Ficha e Lectio - Domingo 4 Coresma A
LECTIO:
DOMINGO IV DE CORESMA
(Ciclo A: 26 marzo 2017)
Outro
texto marabilloso este do evanxeo de Xoán. Semellante en fermosura ó da
Samaritana do anterior domingo.
Como
tamén hoxe o texto do evanxeo é suficiente longo, terei que ser
respectuosamente curto para non estragar coas miñas pobres palabras a beleza do
texto xoánico.
Son
moitas as consideracións e comentarios que se poderían facer. Eu ofrézovos
algunhas das que se me amorean na mente.
Xesús
preséntase no relato ante os que o ven, presencian, admiran (os seus
seguidores) ou rexeitan (os fariseos) como “luz”: “Eu son a luz do mundo”.
Isto
é decisivo, porque de pouco vale ter ollos se arredor noso non hai máis ca
tebras e escuridade. De pouco vale ter vista se non hai sol que dea claridade e
ilumine as cousas. Para aclarármonos sobre o que son as cousas, sobre o que é o
mundo, a realidade, o pasado, o presente e o porvir fainos falta luz, sol,
iluminación. E iso vénnos só de fóra de nós. Nós somos demasiado pequechos como
para dicirmos ou crermos que o sabemos todo. Este era precisamente o erro, a
cegueira máis decisiva dos fariseos. Falando con Xesús, utilizan continuamente
o “nós sabemos”...
Oiriades
ou leriades algunha vez que os chamados filósofos son esas persoas que se
ocupan de intentar saber como son as cousas, a realidade. Queren ir ó fondo das
cousas, descubrirlles o seu sentido, o seu segredo. Pois ben, case todos eles
teñen unha conciencia moi clara do nada doado que é arrincarlle á realidade os
seus segredos. Por iso escriben eles con bastante razón frases como estas: “só
sabemos que non sabemos nada”. Aínda que isto mesmo sexa xa desde logo un certo
saber. Un gran cardeal da igrexa, chamado Nicolás de Cusa, que viviu no século
XV, escribiu un famoso escrito co título “De docta ignorantia” (sobre a douta
ignorancia). Somos verdadeiramente doutos -vén dicir el- cando nos dámos conta
de que somos ignorantes, do pouco que sabemos. Iso si que é ser “doutos”, saber
que somos ignorantes.
Neste
sentido, os eternos contrincantes de Xesús, os fariseos, se algo non tiñan era
precisamente non ter migalla de filósofos. Eles pretendían sabelo todo,
gloriábanse ante os demais de dominar a lei, as normas, crían saber
perfectamente o que era bo e o que era malo. Podían cantarlle as corenta a quen
fose. E agora resulta que un pobre home, un que acababa de deixar de ser cego
para se converter en vidente, é dicir, en persoa que ve como son realmente as
cousas, as colores, as figuras e demais, resulta –digo- que esta persoa se vai
converter agora en doutor deles. Porque todos acoden a el para lle preguntar como
foi iso de que Xesús lle curara a cegueira. Porque, claro, iso non pode ser. Como
vai un pecador –e Xesús érao claramente para eles ó curar en sábado, polo
tanto, contra o que manda a Lei-, cómo vai poder un pecador facer milagres?
Logo iso non é posible. Non é posible para eles que Xesús o tivese curado.
Buscan e rebuscan razóns, argumentos e probas e calquera outra clase de datos
para se reafirmaren en que iso é imposible. Couces e máis couces contra o aguillón.
Pero
o pobre cego, que agora ve, non fai máis que contarlles simple e sinxelamente o
que lle pasou. Tan admirado está de tanta pregunta a el dos fariseos polo que
verdadeiramente lle pasou, que, con
pouca prudencia e sen pensalo moito, lles pregunta, seguramente con abonda
retranca pola súa parte: “Pero é que queredes tamén vós facervos discípulos
del?”.
Compréndese
moi ben que o cabreo dos fariseos chegase con isto ó máximo e que empezasen xa
a perder os nervios con el. “Ti. Ti serás discípulo del. Nós sómolo de
Moisés!”. Isto quere dicir. Nós atémonos ás normas da lei, dos correctos
costumes, do que sempre se creu e se fixo!
Como
se o mundo (podemos pensar nós) estivese quieto, parado... e, polo tanto, lles
estivese prohibido a videntes e profetas, coma Xesús, exercer a súa función de
rexeneración da moral, da ética, do ben facer. Sempre o mesmo. A historia de
poñerse de unllas contra os cambios repítese e seguirá seguramente a repetirse
sempre.
A
cerna, o fondo, da mensaxe de Xesús é que o decisivo, o bo, o que importa, o
que non se debe descoidar endexamais é que hai que practicar o ben. E practicar
o ben significa facer o ben as persoas, a calquera, sobre todo a aquelas que
máis o precisan. Facer felices as persoas a tódolos niveis. Ser compasivos,
sempre e pronto, como o foi Xesús con este cego dándolle vista sen tardanza,
aínda que fose nun día santo, nun día festivo, sen esperar a un día laboral, de
traballo, tal como pedían as normativas da lei relixiosa da época. Mentres non
cheguemos a pensar deste modo, seguiremos a ter inoculado no noso corpo a
perigosa enfermidade que deformou o comportamento dos fariseos. Os fariseos
tiñan os ollos manchados co lixo das normas baleiras que non lles deixaban ver.
E non hai peor cego ca aquel que non quere ver, que se tapa os ollos para no
ter que cambiar a súa conduta egoísta, pechada en si mesmo.
Nunca
nos sintamos gloriosos e satisfeitos cando alguén nos diga: “cánto sabes!”. Si
que poderiamos sentirnos contentos e felices, cando oiamos dicir de nós que
queremos, que amamos moito a xente, que nos preocupamos por ela e que non
deixamos de lles facer o ben. Só entón poderemos dicir que vemos, que non
estamos cegos.
CREDO
PRECES:
Deus
e Pai noso, que habitas nunha luz inaccesíbel, misterio absoluto das nosas
vidas, do noso pasado, presente e futuro, presentámosche a nosa oración,
dicindo: PAI, AXÚDANOS A VER. Todos: PAI, AXÚDANOS A VER.
-
Líbranos,
Pai, das nosas cegueiras e escuridades, para podermos recoñecerte a Ti no teu
Fillo Xesús.
Todos: PAI, AXÚDANOS A VER.
-
Fainos
cegos a normas e costumes baleiros que nos impidan verte a Ti.
Todos: PAI, AXÚDANOS A VER.
-
Ábrenos
ben os ollos, Pai, para podermos ver as necesidades e carencias dos que estean
ó noso lado e para axudalos a remedialas.
Todos: PAI, AXÚDANOS A VER.
Pedímoscho,
Pai, por medio do teu Fillo e irmán noso, Xesús, a quen Ti enviaches a este
mundo como “Luz do mundo”. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
http://www.gruposdejesus.com/4-coresma-xoan-91-41/
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2017/03/26-de-marzo-domingo-4-de-coresma-a.html
http://www.gruposdejesus.com/4-coresma-xoan-91-41/
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2017/03/26-de-marzo-domingo-4-de-coresma-a.html
Comentarios
Publicar un comentario