No aniversario do Concilio 2
AOS
GOBERNANTES
Neste instante solemne, nós,
os Padres do XXI Concilio Ecuménico da Igrexa católica, a punto xa
de dispersarnos, logo de catro anos de pregarias e traballos, con
plena conciencia da nosa misión cara á humanidade, dirixímonos,
con deferencia e confianza, a aqueles que teñen nas súas mans os
destinos dos homes sobre esta terra, a todos os depositarios do poder
temporal.
Proclamámolo no alto:
honramos a vosa autoridade e a vosa soberanía, respectamos as vosas
funcións, recoñecemos as vosas leis xustas, estimamos os que as fan
e os que as aplican. Pero temos unha palabra sacrosanta a dicirvos:
só Deus é grande. Só Deus é o principio e o fin. Só Deus é a
fonte da vosa autoridade e o fundamento das vosas leis.
A vós corresponde ser sobre
a terra os promotores da orde e da paz entre os homes. Pero non o
esquezades: é Deus, o Deus vivo e verdadeiro, o que é Pai dos
homes, e é Cristo, o seu Fillo eterno, quen veu a dicírnolo e a
ensinarnos que todos somos irmáns. El é o gran artesán da orde e a
paz sobre a terra, porque é El quen conduce a historia humana e o
único que pode inclinar os corazóns a renunciar ás malas paixóns
que procrean a guerra e a desgraza.
É El quen bendí o pan da
humanidade, o que santifica o seu traballo e o seu sufrimento, o que
lle dá gozos que vós non lle podedes dar, e a reconforta nas súas
dores, que vós non podedes consolar.
Na vosa cidade terrestre e
temporal constrúe o seu coidado espiritual e eterno: a súa Igrexa.
E que pide ela de vós, esa Igrexa, logo de case dous mil anos de
vicisitudes de todas clases nas súas relacións convosco, as
potencias da terra, que vos pide hoxe? Dívolo nun dos textos de
maior importancia do seu Concilio; non vos pide máis que a
liberdade. A liberdade de crer e de predicar a súa fe. A liberdade
de amar o seu Deus e servilo. A liberdade de vivir e de levar os
homes a súa mensaxe de vida. Non lle temades: é a imaxe do seu
Mestre, cuxa acción misteriosa non usurpa as vosas prerrogativas,
pero que salva todo o humano da súa fatal caducidade, o transfigura,
o enche de esperanza, de verdade, de beleza.
Deixade que Cristo exerza
esa acción purificante sobre a sociedade. Non o crucifiquedes de
novo; isto sería sacrilexio, porque é Fillo de Deus; sería un
suicidio, porque é Fillo do home. E a nós, os seus humildes
ministros, deixádenos estender por todas partes sen trabas a boa
nova do Evanxeo da paz, que editamos neste Concilio. Os vosos pobos
serán os primeiros beneficiados porque a Igrexa forma para vós
cidadáns leais, amigos da paz social e do progreso.
Neste día solemne en que
clausura o seu XXI Concilio Ecuménico, a Igrexa ofrécevos pola nosa
voz a súa amizade, os seus servizos, as súas enerxías espirituais
e morais. Diríxevos a vós, todos, unha mensaxe de saúdo e de
bendición. Acollédea como ela vola ofrece, cun corazón alegre e
sincero, e transmitídea a todos os vosos pobos.
Comentarios
Publicar un comentario