CARTA DE DEUS AO HOME- Advento

         Querido home:

         Escoitei o teu grito de advento. Está diante de min. O teu grito, home, golpea continuamente na miña porta. Hoxe quixer falar contigo para que repenses a túa chamada. Hoxe, home, quero dicirche: Por que Deus preguntas? A que Deus esperas? Que saíches a buscar e a ver no deserto?

         Escoita o teu Deus, home de advento: 

“Non chames á porta dun Deus que non existe. 
Dun Deus que ti te imaxinas… Se esperas. 
Ábrete á sorpresa do Deus que vén e non do deus que ti te fas… 
Ti, home, e todos os homes, tendes sempre a mesma tentación: 
facer un Deus á vosa imaxe. 
Eu dígoche, home, eu Deus de vivos, 
eu, Deus de Abrahán e de Xacob, 
son un Deus máis aló das vosas invencións…

         Ti, home, e tantos outros, saídes a ver onde está Deus… 
Dinvos: “aquí está…” 
Pero non o vedes, e sentídesvos desanimados. 
Si, demasiado desanimados porque Deus non está onde vos dixeron: 
E Deus está vivo. 
Pero vós non tedes mentalidade de Reino: 
non descubrides a Deus no sinxelo. 
Parécevos que o sinxelo é demasiado pouco para que alí estea Deus. 
Sabédeo: 
Eu, o Señor Deus, estou no sinxelo e pequeno.

         Home de hoxe e de sempre: 
deixa espazo a teu Deus dentro do teu corazón. 
Só podo nacer e medrar onde a miña palabra é acollida.

         Que tranquilo te quedas, home, 
facendo “o que hai que facer”, 
porque “facendo as cousas de sempre” evitas a novidade do Evanxeo. 
Pero eu dígoche que o teu corazón queda pechado, 
e os teus ollos incapaces de ver o camiño por onde eu chego.

         Non te defendas, home, como fas sempre. 
Non te escondas baixo ritos baleiros. 
Sae a ver o Bautista no Xordán: 
alí verás que os únicos non convertidos son sempre 
os que se saben xustificar e se teñen por fillos de Abrahán.

         Home, se me esperas, 
deixa de facerme ti o camiño 
e ponte no camiño que eu te sinalo por boca dos profetas: 
Abre o corazón á miña palabra.


                                                                               Eu, o teu Deus, fáloche.

TOMADO DE: http://www.diocesisdeteruel.org

Comentarios

Publicacións populares