Ficha e Lectio: Domingo 1 Coresma A







LECTIO:
DOMINGO I DE CORESMA 
(5 de marzo de 2017)

Hai catro días, co mércores de cinza, empezamos un novo tempo litúrxico: o tempo da Coresma. Un nome, “Coresma”, que, como é doado ver, provén dos “corenta” días de xaxún do Señor no deserto. A liturxia vainos levando así, ó longo do ano, polas diversas experiencias da nosa fe. Unha experiencia que está directamente en relación coa vida de Xesús, desde o seu nacemento ata a súa morte e Resurrección.
O noso interese, como ben sabemos, por coñecer o que fai e di Xesús é porque Él, como fillo divino-humano de Deus Pai, é para todos nós exemplo vivo e sempre actual do que nós mesmos deberiamos tamén ser. El é o noso irmán maior, o que fai de ponte entre Deus-Pai e todos nós. El posibilita e realiza así a nosa salvación. É e será sempre, tal como el mesmo testemuñaba sobre si con autoridade, “luz do mundo e sal da terra”.
O evanxelista Mateo preséntanos hoxe a Xesús como tentado polo demo, por Satán. Non é de estrañar que, se El foi tentado, sexamos tamén todos nós tentados de cando en vez. En tódolos tempos, a igrexa, os cristiáns, tanto os que exercen altos cargos como os cristiáns de a pé estaremos expostos á tentación. As tentacións de pensar que, para levarmos adiante a obra ou a mensaxe de Xesús, non nos viría nada mal botar man de medios pouco ou nada evanxélicos. Mais non se pode facer medrar a árbore do evanxeo con produtos ou fertilizantes contrarios ó evanxeo. Dese xeito esa árbore esmorecería e secaría.
As tentacións que nos refire Mateo presentaranse seguramente en tódolos tempos. A tentación, por exemplo, de pensar e supoñer que as necesidades das persoas se reducen ó alimento corporal. “Non soamente de pan vive o home”, respóndelle Xesús ó Tentador, cando este convidaba a Xesús a converter as pedras en pan. Claro que todos necesitamos do noso pan material de cada día. Mais, alén disto, o que plenifica, o que enche, o que verdadeiramente e en definitiva satisfai as persoas é, como nos asegura Xesús, a “palabra” que “sae da boca de Deus”.
Agora ben, xa sabemos que esta “palabra” que sae da boca de Deus é, segundo nos lembra noutro lugar o evanxelista Xoán, Xesús mesmo. Para Xoán, Xesús é a “palabra” de Deus-Pai ó mundo. Así o escoitabamos na liturxia de Nadal: No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus... E a Palabra fíxose carne e puxo a súa tenda entre nós. Xesús é, pois, a verdadeira “palabra”, o verdadeiro “pan” co que Deus-Pai alimenta o mundo. Porque con este “pan” viranos tamén o pan material que precisamos para o noso corpo. Pois, a fin de contas, a “palabra”, o “pan”, que é Xesús, é o verdadeiro creador de fraternidade, de irmandade, de amor e de xustiza. Sen esta fonda fraternidade, que está unida á xustiza, seguirá a haber fame e miserias no mundo tanto agora como en tempos vindeiros.
Mais Satán, o Tentador, é teimudo e segue a tentar Xesús e a nós xunto con el. As cousas, vénlle dicir Satán a Xesús, resólvense co “poder”. E, para iso, fantasía Satán en lle ofrecer a Xesús tódolos reinos da terra ou en proporlle que faga milagres e cousas admirábeis, pois el ben as sabe facer...
Pero o reino de Xesús, ese reino ó que nós queremos tamén pertencer, non se basea na forza, no poder ou na fachenda. Como nos repite tantas veces a liturxia, é “un reino de xustiza, de amor e de paz”. Ou sexa, un reino de fraternidade.
No tempo de coresma hai certos días de xaxún (nada máis ca dous en total) e algúns días máis da que se adoita chamar “abstinencia”. Mais se pensásemos que iso é o fundamental do tempo coresmal estariamos nun bo erro. Sobre todo se durante o ano nos dedicamos a consumir e mercar todo canto os vendedores de mercancías nos poñen diante, freando só un pouco a febre de consumo nos días coresmais.
Polo contrario, o fundamental deste tempo litúrxico é írmonos convertendo, unha vez máis, un ano máis, á mensaxe de Xesús que se vai paseniñamente densificando, dende o pasado mércores de Cinza ata chegarmos á Semana Santa e ó cirio pascual do domingo de Resurrección, co que remata a Semana Santa. No pasado mércores dicíanos o sacerdote que presidía a celebración, ó impoñernos a cinza: “Convértete e cre no evanxeo”. Unha invitación á conversión que ten como ideario o evanxeo e que remata coa alegría pascual de Xesús resucitado para todos nós.
Volvendo de novo ó actual tempo de Coresma e ó tema do xaxún e da abstinencia coresmais. Non vos vou dicir -claro está- que non xaxuedes o día do venres santo ou que non vos absteñades de tomar carne nos venres da Coresma. Faltaría máis!! Pero se nos quedamos niso e non facemos algo máis, fraco favor lle facemos á nosa fe, esa fe que se ha de amosar como tal nas “boas obras” e na nosa preocupación polos demais, irmáns nosos. Neste senso, apúntome o que lin nalgún lado sobre o significado agachado deste tempo coresmal. O texto é este:
Coresma debería ser unha chamada de atención sobre os millóns de excluídos que xaxúan, non por devoción, senón porque carecen do esencial para viviren, que non elixen o xaxún senón que se lles impón, que cargan coa pesada cruz da vida sen cireneos que alivien o seu desfalecemento nin defendan a súa causa: famentos, marxinados da sociedade, empobrecidos, anciáns, desprazados polas guerras, desprezados pola cor da súa pel, pola súa cultura ou pola súa lingua... A todos estes háselles abrir o noso corazón na Coresma”.
Si. Iso é o que significa concretamente fraternidade, irmandade cristiá, se segue a ser verdade aquilo de que somos fillos dun mesmo Pai.
Por iso deberiamos dicir hoxe con especial devoción (lembrándonos das “tentacións” ás que foi sometido Xesús por Satán) aquelas palabras do “Nosopai”, a oración que Cristo mesmo nos aprendeu e que recitamos comunitariamente na eucaristía: “Non nos deixes caer na tentación”, na tentación de querermos ser cristiáns por camiños que non son os de Xesús.

CREDO

PRECES
Deus, noso Pai, Ti amosáchesnos en Xesús o camiño da verdade e da vida e nel aprendíchesnos tamén a superarmos as tentacións do Maligno. Dirixímosche a Ti a nosa oración de fillos dicindo: Non nos deixes caer na tentación
Todos: Non nos deixes caer na tentación.

Que a fama ou o poder mundanos non nos seduzan no espallamento da túa boa nova. 
TODOS: Non nos deixes caer na tentación.
Que non adoremos ou idolatremos cousa ou persoa algunha no mundo, senón soamente a quen Ti nos amosaches como Palabra túa, Xesús. 
TODOS: Non nos deixes caer na tentación.
Que neste tempo de Coresma e en toda a nosa vida non nos deixemos levar senón polo espírito de austeridade connosco e de xenerosidade e fraternidade cos demais, especialmente cos máis necesitados. 
TODOS: Non nos deixes caer na tentación.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, fillo teu e irmán noso. Amén.

Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:



Comentarios

Publicacións populares