Domingo 31 de Ordinario - ciclo B
31º DOMINGO DO TEMPO
ORDINARIO - CICLO B
Primeira Lectura Dt 6, 2-6
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Escoita, Israel: amarás o Señor de todo corazón
Faloulle Moisés ao
pobo e díxolle:
‑ Respecta o Señor, o
teu Deus, gardando todos os seus preceptos e os seus mandamentos, os que eu che
prescribo hoxe, ti e o teu fillo e mais o teu neto, todos os días da túa vida,
para que se alonguen os teus días.
Escoita, Israel, e ten
coidado de obedecer para que sexas feliz e te multipliques moito, pois tal como
cho falou o Señor, Deus dos teus pais, aquela é unha terra que deita leite e
mel.
Escoita, Israel: O
Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu
corazón, con toda a túa alma e con toda a túa forza. As palabras estas, que eu
che prescribo hoxe, quedarán gravadas no teu corazón.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 17,
2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab
R/. (2): Eu ámote, Señor. Ti es a miña forza.
Eu ámote, Señor, a miña forza,
Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio.
Meu Deus, penedo onde me acollo,
o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.
Eu invoco o Señor, o adorable,
e salvarame dos meus inimigos.
Viva o Señor, bendita a miña rocha;
sexa exaltado Deus, o meu salvador,
o que lle dá ao rei grandes vitorias
e mostra misericordia ao seu unxido.
Segunda Lectura Heb 7, 23-28
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Ten un sacerdocio imperecedoiro, xa que dura para sempre
Irmáns:
Foron moitísimos os
sacerdotes do primeiro Testamento, porque a morte non os deixaba ser
duradeiros; pero este ten un sacerdocio imperecedoiro, xa que dura para sempre.
Por iso pode levar á
plenitude da salvación para sempre aos que por El se achegan a Deus, xa que en
todo momento vive para interceder por eles.
Pois era xustamente
deste xeito o sacerdote que nos cumpría: santo, sen ruindade e sen pecado,
separado dos pecadores e levantado a unha gloria máis alta có mesmo ceo.
Non necesita ofrecer
sacrificios cada día, en primeiro lugar polos seus pecados e logo polos do
pobo, como os outros Sumos Sacerdotes; pois isto fíxoo dunha vez para sempre,
ofrecéndose a si mesmo.
En síntese, a Lei
constitúe Sumos Sacerdotes a homes débiles, mentres que o xuramento que vén
despois da Lei constitúe Sumo Sacerdote o Fillo que logrou a salvación plena
para sempre.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Se alguén me ama gardará a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.
Evanxeo Mc 12, 28b-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO
MARCOS
Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón
Naquel tempo,
acercouse a Xesús un letrado e preguntoulle:
‑ Cal é o primeiro de todos
os mandamentos?
Respondeu Xesús:
‑ O primeiro é:
"Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu
Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con
toda a túa forza". O segundo é este: "Amarás o teu próximo coma a ti
mesmo". Non hai mandamento máis importante ca estes.
O letrado replicou:
‑ Moi ben, Mestre,
estás no certo cando dis que é único e non hai outro fóra del; e que amalo con
todo o corazón, con todo o entendemento e con toda a forza, e amar o próximo
coma a un mesmo, é máis importante do que todos os holocaustos e sacrificios.
Xesús, vendo que
respondera con moito tino, díxolle:
‑ Non estás lonxe do
Reino de Deus.
E ninguén se atreveu a
facerlle máis preguntas.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
ESCOITA,
ISRAEL.... ESCOITA, IGREXA: O PRIMEIRO, O MÁIS IMPORTANTE É O AMOR.
NON O ESQUEZAS NUNCA
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Como
lle dicía a Israel, tamén Deus se dirixe a nós hoxe a través da
súa palabra para dicirnos: “escoita”.
Unha escoita que ten que ser sempre activa, vivida na participación
e comprometida no esforzo de saber descubrir a Deus alí onde nos
atopamos cunha persoa, sen importar que sexa rica ou pobre, branca ou
negra, católica ou doutra relixión. O importante é ser capaz de
ver nela o Deus que nos invita a prestar atención a canto pasa no
mundo, e a non andar pola vida sen xirar a cabeza nin preocuparnos
dos que temos ao lado. De que nos valerían os nosos rezos se temos
os oídos taponados para escoitar a dor, dificultades e tristuras que
vemos ao noso redor?
Porque
o amor é o guieiro e motor principal da proposta que Deus nos fai,
acostumémonos a vivilo no encontro cos demais, na man tendida ao
compartir e no sorriso desde o que animar a quen a dureza da vida llo
vai quitando.
O
PERDÓN
- Porque son demasiadas as veces nas que utilizamos o teu nome en van para cangar os ombreiros dos irmáns e das irmás con pesados fardos que non son máis ca un reflexo da nosa intolerancia e do noso medo, SEÑOR, QUE NON NOS AFASTEMOS DE TI.
- Por ter convertido a nosa oración non nun diálogo contigo, senón nunha listaxe de peticións, coma se foses unha grande superficie comercial na que atopamos de todo, CRISTO, QUE NON NOS AFASTEMOS DE TI.
- Porque seguimos sen ser capaces de descubrirte na dor da persoa enferma, na tristura da persoa desesperanzada, na mirada perdida da persoa que se sente soa ou no tempo que non queremos compartir con quen precisa de nós, SEÑOR, QUE NON NOS AFASTEMOS DE TI.
REMUÍÑO
- ESCOITA: Somos conscientes de que hoxe son moitas as voces que ao longo do día escoitamos. Nunca houbo tantos medios de comunicación: escritos, radiofónicos, televisivos... coma hoxe. É máis, sería imposible contar as empresas que se dedican a publicar libros dun cabo ao outro do noso mundo. Pois ben: a pesar de todo este despregue de medios, tamén nunca tanto coma hoxe estivemos tan pouco informados. E isto é así porque diante de tanta información, nós, non acabamos de poñerlle o máis importante para entender todo canto se nos di: tempo. E sen tempo, dificilmente procesamos o que escoitamos; e sen tempo, somos incapaces de valorar e sopesar o que é importante do que é secundario. Por iso ten tanta forza esta expresión que escoitamos na primeira lectura: “escoita, Israel” que Deus lle dirixe ao seu pobo, porque sen capacidade para escoitar, para prestar atención, para dedicarlle tempo e reflexión non podemos entender cal, como e que supón a invitación, proposta, que Deus nos fai de seguilo a través da nosa vida de cada día. Sen facer nin grandes cousas nin tampouco cousas raras, como se foramos os frikis de Deus; simplemente prestándolle atención a aquilo que lles ocupa e preocupa aos homes e mulleres do noso tempo. E agora que estamos a celebrar os cincuenta anos da inauguración do Concilio Vaticano II, cobra moita máis actualidade a invitación que se nos facía a prestar atención aos “signos dos tempos”, para desde eles levar a cabo a proposta do Evanxeo. Por que nos empeñamos en esquecer isto e volver a un tempo onde nin escoita nin acollida eran valores á alza?
- PERMANECE: Quen é capaz de esforzarse por escoitar, por non perder detalle do que pasa, por interesarse de canto ocorre ao seu redor, entende perfectamente a necesidade da constancia, do permanecer, de non andar a saltar dun lado para outro, coma se foramos cus de mal asento. En momentos de moitas voces e constantes cambios, saber distinguir o importante do accesorio, saber diferenciar o principal do secundario, convértese nun reto diario e constante dos que queremos seguir a Xesús. Sabendo poñer Nel os nosos alicerces, descubriremos a importancia de permanecer ao seu lado, de camiñar polos múltiples vieiros do noso mundo sen perder o rumbo, de saber ir mostrando que constancia e permanencia son dúas actitudes que ademais de facernos crecer e madurar como persoas, van impedindo que os bandazos golpeen a nosa vida e nos produzan a dor do desacougo e a incerteza. Pasan as modas, cambian os paradigmas, son diferentes e plurais as culturas, pero Xesús segue estando aí para ofrecernos a man e dicirnos cal é o camiño que persoal e comunitariamente temos que ir percorrendo. El é a nosa fortaleza. Nós, sabéndoo, estamos dispostos a amalo?
- AMA: E canto vimos expresando só pode facerse, e facerse crible, se está asentado no amor. Un amor que sempre, e sen exclusión, ha desenvolverse desde dous polos: Deus e os demais. De nada na nosa vale dicir que amamos moito a Deus porque vimos á misa ou facemos moitos sacrificios e renuncias, se despois somos incapaces de mostrar toda esa manchea de amor cos demais. Baleiro e ermo sería a nosa vida se o fixeramos así. Tamén é verdade que moitos dos que nos chamamos cristiáns/ás actuamos deste xeito, e facémolo así porque non temos prestado a atención necesaria ao que nos di o Evanxeo de hoxe: só poñendo en relación de igualdade amor a Deus e amor aos demais, ten sentido chamarnos, e selo de verdade, continuadores do labor de Xesús no hoxe de cada un/ha de nós. Porque somos a súa imaxe e semellanza, porque somos invitados a testemuñalo cos nosos feitos, porque somos chamados a ser os seus mellores publicistas nun mundo no que a publicidade ocupa espazos importantes, debemos tomar en serio canto rezamos e facemos. Xa que, sen acollida do irmán, confesar a fe en Deus acaba sendo entretemento e alienación. E Deus non nos quere alienados, senón libres, responsables e sempre solidarios.
ORACIÓN
DA COMUNIDADE
Nesta
invitación que Se nos fai no Evanxeo de hoxe de non separar o amor a
Deus do amor aos irmáns e ás irmás, presentamos agora a nosa
oración comunitaria dicindo xuntos:
QUE
A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DO TEU AMOR
- Para que na Igrexa non esquezamos nunca que non podemos separar o rezo dentro dos templos dos feitos de cada día que nos achegan aos irmáns e ás irmás, OREMOS.
QUE
A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DO TEU AMOR
- Porque no día a día das nosas comunidades, necesitamos a axuda solidaria dos veciños e os amigos que nos queren e se preocupan por nós, OREMOS.
QUE
A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DO TEU AMOR
- Para que non caïamos na tentación de golpearnos tanto o peito que esquezamos que o Señor nos pide misericordia cara aos demais, e non tanto sacrificio individual que só nos fai crer, que non ser, mellores, OREMOS.
QUE
A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DO TEU AMOR
Grazas,
Señor, por facernos caer na conta que non é separando vida e fe
como aprendemos a seguirte, senón uníndoas e poñéndoas en
relación desde a nosa vida. P.X.N.S. Amén.
PARA
A REFLEXIÓN
Camiñar
tralos pasos de Xesús é vivir atentos ás necesidades dos demais,
e
comprometerse na vida digna de todas as persoas.
Señor
da Vida, Ti pasaches facendo o ben,
mostrándonos
o camiño da solidariedade efectiva,
do
amor á outra persoa,
que
pasa por vivir atento e preocupado ao sufrimento dos demais,
e
por iso nos move a buscar solucións para que a vida digna chegue a
todas as persoas.
Señor,
custa
ser solidario.
Moitas
veces aferrámonos ás nosas comodidades.
Pechamos
os ollos (e o corazón, que é peor),
non
escoitamos o clamor das persoas que sofren.
A
Túa Palabra, Señor, é como unha espada de dobre fío!
Escoitámola
e non podemos permanecer iguais.
Chámanos
á conversión, desafíanos ao cambio,
invítanos
a seguir a túa práctica, impúlsanos a vivir solidarios
e
en busca da xustiza.
Xesús,
mestre bo,
dános
un corazón aberto para acoller a túa Palabra,
e
que ela nos enchoupe desde o interior,
para
que a vivamos en xestos e feitos concretos.
Vivimos
tempos duros.
Hai
moitos excluídos no noso mundo,
millóns
de persoas que non lle interesan ao deus - mercado;
pero
son as máis importantes para Deus.
Axúdanos
a estar atentos.
Ensínanos
a estar activos.
Impúlsanos
a dar respostas.
Móstranos
o camiño da solidariedade
para
vivir coma Ti nos pides, Señor.
CANTOS
ENTRADA:
Camiñando pola vida
LECTURAS:
Benaventurados
OFERTORIO:
O amor é o meirande
COMUÑÓN:
Grazas, Señor, graciñas
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario