Érguete de entre os mortos e hate iluminar Cristo - Ef 5, 8-14
Domingo 4 de Coresma - Ciclo A
LIMPA OS MEUS OLLOS
Limpa os meus ollos, Señor,
pon a túa man sobre a miña mirada
para que esperte da miña cegueira.
Confundo a verdade coas miñas propias verdades,
a túa vontade cos meus oportunos caprichos.
Quero ver, Señor, coa mesma profundidade dos teus ollos,
para que aprenda a vivir
como canta o paxaro sen saber que canta
ou como xoga o neno sen saber que xoga.
Que non me conforme co puramente externo
con descubrir que, cada día, regálasme a luz que necesito;
con aquilo que, sendo luminoso,
non chega a clarificar a miña conciencia nin o meu destino.
Que contemple as marabillas do mundo
pero que o faga con ollos agradecidos,
porque, ás veces, penso que todo o que me rodea
é obra exclusiva da invención do home
ou un produto da miña propia conquista.
Quero ver, Señor, coa mesma profundidade dos teus ollos,
para que aprenda a vivir
como canta o paxaro sen saber que canta
ou como xoga o neno sen saber que xoga.
Que saiba descubrirte, Señor, como o máis importante.
Que non me falle, hoxe nin nunca, a mirada da fe
que é capaz de chegar onde o ollo humano non alcanza,
unha mirada profunda para sentirte e recoñecerte como "o Señor".
Axúdame, Señor, a crer en Ti, a esperar en Ti
sen condicións, sen probas, sen esixencias.
Axúdame, Señor, a verte por encima de toda aparencia
e por encima de todos os enganos da miña fabricada cegueira.
Que vexa, Señor, coa mesma profundidade dos teus ollos,
para que aprenda a vivir
como canta o paxaro sen saber que canta
ou como xoga o neno sen saber que xoga.
Ensíname a ver, Señor, coa profundidade da túa mirada!
Isidro Lozano
Comentarios
Publicar un comentario