
coma o leite na ola-. Dignificar o traballo e as súas condicións é tarefa de
todos, por iso ter un posto de traballo é moito máis que unha posibilidade de
gañar cartos; é un medio que nos fai crecer coma persoas e abrirnos á
sensibilidade de solidariedade e doazón á sociedade que entre todos imos
creando.
Que a celebración de hoxe nos axude
neste espertar.
O PERDÓN
Porque
ás veces en lugar de “vivir coa suor da nosa fronte”, vivimos coa suor do de
enfronte, explotando, utilizando e pisando aos demais, SEÑOR, QUE VALOREMOS O TRABALLO COMO DON.
Por
non ter entendido que a nosa fe esixe de nós responsabilidade no eido do
traballo, realizándoo dun xeito digno e serio, CRISTO, QUE VALOREMOS O TRABALLO COMO DON.
Por
non temos estado comprometidos na defensa das condicións dignas e dos dereitos
dos traballadores, SEÑOR, QUE VALOREMOS
O TRABALLO COMO DON.
REMUÍÑO
Case
a piques de rematar o ano litúrxico, a celebración deste domingo pon diante de
nós o complexo mundo laboral, lembrándonos que para toda persoa, pero
fundamentalmente para aos cristiáns, o traballo é o mellor camiño de crecemento
e realización persoal. Paulo tíñao vivido e experimentado, por iso lle escribe
aos Tesalonicenses para recordárllelo e transmitirlles que o seguimento de
Xesús pasa por ocuparnos e preocuparnos polo que ocorre no noso mundo. Como
máis tarde dirá o concilio Vaticano II, “nada hai verdadeiramente humano que
non preocupe aos cristiáns”. E esa ten que ser a nosa implicación cada día,
polo que non podemos converter a fe nun trankimazín que nos apampe, que nos
impida comprometernos e implicarnos cos problemas e tamén cos retos que hai no
mundo. E isto que Paulo lles dicía, pois había algúns daqueles cristiáns que,
se desentendían das súas tarefas, tamén nolo lembra hoxe a nós. Si, porque hoxe
a Palabra volve lembrarnos que fe e vida son dúas caras dunha mesma moeda, que
somos cristiáns a tempo completo, 24 horas ao día e 365 días ao ano. Non
podemos ser carga para ninguén, ao contrario, como crentes estamos, se cabe,
moito máis urxidos a liderar proxectos e accións que busquen canto fai que o
ser humano, en calquera parte do mundo, pero comezando polos que temos á porta
da casa, viva dignamente e se lle respecte e recoñezan os seus dereitos, o que
supón traballar pola igualdade a xustiza e a liberdade. E isto non pode ser
unha moda dunha igrexa que como se vai quedando sen xente se apunta ao que se
leva. Non, isto é unha esixencia da fe recibida no bautismo e que nos alenta a
estar no mundo con actitude de unión, solidariedade e esforzo, sabendo que iso
foi o que fixeron moitos crentes ao longo dos séculos, e cuxo testemuño debe
servirnos a nós para non recuar.
Pero
teñamos en conta que o traballo, o compromiso a prol de todos por construír o
Reino é laborioso, e mesmo algunhas veces ingrato. Ingrato porque nos leva a
sermos incomprendidos polos nosos veciños, que poden ver intereses particulares
ou protagonismo; incomprendidos pola sociedade, que nos ve trasnoitados e pouco
valorados moitas veces polo mal facer doutros cristiáns; incomprendidos por
algúns sectores da Igrexa, nostálxicos dos tempos pasados. Xa o escoitamos no
evanxeo. Non nos perseguen nin discriminan, pero si pasamos dificultades e
incomprensións. E como di Xesús, só se somos perseverantes poderemos levar a
cabo este compromiso, e entender, sen demagoxia de ningún tipo e non
deixándonos utilizar nin manipular, o que supón, esixe e implica a salvación.
Que a celebración de hoxe nos dea azos e ilusión para traballar por todas as
persoas desde o compromiso por facer presente entre nós o amor de Deus.
Vivir,
actuar, comportarse deixándose acompañar por Xesús, vai facendo que a nosa vida
vaia descubrindo a esperanza, a forza da fe, a radicalidade do amor vivido en
entrega cara os que menos teñen e máis o necesitan. O deixarse acompañar por
El, confórmanos como homes e mulleres que teñen descuberto no día a día da súa
vida, da súa oración, das relacións cos demais, que a nosa fe susténtase nun
Deus de vida e non de morte. Un Deus no que atopamos a forza para asumir retos
e afrontar desafíos cada día e en cada momento da Historia. Un Deus que non
mira ao pasado, senón que se deixa seducir por nós para acompañarnos nas
decisións, acertadas ou equivocadas, que imos tomando na vida. Nunha palabra,
un Deus de vivos, de esperanza, de tenrura, de ledicia, de dinamismo e servizo,
de solidariedade e loita polo ben común. Un Deus que mira ao futuro, a vida, e
deixa atrás o pasado e o ritualismo, a
morte. Que o descubramos e nos poñamos con prontitude na disposición de
seguilo.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Presentemos
a nosa oración a Deus, Pai de todas as persoas, para que alente e acompañe a
nosa vida, dicindo:
GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO
Pola
Igrexa, para que nunca utilice a relixión para intereses persoais privados:
adquisición de poder, de prestixio, de bens materiais… senón que saiba
presentala coma camiño que dá sentido á vida das persoas, OREMOS.
GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO
Polas
nosas comunidades, para que a riqueza, o posto de traballo ou o status
económico nunca se convertan no nivel polo que medimos e xulgamos ás persoas,
senón que, pola contra, sempre teñamos as mans abertas para axudar aos que
menos teñen, aos que pasan dificultades, OREMOS.
GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO
Por
todos e todas nós, para que saibamos redescubrir o traballo como camiño de
realización persoal, e non coma unha canga pesada enriba dos nosos ombreiros, e
así esteamos sempre dispostos a loitar pola dignificación do mundo laboral,
OREMOS.
GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO
Grazas, Señor, por ternos chamado e por contar
con nós. Axúdanos no noso camiñar, para que sexa xusto e solidario. PXNS. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Queremos
vivir coma Ti nos ensinaches;
pero,
ás veces coma unha fervenza e outras coma unha lousa,
sentimos
medo e acoso,
vergoña
e compromiso,
dilema
e conflito,
sono
e vixilia,
ridículo
e aplausos...
E
cústanos moito ser nós mesmos,
e
aínda nos custa máis deixarnos guiar polo Espírito.
Non
sabemos para qué vale tanto apuro,
en
qué dará esta loita,
qué
será da nosa terra,
cómo
xerminarán os nosos soños,
qué
será dos que sofren e esperan,
qué
será dos que testemuñan,
a
onde irán as nosas vidas.
Pero
poñemos todo nas túas mans, Señor,
coa
esperanza e a seguridade de que nada se perda,
nada
de canto penamos, sufrimos e queremos.
ENTRADA:
Temos unha festa
LECTURAS:
Benaventurados
OFERTORIO:
Grazas, Señor, graciñas
COMUÑÓN:
Eu sei de quen me fiei
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario