Domingo 33 de Ordinario - ciclo B
33º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B
Primeira Lectura Dn 12,
1-3
LECTURA DO LIBRO DE DANIEL
Naquel tempo será salvado o meu pobo
Naquel tempo alzarase
Miguel, o gran príncipe que protexe os fillos do teu pobo. Será época de
angustia, tal que nunca a houbo coma ela desde que as nacións existen ata aquel
tempo.
Mesmamente naquel
tempo salvarase o teu pobo: todos os que se atopen inscritos no libro.
Moitos
dos que dormen no po da terra espertarán: uns para a vida eterna, outros para a
ignominia, para a reprobación eterna.
Os sabios brillarán
coma o fulgor do firmamento, e os que educaron na xustiza aos demais serán coma
as estrelas por toda a eternidade.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 15, 5 e
8. 9-10. 11
R/. (1): Gárdame, Señor, que en ti busco agarimo.
Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.
Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.
Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.
Segunda Lectura Heb 10,
11-14. 18
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Cunha única ofrenda deixou para sempre perfectos os que el santifica
Irmáns:
Todo sacerdote ten que
estar decote a celebrar lo culto e ofrecer un tras outro os mesmos sacrificios,
aínda que estes non poidan endexamais quitar os pecados.
En troques, este
sacerdote, logo que ofreceu un único sacrificio polos pecados, sentou para
sempre á dereita de Deus e, deste xeito, non lle queda máis que agardar a que
Deus faga os seus inimigos estrado para os seus pés.
Cunha única ofrenda
deixou para sempre perfectos os que santifica.
Ora, se hai perdón dos
pecados, xa non pode haber sacrificios polos pecados.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Lc 21, 36
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Vixiade, orando permanentemente,
para que poidades estar de pé ante o Fillo do Home.
Aleluia.
Evanxeo Mc 13, 24-32
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Congregou os seus elixidos de todos os puntos da terra
Naquel tempo, díxolles
Xesús aos seus discípulos:
- Naqueles días,
pasada xa aquela grande angustia, o sol ha escurecer, a lúa deixará de
alumar, as estrelas caerán do ceo,
abalarán as potencias do ceo. Entón verán vir o Fillo do Home sobre as nubes
con gran poder e gloria. E mandará os anxos para reuniren os elixidos desde os
catro ventos do cabo da terra ata o cabo do ceo.
Aprendede da
comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes
que o verán está a chegar. Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas,
sabede que xa está pretiño, á porta. Asegúrovos que non pasará esta xeración
sen que antes suceda todo isto. O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas
palabras non pasarán.
En canto ao día e mais
a hora no que isto vai acontecer, ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o
Fillo; sábeo o Pai soamente.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
PÓRTICO
Todos somos conscientes dos
problemas e dificultades que a crise está a producir. Problemas que non son só
ter perdido o traballo, a vivenda ou o coche, senón que todas esas situacións levan
ao derrubamento do sentido, do horizonte e da razón pola que vivir. É dicir, a unha
crise existencial que vai socavando os alicerces sobre os que as persoas
asentamos canto facemos e as relacións de uns para cos outros. Porque, se todo
o que tanto nos custou xuntar, o perdemos nun momento..., que sentido ten
seguir vivindo ou seguir esforzándose por acadar as cousas, se ao final todo
ese esforzo se queda en nada?, preguntámonos moitas veces. Diante da dureza
desta situación, dureza que día a día vai indo a máis, os cristiáns temos que
tomar conciencia da importancia, como apoio e forza, que ten a comunidade da
que formamos parte. Se non somos capaces de estar, en presenza, en colaboración
e en axuda, ao lado de quen está a pasar por estas situacións, como podemos
dicir que cremos en Deus, que rezamos ou que temos fe?; sabendo que ese Deus,
unha e outra vez a través da súa palabra, fálanos do sentido da unión, a
solidariedade, a axuda e o saber acompañar ás persoas.
Que a celebración de hoxe nos axude
a reafirmar o sentido e o valor da pertenza á comunidade cristiá, para que coa
axuda dos seus membros nos sintamos arroupados, e aprendamos tamén a arroupar,
nestes momentos no que parece que non nos queda nada máis que desesperación.
Perdón
·
Para que
non esquezamos nunca que o que hoxe sofren os demais, mañá podémolo sufrir nós,
SEÑOR, TI ES O NOSO REFUXIO.
·
Para que
non fagamos da fe un recurso que consuma tempo, pero non nos leva a
preocuparnos dos irmáns, CRISTO, TI ES O
NOSO REFUXIO.
·
Para que
nos momentos de dificultade e desacougo saibamos buscar a axuda na man tendida
que nos ofrece a comunidade, SEÑOR, TI
ES O NOSO REFUXIO.
Remuíño
·
O texto
do profeta Daniel que escoitamos como primeira lectura, ben poderiamos dicir
que foi escrito para o noso tempo ou mesmo, no noso tempo. O tempo de angustia
e dificultade do que fala, ben se parece a este momento, tamén cheo de angustia
e dificultade. A pesar diso, hai unha invitación a non deixarse levar do
desencanto e da desesperanza que sempre supoñen estas situacións. Se nos
deixaramos ir, pouco sentido tería que fixeramos afirmación de Deus, ou
confesaramos a fe nel, pois Deus é o contrario do derrotismo e do sen sentido.
Desde Deus, o destino de ninguén - e pensemos ben sobre esta afirmación - nunca
está escrito nin formulado de antemán. El créanos libres e con capacidade de
tomar decisións. Unhas veces estas serán acertadas, outras equivocadas; as
veces serán inxustas e levarannos a poñernos contra del e dos demais; noutras
moitas veces a xustiza da decisión supoñerá levar felicidade e realización
persoal para nós e os irmáns. O gran reto dos seres humanos é facer da
liberdade a columna desde a que maduremos, crezamos e non renunciemos a ser
nunca nós mesmos, máis alá dos problemas, dificultades ou presións que sobre
nós poidamos ter. É esa a liberdade, froito da experiencia que nos fai sabios e
capaces de testemuñar coa vida a grandeza do ser humano que, confiando en Deus,
non se pecha en si mesmo, senón que se abre, man tendida e aberta, a recoller e
acompañar os irmáns/ás que van quedando no camiño.
·
Por iso,
os cristiáns seguimos pensando que detrás da tebra sempre acaba saíndo o sol;
que detrás das dificultades poden ir aparecendo pequenas esperanzas, que na
medida que se van unindo ás dos demais, acaban conformando a esperanza que se
converte en salvación e plenitude. A esperanza do Deus amor que se manifesta na
súa totalidade en Xesús, de quen aprendemos e desde o que somos invitados a ir
e anunciar, coa palabra e coa vida, que Deus é amor, que salva e non se deixa
derrotar por moitas que sexan as dificultades e os problemas. Para un crente, e
isto aprendémolo de Xesús, sempre hai unha raiola de esperanza que o fai
confiar en que é posible saír do foxo, por moi grande que sexa, porque a
esperanza está nel e na confianza que nos dá. El, o Fillo de Home, ofrécenos a
experiencia de ter vencido escuridades e tribulacións. Mesmo na dificultade
seguiu confiando en Deus. Esta é a chamada que nos fai: confianza. E a
confianza en Deus fai que atopemos as mans solidarias dos irmáns, nos que Deus
se vai facendo presente.
Oración da comunidade
A oración é sempre unha chamada
na que aprender a descubrir a presenza de Deus entre nós, na realidade da nosa
vida sentindo a súa forza e o seu alento. Convencidos de que isto é verdade,
dicimos xuntos:
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
ü
Para
que na Igrexa non perdamos nunca a sensibilidade que leva ao compromiso
permanente de estar ao lado dos pobres e excluídos, tendéndolle a man e
ofrecéndolle o noso tempo, OREMOS.
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
ü
Para
que nas nosas parroquias esteamos sempre dispostos a non deixar que a soidade,
o desespero e a indiferenza aniñen no corazón e nas relacións entre os veciños,
OREMOS.
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
ü
Para
que teñamos os nosos sentidos sempre en alerta; unha alerta que nos leve a ser
esperanza e presenza de Xesús onde a enfermidade, a dor, a perda de traballo ou
a ruptura familiar se teñen instalado, OREMOS.
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
ü
Hoxe,
no día da Igrexa diocesana queremos ter presente na nosa oración dun xeito
especial a loita e o traballo de tantas persoas que son capaces de deixar atrás
ansias de enriquecemento, poder, prestixio… pola causa do Reino. Para que
sempre sexan para nós exemplo e testemuño, OREMOS
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
Señor, unha vez máis chámasnos a
espertar do soño de pensar que a fe é so un entretemento que nos fala do máis
alá, para lembrarnos que non hai máis alá pleno se esquecemos o máis acá onde a
dor, a enfermidade, a tristura e o fracaso na vida das persoas, nos esixe ser
samaritanos da presenza e man tendida cara os irmáns. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
El vén...
Non oíches os seus pasos silandeiros?
El vén, vén, vén sempre.
En cada intre, en cada idade.
Todos os días, todas as noites.
El vén, vén, vén sempre.
Cantei moitas cancións e de mil formas;
pero sempre dicían as súas notas:
El vén, vén, vén sempre.
Nos días fragrantes do soleado abril,
pola verea do bosque.
Na escura anguria da choiva das noites de novembro,
sobre o carro atronador das nubes.
De pena en pena miña,
son os seus pasos os que oprimen o meu corazón,
e o dourado roce dos seus pes
é o que fai brillar a miña alegría,
porque El vén, vén, vén sempre.
R.
Tagore en Gritos y plegarias 244
ENTRADA: Camiñando pola vida
LECTURAS:
Cómo che cantarei?
OFERTORIO:
Todos xuntos
COMUÑÓN:
Déixate querer
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario