Domingo Cristo Rei
34º DOMINGO DO
TOC
FESTA DE CRISTO REI
Primeira Lectura 2 Sam 5, 1-3
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL
Unxiron a David como rei para Israel
Naqueles días, todas
as tribos de Israel foron a Hebrón, xunto de David, para dicirlle:
‑ "Aquí nos tes.
Nós somos do teu mesmo sangue. Xa de antes, cando Saúl reinaba sobre nós, eras
ti quen conducía a Israel e o Señor tíñache dito: ti pastarás o meu pobo
Israel, ti serás o seu xefe".
Os anciáns de Israel
presentáronse, pois, onda o rei en Hebrón. O rei David fixo un pacto alí con
eles, diante do Señor, e eles unxiron a David por rei de Israel.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 121,
1-2. 4-5
R/. (cf. 1): Imos alegres para a casa do Señor.
Moito me alegrei cando me dixeron:
"imos ir á casa do Señor".
Xa están os nosos pés
ás túas portas, Xerusalén.
Alá soben as tribos, as tribos do Señor,
conforme o costume de Israel,
a festexar o nome do Señor.
Alí están os tribunais de xustiza,
os tribunais da casa de David.
Segunda Lectura Col 1, 12-20
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Pasounos ao reino de seu Fillo benquerido
Irmáns:
Deámoslle grazas a
Deus Pai que vos fixo merecentes de participar na herdade dos santos, na luz.
El librounos do
dominio das tebras para nos pasar ao Reino de seu Fillo benquerido, en
quen alcanzamos a redención polo seu
sangue, o perdón dos pecados.
El é a imaxe do Deus
invisible, o primoxénito de toda criatura, pois nel foron creadas todas as
cousas, as do ceo e tamén as da terra, as visibles e as que non se ven:
maxestades, señoríos, principados e potestades.
Todo foi creado por el
e para el, el é anterior a todo e todo ten nel o alicerce.
El é tamén a cabeza do
corpo: a da Igrexa. El é o principio, o primoxénito de entre os mortos, por ser el en todo o primeiro.
Porque nel quixo Deus
que habitase a total plenitude, e por el quixo reconciliar o universo consigo,
o que hai na terra e o que hai no ceo, poñéndoos en paz, polo sangue da súa
cruz.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mc 11, 9. 10
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.
Evanxeo Lc 23, 35-43
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Señor, lémbrate de min cando esteas no teu reino
Naquel tempo, os xefes
moqueábanse de Xesús, dicindo:
‑ A outros salvounos.
Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.
Tamén os soldados se
burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:
‑ Se ti es o rei dos
xudeus, sálvate a ti mesmo.
E había un letreiro
enriba del: "Este é o rei dos xudeus".
Un dos bandidos que
estaban crucificados, insultábao tamén:
‑ Non es ti o Mesías?
Pois sálvate ti e sálvanos a nós.
Pero contestoulle o
outro, reprendéndolle:
‑ Seica non temes a
Deus, ti que sofres a mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibimos o que
merecemos, pero este non fixo mal ningún.
E dicíalle:
‑ Xesús, lémbrate de
min cando volvas como rei.
Xesús respondeulle:
‑ Asegúroche que hoxe
estarás comigo no paraíso.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
UN REINADO CONTRACORRENTE: PAZ,
XUSTIZA E AMOR. UNHA APOSTA DESDE O CORAZÓN PARA A VIDA
TOMADO DE :
PÓRTICO
|
Bos días! Que se alegren as persoas
pobres, as sinxelas, a xente de bo corazón, as persoas inmigrantes, as que
teñen o carisma das bágoas, as que berran liberdade, as que non foron amadas
nin bicadas suficientemente, as que deron amor sen preguntar, as limpas de
corazón..... Porque chega un ceo novo e unha terra nova, na que Xesús será rei
e onde reinará a misericordia, a xustiza, a beleza, a honradez, o perdón, a
amizade e o amor.... Esta é a esperanza, grande pero crible, coa que vivimos e,
sobre todo, actuamos.
Porque
cando Deus non é algo afastado e abstracto, senón alguén que sabe acompañar
vidas, proxectos e tamén fracasos, a fe deixa de ser un costume para
converterse en forza, alento e vida. Esta é a fe pola que loitou Xesús. Hoxe
vímola compartir. Por iso podemos dicir sinceramente: Que ledicia a miña xa
están os meus pés, pisando os vieiros da casa de Deus!.
O PERDÓN
- Para que o teu reinado non sexa unha palabra, senón unha
actitude ante a vida, SEÑOR,
ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO.
- Para que o teu reinado nos axude a superar a tentación do
posuír sobre o compartir, CRISTO,
ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO.
- Para que o teu reinado nos leve a mirar aos ollos a quen nos necesite,
e non a darlles as costas aos seus
problemas, SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NO
CAMIÑO.
REMUÍÑO
A
unción é un sinal que pon de manifesto que a persoa que a recibe é única,
distinta, especial. Un elixido. O día do noso bautismo, todos nós fomos
unxidos, a través das mans do sacerdote, por Cristo. Este sinal, aparentemente
tan insignificante, encerra toda a forza de que se é escollido para unha gran
misión. Unha misión que ha desenvolver como resposta á chamada recibida. Isto
mesmo foi o que nós recibimos cando nos bautizaron: unha misión. E coma toda
misión, temos que ir respondendo a ela, desenvolvéndoa en cada unha das cousas
que fagamos. No noso ir facendo, actuando, comprometéndonos… traballando,
estamos respondendo á misión recibida no bautismo e facéndonos construtores do
reinado de Deus. Por iso a celebración de hoxe ten tanto significado para nós
os bautizados, pois é un momento para revisar e preguntarnos como imos
respondendo a este envío recibido o día do noso bautismo, e alimentado logo ao
longo dos anos na Eucaristía, a Confirmación, a catequese ou a formación. Na
resposta que deamos, estará a nosa coherencia ou incoherencia como construtores
do reinado de Deus e testemuñas da súa mensaxe. A unción ponnos nun camiño que
teremos que ir percorrendo, tendendo a man e expresando que Deus non é unha
idea, senón un compromiso, unha esixencia, unha resposta diante das moitas
maneiras de vivir e de estar no mundo. Por iso vimos ledos á casa do Señor.
Paulo,
que tivera un experiencia fonda e forte de encontro coa mensaxe e o proxecto de
Xesús -o seu cambio radical de vida foi tan manifesto que pasou de perseguidor
dos cristiáns a perseguido por ser cristián–, quere transmitirlles aos
colosenses que atoparse con Cristo non é un acto social nin unha moda que pasa
co tempo, senón un esforzarse continuamente por camiñar no amor. E non se pode
camiñar no amor se o que facemos desde o día a día das nosas vidas é todo o
contrario: calamos diante de comportamentos corruptos, xustificamos a violencia
e aos violentos, somos inxustos á hora de relacionarnos e tratar cos demais,
permitimos e transiximos palabras e actuacións que feren ás persoas,
especialmente aos máis débiles e esquecidos ... se estes son comportamentos e
maneiras de facer as cousas pola nosa parte, dificilmente poderemos dicir que
queremos ser e vivir no reinado de Deus. Se o amor, a xustiza e mais a paz non
van marcando a nosa vida ,o percorrido de cada día non só non podemos dicir que
somos construtores do reinado de Deus, senón que tampouco podemos chamarnos nin
mostrar a dignidade que nos dá ser seguidores de Xesús. Ser cristiáns non é un
nome que nos puxeron cando eramos pequenos, senón un xeito de vivir, traballar
e facer do mundo a casa de todos. E iso só podemos facelo se de verdade temos
entendido o que significa a palabra amor.
Camiñar
deste xeito é o que fará posible que o Señor se lembre de quen somos e do que
fixemos na tardiña baixa das nosas vidas. Como cantamos moitas veces: se lle
demos comida ao famento, se ao sedento demos de beber … se nos máis pequenos e
pobres fomos capaces de atopar o Señor Xesús. Esta é a nosa tarefa, a tarefa de
todos. Se o facemos así, non é que o Señor se lembre de nós cando cheguemos ao
seu reino, senón que nos teremos convertido en construtores do seu Reino no
aquí e agora da vida de cada un de nós. El non vai esperar ao final, senón que
camiña ao noso lado desde o primeiro momento...o que pasa é que moitas veces,
ao andar tan atarefados, non temos sido capaces de recoñecelo.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Agradecidos pola palabra escoitada, e buscando
levala á practica da nosa vida de cada día, digamos xuntos:
QUE
A NOSA VIDA SEXA SINAL DO TEU REINADO DE AMOR
Para que no noso traballo de cada
día teñamos sempre presente que a Igrexa somos todos nós, e que a nosa tarefa é dar razón do teu reinado de paz, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA SINAL DO TEU REINADO DE AMOR
QUE A NOSA VIDA SEXA SINAL DO TEU REINADO DE AMOR
Para que nas nosas parroquias non convertamos o reinado de Deus en palabras baleiras e afastadas dos xestos que nos achegan aos demais e nos axudan a descubrir que temos que ser construtores de xustiza, OREMOS.
QUE
A NOSA VIDA SEXA SINAL DO TEU REINADO DE AMOR
Para que non fagamos nunca dos nosos
comportamentos rutina e costume, esquecendo que sempre teñen que ser e expresar
convicción, OREMOS.
QUE A
NOSA VIDA SEXA SINAL DO TEU REINADO DE AMOR
Sabendo que estás sempre ao noso carón, e nos invitas a poñer o cimento das nosas conviccións no amor aos demais, e non na fidelidade aos ritos, unímonos, Señor, para compartir agradecid@s este momento de oración comunitaria. P.X.N.S. Amén.
REFLEXIÓN
O orgullo de sermos cristiáns e cristiás:
-
o orgullo de ter por Deus a un home que foi asasinado por denunciar aos
hipócritas e por facerlle ben á xente
-
o orgullo de ter por libro sagrado un que ten como protagonistas a pescadores,
publicanos, tollidos, inmigrantes, boa xente, amigos e amigas.
-
o orgullo de ter como moral as benaventuranzas e como teoloxía o Noso Pai
-
o orgullo de saber que os primeiros no Reino van ser os que vivan coa
inocencia, a ledicia e a capacidade de asombro dos nenos.
-
o orgullo de ter tido coma irmáns ao longo da historia a Paulo, Francisco de
Asís, Clara, Tareixa de Calcuta e Xoán XXIII entre outros.
-
o orgullo de seguir sendo hoxe, teimosamente, defensores da utopía dun mundo de
irmáns e irmás
-
o orgullo de ir atopando por todos os sitios pequenas comunidades que viven o
evanxeo
-
o orgullo de poder chamarlle cristiá a moita xente boa, que consume a súa vida
traballando coas persoas abandonadas da sociedade.
-
o orgullo de saber que un día Deus enxergará as bágoas dos nosos ollos.
(José Luis Cortés. El ciclo C. páx. 246-7)
CANTOS
ENTRADA:
Que ledicia a miña
LECTURAS:
Veña o teu Reino
OFERTORIO:
Eu soñei
COMUÑÓN:
Xesús chamado amigo
POWER POINTS
Dom34 Cristo Rei-Bene PagolaXesucristo Rei-C
Comentarios
Publicar un comentario