Eu ámote, Señor. Ti es a miña forza - Salmo 17
Domingo 31 ordinario - ciclo B
PARA VIVIR CON MOITO AMOR
Señor, Pai do ceo e da terra,
ti es o noso Deus,
ti es o noso único Señor,
soamente en ti atopamos vida
e sustento derradeiro.
Queremos amarte, Pai,
como Xesús te amaba:
con todo o afecto de que somos capaces,
con todo o alento que levamos dentro,
con toda a intelixencia,
con todas as forzas.
De mañá ata a noite
mediante todas as nosas palabras e
accións
ese é o noso empeño verdadeiro:
ser amados por ti e amarte,
ser servidos por ti e servirte,
ser coidados por ti e coidarte.
Queremos amarte no próximo,
en cada persoa veciña;
queremos buscar o seu interese e
felicidade
co mesmo afán co que buscamos o noso.
Esa foi a ensinanza de Xesús, Pai,
e nesa ensinanza queremos permanecer
fieis
grazas a ti.
Comentarios
Publicar un comentario