Ficha e Lectio - Domingo 2 de Coresma A
DEBUXOS ADAPTADOS DE:
LECTIO:
DOMINGO II DE CORESMA
(12 de marzo de 2017)
Ímonos
introducindo, pouco a pouco, no tempo coresmal con este 2º domingo de Coresma.
É un tempo de toma de conciencia da nosa fe no Xesús que se nos amosa nos
Evanxeos. Seguimos así a consigna que se nos deu no Mércores de Cinza, ó
recibirmos a cinza que se nos impuxo coas palabras “Convértete e cre no
Evanxeo”. Dese xeito comezou este tempo litúrxico da Coresma hai once días.
“Crer
no evanxeo” é crer na súa mensaxe fundamental. Pois ben, podemos dicir que no evanxeo
de Xesús hai invitacións á conversión, hai toma de conciencia da gravidade das
ofensas a Deus e ós demais, hai narracións de situacións difíciles para o
seguidores de Xesús, hai sufrimentos, hai morte, hai resurrección... Pero, en
calquera caso, o evanxeo é en definitiva e en conxunto o que está resumido na
mesma palabra “evanxeo”, que significa: “boa noticia”, “boa nova”, “alegre
nova”. Así o quixo poñer ben de relevo o papa Francisco na súa primeira
encíclica que leva precisamente como título o de “A Alegría do Evanxeo”. Entre
outras cousas dinos, por exemplo, alí Francisco: “Todos teñen o dereito de
recibir o Evanxeo. Os cristiáns teñen o deber de anuncialo sen excluír a
ninguén, non como quen impón unha nova obriga, senón como quen comparte unha alegría,
sinala un horizonte fermoso, ofrece un banquete desexábel”.
Por
iso se a actual consigna introdutoria da Coresma inclúe as palabras “cre no
Evanxeo”, entón o convite coresmal é en último termo un convite a crer
firmemente que a noticia que Xesús nos trae e unha boa noticia, unha nova que nos trae alegría e non tristura. Quizais
por iso a cerna das Lecturas deste II Domingo de Coresma é tamén unha boa, unha
alegre nova no medio dun tempo litúrxico que en principio é de penitencia e
conversión.
Efectivamente,
xa a primeira Lectura do libro da Xénese nos presenta o prototipo do crente do
Antigo Testamento, Abrán, como bendicido por Deus cunha boa e alegre nova. A de
que “todos os pobos da terra se chamarán benditos no nome del”. É esta, de
feito, unha visión profética na perspectiva do que vai ocorrer no Novo
Testamento, coa vinda de Xesús.
Por
iso, nesta mesma liña, na carta que Paulo lle escribe a Timoteo (que os
biblistas consideran algo así coma o “testamento” de Paulo), o apóstolo fala
desta vinda de Xesús ó mundo como unha vinda que ocorre grazas ó poder de Deus
Pai. Un “poder” e unha “graza” de Deus “que se manifestou agora”, dinos Paulo,
“pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús”. Para Paulo, tal como comenta
el mesmo a continuación, esta aparición de Xesús pode sintetizarse nestas
palabras: “El (é dicir, Xesús) destruíu a morte e alumou a vida e a
inmortalidade por medio do Evanxeo”.
De
xeito que a grande e alegre “boa nova” que nos trae Xesús consiste xustamente
en que ataca e fai secar a raíz mesma de cantos medos e angustias temos as
persoas: a morte.
Non
hai aínda moitos anos a igrexa, na imposición da cinza do comezo da Coresma,
utilizaba unha fórmula moi distinta: ”Lémbrate, home, de que es po e ó po has
volver”. O lembrarse da propia morte non está mal, desde logo. Pero a verdade é
que a morte non é de ningunha maneira o pensamento central do evanxeo. Máis
ben, todo o contrario: a vida. En todo caso, a morte queda totalmente superada
coa mensaxe fundamental cristiá da resurrección. Da resurrección de Cristo e
mais da nosa. “Eu son a resurrección e a vida”, dinos Xesús. Isto si que é a
mensaxe central e básica do evanxeo. Por isto precisamente o Evanxeo é o que é:
“boa nova”, alegre nova, “alegría”, como con forza e insistencia nos repite o
papa Francisco.
Deste
modo, a mensaxe do evanxeo de hoxe vén sendo, en tempo coresmal de conversión e
de renuncias, a seguinte. Aínda que Xesús, e con el todos nós, teñamos que
enfrontarnos co sufrimento e mais coa morte nas nosas vidas, a nosa meta e o
noso destino definitivos están ben claros: vida para sempre, resurrección para
toda unha eternidade. A transfiguración de Xesús diante dos seus tres apóstolos
máis representativos, Pedro, Santiago e Xoán, é un sinal ante eles de que os
negros nubeiros, que se lle aveciñan a Xesús coa súa próxima paixón e
crucifixión, non poderán borrar do mapa a mensaxe de que Xesús é e seguirá a
ser para sempre Vida e Luz. “Eu son a luz do mundo”, dixera Xesús. O
evanxelista Mateo dinos, en consonancia con isto, que na súa transfiguración “o
rostro de Xesús resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos
coma a luz”.
En
calquera caso, cada cousa ó seu tempo. Isto é tamén unha das leccións que
aprendeu o impulsivo Pedro cando propuña pola súa parte facer, xa agora mesmo e
sen máis dilacións, tres tendas. Para cada un dos tres protagonistas
principais: para Moisés, para Elías e para Xesús. Porque, polo que se ve, os
tres apóstolos non tiñan necesidade de ningunha. Estaban xa ben así tal como
estaban: felices e contentos: “¡Señor, que bo sería ficarmos aquí!”.
Pero
a vida, tamén a vida cristiá, é un proceso, unha marcha. Non se poden queimar
etapas. Curta é desde logo toda vida, a nosa tamén, en comparanza cos grandes e
infinitos desexos que temos de vivir. Mais nesa vida nosa e coa fe, a graza e a
paciencia que o Espírito de Deus nos dará se llo pedimos, poderemos tamén xa
albiscar dalgún modo aquilo fermoso, grande e infinito que nos espera, aquilo
que de maneira efémera e fuxidía viviron Pedro, Santiago e Xoán.
CREDO
PRECES
Unidos entre todos como
irmáns, presentámoslle a Deus Pai as nosas oracións neste tempo coresmal,
dicíndolle: Escóitanos, Pai.
TODOS:
Escóitanos, Pai.
Axúdanos, Deus Pai, a crer firmemente no Evanxeo do teu Fillo Xesús.
Todos:
Escóitanos,
Pai.
Ilumínanos, Deus Pai, para podermos aprender que “crer no Evanxeo” do teu
Fillo significa crer na alegría
que el nos trae.
Todos: Escóitanos, Pai.
Fortalécenos, Deus Pai, para que en calquera dificultade da nosa vida
deamos testemuño da nosa fe no
evanxeo recibido.
Todos: Escóitanos, Pai.
Suscita, Deus Pai, novos evanxelizadores que saiban anunciar en tódolos
lugares do mundo a túa boa e alegre
nova.
Todos: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Noso Señor: AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario