Ficha e Lectio - Domingo 3 de Coresma
LECTIO:
DOMINGO III DE CORESMA
(Ano A: 19 marzo
2017)
Como
hoxe o texto do evanxeo foi algo longo e suficientemente comprensíbel, serei,
co voso beneplácito, un chisco máis breve.
Pois
ben, podemos dicir que este domingo é un día algo así como “pasado por auga”.
Non porque chova ou deixe de chover fóra, senón porque a auga vén ser o centro
das nosas lecturas de hoxe. A auga e maila sede. O noso Pai Deus e mailo seu
fillo Xesús son considerados e proclamados hoxe como “auga viva”. E esta “auga
viva” é considerada tamén como a única realidade que pode saciar
verdadeiramente a nosa sede.
No
Antigo Testamento, coma un presaxio ou anuncio do que virá, Moisés facía saír
auga da rocha para dar de beber ó pobo sedento. Por outro lado, na Carta ós
Romanos, dinos Paulo que no fondo de nós mesmos hai un desexo e unha
“esperanza” de “acadar a gloria de Deus”.
De
onde nos vén tal ansia e tal esperanza? Pois dese mesmo Deus que habita en nós.
Ou, como nos di tamén, aquí mesmo, Paulo, trátase dunha esperanza que “non
falla”. Pola seguinte razón: “porque o amor de Deus se verteu nos nosos corazóns
mediante o Espírito Santo que se nos deu”.
É
dicir, tódalas persoas (sexamos cativos, mozos, adultos ou anciáns) temos algo
especial no noso interior que non se dá saciado coas cousas e as adquisicións
digamos normais. En definitiva vén ser Deus mesmo, o seu Espírito vertido en
nós, o que nos fixo e nos vai facendo cada vez máis “á súa imaxe e semellanza”.
Por iso, é dicir, porque –malia os nosos fallos- temos moito de “divinos”, por iso
temos desexos de telo todo, de vivir sempre, de ser absolutamente felices.
Temos desexos que nos diferencian nisto totalmente dun can, dun ghato, dunha
ghaivota ou dunha pomba, para nomear só eses benditos animaliños cos que me
atopo máis dunha vez ó vir andando desde Teis ata aquí. Se vos fixastes ben ó
escoitardes o precioso relato do evanxeo de hoxe, é iso o que está de fondo na
conversa de Xesús coa muller samaritana e dela con Xesús. A muller busca auga,
auga sen máis para beber, auga que ela ten que quitar do pozo. Mais Xesús
faralle saber a ela que el está ó tanto do que ela busca tamén: amizade e
relacións (os cinco ou seis homes cos que ela andou ou aínda anda enredado).
Porque, á fin de contas, ela vai confesar abertamente tamén que o que realmente
e sobre todo ela busca é algo que a satisfaga totalmente e de maneira plena e
definitiva.
Pero
esta confesión vai precedida pola mensaxe, pola “boa mensaxe”, pola “boa e
alegre noticia” que lle comunica antes
Xesús ó lle dicir a ela: “Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; mais
o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede; a auga que eu lle
darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna”.
Como
vedes, Xesús fala dunha auga que sacia plenamente. Porque non é auga medida nun
vaso ou embotellada nun recipiente limitado. Máis que auga, o que lle ofrece
Xesús é unha fonte viva de auga. Unha fonte de tal calidade que é capaz de
facer saltar a súa auga viva ata o ceo, ata a “vida eterna”.
Cando
eu era cativo, ía algunhas veces á aldea próxima á miña en que nacera. Era a
casa dos meus avós paternos. Na parte baixa da casa (onde se prendía o lume,
xantaba e parolaba) había un vertedoiro de pedra no que un gran picho deitaba,
día e noite, auga sen parar. A fonte desta auga estaba alí mesmo, agachada,
mais conectaba directamente co picho. É unha imaxe, unha lembranza, que nunca
se me esquece. Nós tiñamos alí toda a auga que nos podía facer falla porque a
fonte estaba alí.
A
samaritana, en cambio, non tiña auga na casa, coma os meus avós, e tiña que ir
a por ela. De modo que, ante a oferta de Xesús de darlle un tipo especial de
auga, que sería como unha fonte cantareira, non pode menos de exclamar: “Señor,
dáme logo desa auga”.
Porque
o que ela quere, igual ca todos nós, é iso: cousas que vallan para sempre,
cousas que nos enchan de felicidade plena, cousas que “salten ata a vida
eterna”. Pero estas “cousas”, en realidade e en definitiva, non son “cousas”. Ou, dito doutra maneira,
son cousas que só se poden atopar en Alguén que nolas pode ofrecer con garantía
e verdade. Só o noso Pai Deus e o seu Fillo Xesús, presente en nós polo seu
Espírito, pode e quere darnos iso que ardentemente buscamos.
Lembrémonos
unha vez máis do dito por Santo Agostiño: “Fixéchesnos, Señor, para Ti e está
inquedo o noso corazón ata que acougue en Ti”.
Pois
se iso é así e conservamos aínda un pouco de egoísmo (o egoísmo non é nada
malo, con tal de que se atenda ó egoísmo de todos), entón xa sabemos o que
temos que facer. Orientar o noso corazón cara a onde poida recibir o que sempre
desexa: a plenitude e a felicidade total. Así realizaremos en nós aquela
“conversión” á que nos convida este tempo de Coresma co seu convite: “Convértete e cre no Evanxeo”. É dicir,
cre na alegría e felicidade que o Evanxeo nos ofrece de maneira totalmente
gratuíta.
CREDO
ORACIÓN
DOS FIEIS
Señor,
Ti que prometiches escoitar os que te invocan, escoita esta oración que che
presentamos por nós e por tódalas persoas, dicindo: Escóitanos, Pai.
Todos: Escóitanos,
Pai.
Rogámosche,
Pai, por tódolos que formamos a Igrexa, para que descubramos Xesús e saibamos
conducir a outros ó que é a Fonte de augas vivas.
Todos: Escóitanos, Pai.
Pedímosche,
Pai, por tódolos pobos con fame e sede de pan; para que, pola responsabilidade
e solidariedade de todos, poidan dispor dos recursos básicos para viviren con
esperanza.
Todos: Escóitanos, Pai.
Pedímosche,
Pai, por cantos participamos nesta eucaristía, para que a comuñón do corpo do
Señor sexa verdadeiramente alimento de vida e bebida de salvación.
Todos: Escóitanos, Pai.
Escoita, Pai, a nosa oración e
concédenos o que che pedimos, non apoiados nos nosos méritos senón confiando na
túa bondade. Por Xesús Cristo, Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario