No aniversario do Concilio 3
AOS
INTELECTUAIS E AOS HOMES DE CIENCIA
Un saúdo especial para vós,
os buscadores da verdade, a vós os homes do pensamento e da ciencia,
os exploradores do home, do universo e da historia; a todos vós, os
peregrinos en marcha cara á luz, e a todos aqueles que se pararon no
camiño, fatigados e decepcionados por unha va busca.
Por que un saúdo especial
para vós? Porque todos nós aquí, Bispos, Padres conciliares, nós
estamos á escoita da verdade. Os nosos esforzo durante estes catro
anos, que foi senón unha busca máis atenta e un afondar na mensaxe
de verdade confiada á Igrexa e un esforzo de docilidade máis
perfecto ao espírito de verdade?
Non podiamos, xa que logo,
deixar de atoparvos. O voso camiño é o noso. Os vosos carreiros non
son nunca estraños aos nosos. Nós somos os amigos da vosa vocación
de investigadores, os aliados de vosas fatigas, os admiradores das
vosas conquistas e, se é necesario, os consoladores dos vosos
abatementos e fracasos.
Tamén para vós temos unha
mensaxe, e é esta: continuade, continuade buscando sen desesperar
xamais da verdade. Recordade a palabra dun dos vosos grandes amigos,
santo Agostiño: "Buscamos co afán de atopar e atopamos co
desexo de buscar aínda máis". Felices os que posuíndo a
verdade búscana aínda, co fin de renovala, profundar nela e
ofrecela aos demais. Felices os que non atendo atopado camiñan cara
a ela cun corazón sincero; eles buscan a luz de mañá coa luz de
hoxe, ata a plenitude da luz.
Pero non esquezades: se
pensar é unha gran cousa, pensar, ante todo, é un deber;
desventurado aquel que pecha voluntariamente os ollos á luz. Pensar
é tamén unha responsabilidade: Ai daqueles que escurecen o espírito
por miles de artificios que o deprimen, o compracen, o enganan, o
deforman! Cal é o principio básico para os homes de ciencia senón
esforzarse en pensar rectamente?
Por isto, sen turbar os
vosos pasos, sen ofuscar as vosas miradas, queremos a luz da nosa
lámpada misteriosa: a fe. O que nola confiou é o Mestre soberano do
pensamento, do cal nós somos os humildes discípulos; o único que
dixo e pode dicir: "Eu son a luz do mundo, eu son o Camiño e a
Verdade e a Vida."
Esta palabra tócavos a vós.
Nunca, quizá, grazas a Deus, pareceu tan clara como hoxe a
posibilidade dun profundo acordo entre a verdadeira ciencia e a
verdadeira fe, serventes unha e outra da única verdade. Non
impidades este prezado encontro. Tede confianza na fe, esa grande
amiga da intelixencia. Alumádevos na súa luz para descubrir a
verdade, toda a verdade. Tal é o saúdo, o ánimo, a esperanza que
vos expresan, antes de separarse, os Padres do mundo enteiro,
reunidos en Roma en Concilio.
Comentarios
Publicar un comentario