No aniversario do Concilio 5


ÁS MULLERES

E agora é a vós ás que nos diriximos, mulleres de todas as condicións, fillas, esposas, nais e viúvas; a vós tamén, virxes consagradas e mulleres solteiras.Sodes a metade da inmensa familia humana.

A Igrexa está orgullosa, vós sabédelo por ter elevado e liberado a muller, de facer resplandecer, no curso dos séculos, na diversidade dos seus carácteres, a súa innata igualdade co home.

Pero chega a hora, chegou a hora en que a vocación da muller chega á súa plenitude, a hora en que a muller adquiriu no mundo unha influencia un peso, un poder xamais alcanzado ata agora.

Por iso, neste momento en que a humanidade coñece unha mutación tan profunda, as mulleres cheas do espírito do Evanxeo poden axudar tanto á humanidade a non dexenerar.

Vós, as mulleres, tedes sempre como misión a garda do fogar, o amor ás fontes da vida, o sentido do berce. Estades presentes no misterio da vida que comeza. Consolades na partida da morte. A nosa técnica leva o risco de converterse en inhumana. Reconciliade os homes coa vida. E, sobre todo, velade, suplicámosvolo, polo porvir da nosa especie. Detede a man do home que nun momento de tolemia intentase destruír a civilización humana.

Esposas, nais de familia, primeiras educadores do xénero humano no segredo dos fogares, transmitide aos vosos fillos e ás vosas fillas as tradicións dos vosos pais, ao mesmo tempo que os preparades para o porvir insondable. Acordádevos sempre de que unha nai pertence, polos seus fillos, a ese porvir que ela non verá probablemente.

E vós tamén, mulleres solteiras, sabede que podedes cumprir toda a vosa vocación de devoción. A sociedade chámavos por todas partes. E as mesmas familias non poden vivir sen a axuda daquelas que non teñen familia.

Vós, sobre todo, virxes consagradas, nun mundo onde o egoísmo e a busca de praceres quixesen facer a lei, sede gardiás da pureza, do desinterese, da piedade.

Xesús, que deu ao amor conxugal toda a súa plenitude, exaltou tamén a renuncia a ese amor humano cando se fai polo amor infinito e polo servizo a todos.

Mulleres que sufrides, en fin, que vos mantedes firmes baixo a cruz a imaxe de María; vós, que tan a miúdo, no curso da historia, destes aos homes a forza para loitar ata o fin, para dar testemuño ata o martirio, axudádeos unha vez máis a gardar a audacia das grandes empresas, ao mesmo tempo que a paciencia e o sentido dos comezos humildes.

Mulleres, vós que sabedes facer a verdade doce, tenra, accesible, dedicádevos a facer penetrar o espírito deste Concilio nas institucións, escolas, fogares e na vida de cada día.

Mulleres do universo todo, cristiás ou non crentes, a vós, que vos está confiada a vida, neste momento tan grave da historia, vós debedes salvar a paz do mundo. 

Comentarios

Publicacións populares