Domingo 32 de Ordinario - ciclo B


32º  DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO B


Primeira Lectura     1 Re 17, 10-16
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
A viúva fixo un pequeno pan coa pouca fariña que tiña e deullo a Elías

            Naqueles días, foi o profeta Elías á Sarepta e, ao entrar pola porta da cidade, viu alí unha muller viúva, que estaba xuntando guizos. Elías chamou por ela e díxolle:
            ‑ "Fai o favor e vaime por unha pouca auga na xerra para beber".
            Mentres ía ela collerlla, Elías chamouna e díxolle:
            ‑ "Tráeme tamén, se podes, na túa man un anaco de pan".
            Ela díxolle:
            ‑ "Pola vida do Señor, teu Deus, que non teño pan ningún. Quédame só na artesa unha presa de fariña e unha pinga de aceite na aceiteira. Ves que estou apañando guizos. Irei preparalo para min e para o meu fillo. Comerémolo e despois teremos que morrer".
            Díxolle Elías o texbita:
            ‑ "Non teñas medo. Anda e fai como dixeches. Pero primeiro prepara un panciño con iso e tráemo a min. Despois xa prepararás para ti e para teu fillo. Pois isto di o Señor, Deus de Israel:
            A talla de fariña non se acabará e a aceiteira do aceite non minguará,
            ata o día en que o Señor mande a chuvia á terra".
            Foi ela facer o que Elías lle dixera. E comeu el, ela e seu fillo, moito tempo, sen que se acabase a fariña da talla nin minguará o aceite na aceiteira, como dixera o Señor por medio de Elías.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/.  (1):  Loa, alma miña, o Señor.
Ou:  Aleluia.

O Señor garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.

O Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.


Segunda Lectura     Heb 9, 24-28
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Cristo sacrificouse dunha vez para sempre para quitar os pecados de moitos

            Irmáns:
            Cristo non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón que entrou no propio ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso; e non para repetir moitas veces o seu propio sacrificio, como fai o Sumo Sacerdote, que entra cada ano no santuario levando sangue alleo, porque, se así for, debería ter sufrido moitas veces desde a creación do mundo; pero agora manifestouse dunha vez para sempre, no derradeiro período da historia, para acabar co pecado polo sacrificio de si mesmo.
            Como o destino de todo home é morrer só unha vez e, a continuación da morte, vén o xuízo, así tamén Cristo, despois que se ofrendou para quitar os pecados, aparecerase por segunda vez, agora sen relación co pecado, para salvar os que o están agardando con ansia.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Mt 5, 3
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Ditosos os pobres no espírito,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 12, 38-44 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Esta pobre viúva deu máis ca todos

            Naquel tempo, Xesús ensinaba á xente dicíndolles:
            ‑ Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos, e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.
            Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón chamou os seus discípulos, é díxolles:
            ‑ Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

______________________________________________________________________

Ou:  41-44 (máis breve)

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 
            Naquel tempo, sentado Xesús fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto.
            E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón chamou os seus discípulos, é díxolles:
            ‑ Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.

                        Palabra do Señor                             
                        R/. Grazas a Deus


APRENDER A COMPARTIR ÁBRENOS A DESCUBRIR QUE SÓ DESDE A IGUALDADE E O RESPECTO SEREMOS CAPACES DE APARTARNOS DA TENTACIÓN PATERNALISTA DE QUEN DÁ CRÉNDOSE MELLOR E SUPERIOR AOS DEMAIS

PÓRTICO

Dúas mulleres son as protagonistas da Palabra que imos proclamar. Dúas mulleres que non teñen nada en común con aquelas que, a diario, ocupan as páxinas dos xornais, das revistas ou dos programas de televisión. Dúas mulleres dobremente marxinadas: por mor do seu xénero e polo seu estado de viúvas. Dúas mulleres que, a pesares dos golpes e da dureza da vida, saben manter a fe e a confianza en Deus coma o mellor dos seus tesouros. Dúas mulleres que serven de exemplo nunha sociedade rexida e preparada para os homes. Dúas mulleres que volven poñer enriba da mesa aquilo que moitas veces esquecemos: Deus non se fía das aparencias, non fai distingos, vai ao fondo das persoas. Para “tocar”o seu corazón non fai falla ser importante, nin saber moito, nin ser letrado, nin vestir amplas roupaxes.... Cómpre só darse, poñer a vida na bandexiña e esperar o milagre: El fará que non se acaben nunca a esperanza, a ilusión, a inquedanza, o amor.

No mundo da aparencia, no mundo no que nada é o que parece, senón que todo e mesmo todos parecen ter unha letra pequena que contén o truco para o engano e a dobre lectura, a Palabra que imos proclamar nesta mañá de domingo lémbranos, unha vez máis, que temos que saber camiñar na autenticidade, que a fachenda non é importante, que honestidade e a coherencia, cinguidas co amor, deben ser sinal de identidade do noso dicir e do noso actuar.

Que a invitación que se nos fai a redescubrir que a auténtica relixiosidade e o culto a Deus comeza cando empezamos a compartir non do que nos sobra, senón do que temos necesidade, non caia en saco roto.

O PERDÓN

ö  Que aprendamos de ti, Señor, para que as nosas mans non se pechen en puños que golpean, senón en palmas que se abren a acollen, SEÑOR, QUE NON ANIÑE EN NÓS O EGOÍSMO.
ö  Que camiñemos contigo, Cristo, para facer dos nosos pasos pegadas comunitarias que seguir, e non camiños solitarios onde nos perdamos, CRISTO, QUE NON ANIÑE EN NÓS O EGOÍSMO.
ö  Que o pan de cada día non o estraguemos; sabendo que hai preto de nós irmáns necesitados de pan, que saibamos, Señor, compartir con quen non ten, SEÑOR, QUE NON ANIÑE EN NÓS O EGOÍSMO.

REMUÍÑO

A CARA: DÚAS MULLERES
O libro dos Reis narra a historia do profeta Elías e a viúva pobre que pensando que chega ao fin a súa existencia, prepárase para terminar as súas mínimas provisións e morrer despois, xunto co seu fillo. Se en calquera cultura ser viúva é símbolo de soidade e de baleiro, no momento histórico no que se nos presenta a viúva de Sarepta, ser viúva debía ser... como para morrer. Quizá non se podía atopar unha persoa menos persoa que unha muller viúva. Pois ben, onda ela chegou Elías e con ela fixo o milagre, un milagre arrincado pola fe cega e a xenerosidade sen límites daquela muller. Elías pediulle de comer e ela entregoulle, sen reservarse nada, todo o que tiña, fiada na promesa daquel home a quen non coñecía de nada, pero que lle falaba no nome de Deus. E o Deus de Israel velou para que a tina da fariña non se acabara e o aceite na aceiteira non minguara. Toda a forza de Deus aparece posta ao servizo dunha muller pobre, débil, abandonada e ignorada.

A outra muller que protagoniza o evanxeo é tamén pobre e insignificante. Non sabemos nin tan sequera o seu nome. Tamén era viúva. Tamén tiña unha situación difícil. Fronte dela pasan os ricos, botando abundantemente no peto do templo. De súpeto, dous céntimos tintinaron cun son especial. Era o donativo da viúva que, ao botalos alí, quedaba sen nada. Aquela muller, símbolo de persoa desamparada e débil, é insignificante para todos agás para Deus. Os ricos daban unha maior cantidade de cartos, pero a súa vida seguía igual, non o notaban, porque daban o que lles sobraba. Sentíanse seguros. Pola contra, a viúva deu do que necesitaba; e quedou sen algo do que precisaba para comer. Por mor da súa esmola, a súa vida cambiou. É esta xenerosidade a que destaca Xesús.

Dúas mulleres que merecen, na Escritura, honras dunha primeira páxina a toda cor. Dúas mulleres pouco decorativas, posiblemente engurradas, envellecidas, agoniadas por tantos e tantos problemas. Dúas mulleres que atravesaron o tempo para chegar ata nós e golpearnos co seu exemplo dunha relixiosidade auténtica. Non importa que non saibamos o seu nome nin a cor dos seus ollos. O verdadeiramente interesante é que esas dúas mulleres foron, por un momento, protagonistas dunha historia vivida con Deus e cumpriron perfectamente o seu papel nela. Ter fe, esperar contra toda esperanza, tirarse esperando caer nas mans seguras de Deus. Dar todo, ata quedar sen nada. E canto máis entreguemos, máis grande será a recompensa. Que insensatos somos, que malos negociantes... non nos damos de conta que o pouco que entregamos hásenos devolver centuplicado, revalorizado.
A CRUZ: OS LETRADOS
Na cruz da moeda atopamos a descualificación dos ricos... de relixión. Si, porque no evanxeo Xesús denuncia aos letrados xudeus. Eles son os especialistas da lei. Séntense orgullosos e satisfeitos dos seus coñecementos e das súas prácticas relixiosas, encántalles ser recoñecidos e reverenciados, reservándolles as primeiras filas. Porén, Xesús advírtenos “coidadiño con eles”, coidado con aquelas persoas que, onte e hoxe, utilizan a súa posición “relixiosa” para impoñer, para figurar, para obter beneficios, para explotar aos irmáns ou ás irmás, para medrar ou para encher petos e bandullos esquecendo o principal: o amor a Deus e ao próximo. Xesús denuncia a súa ostentación e a súa soberbia. Reacciona contra o seu proceder inxusto, enganando aos máis débiles con pretextos piadosos. El toma partido a favor dos sinxelos, dos que precisan axuda. E nós, que somos a súa Igrexa, tamén facemos nosa a opción de Xesús polos pobres?.
E NÓS... ONDE ESTAMOS?
Aquelas mulleres, que nada tiñan, dan unha lección do moito que se pode facer desde a sinxeleza e a grandeza humana. Para servir aos demais, para poñernos ao seu lado, para facer real o esforzo por poñernos no lugar do outro, non é necesario nin ter moitos bens materiais, nin tampouco facer doazóns ás entidades que traballan cos empobrecidos, e que os medios de comunicación se encargan de amplificar. Non. Nada diso é necesario. Bástanos con tomar en serio as persoas e ter a grandeza de compartir o pouco ou moito que temos. Sen facer barullo, sen querer chupar cámara por facelo, sen converter a crueza da pobreza e a dor que vai deixando detrás nunha nova que enche páxinas de xornais e consume minutos de pantalla nas televisións. A viúva deu o que tiña, e iso fíxoa grande aos ollos de Xesús, porque non buscou que se fixaran nela, senón que puxo todo o seu corazón para facer chegar toda a súa grandeza, -e iso foi o realmente importante-, a quen puidera necesitala. O pouco, cando se comparte desde a humildade e co corazón é moito. O moito, cando se busca que todos o saiban, acaba sendo soberbia e orgullo, que non engrandece, senón que converte a quen o fai en miserable. E iso nin naquel momento nin tampouco hoxe, o quere Xesús.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Na man de Deus cabemos todos, sen que ninguén teña que quedar fóra. Animados e movidos por esta esperanza, dicimos xuntos:
QUE A NOSA SOLIDARIEDADE NON SEXA IMAXE, SENÓN CONVENCEMENTO
ü  Para que a Igrexa se implique nos problemas e dificultades, tristuras e angustias dos homes e mulleres, e se signifique por defender e loitar polas persoas excluídas e marxinadas, OREMOS.
QUE A NOSA SOLIDARIEDADE NON SEXA IMAXE, SENÓN CONVENCEMENTO
ü  Nas nosas parroquias, habituados a vernos cada día, non somos moitas veces conscientes dos problemas e dificultades dos veciños. Para que nos esforcemos por estar atentos, para que ningunha persoa quede excluída e deixada de lado, OREMOS.
QUE A NOSA SOLIDARIEDADE NON SEXA IMAXE, SENÓN CONVENCEMENTO
ü  Para que cada un dos que nos reunimos os domingos no nome do Señor para celebrar e compartir a fe, non esquezamos que canto vivimos, celebramos e compartimos no templo temos que esforzarnos por vivilo, celebralo e compartilo coas persoas que menos teñen e máis nos necesitan, OREMOS.
QUE A NOSA SOLIDARIEDADE NON SEXA IMAXE, SENÓN CONVENCEMENTO

Señor, que saibamos ser agradecidos respondendo á invitación que nos fas de non deixar de atender e preocuparnos por tódalas persoas que neste momento sofren carencias materiais e dificultades económicas. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Coma a viúva, Señor.
Darei sen esperar nada a cambio.
Ofrecerei sen arrogancia.
Deixarei sen pretensión de recompensa.

Coma a viúva, Señor.
Brindarei, mesmo coa copa que necesite.
Entregarei con sinxeleza.
Fuxirei da cantidade e coidarei a calidade.

Coma a viúva, Señor.
Ofrecerei con humildade.
Procurarei sen buscar enganos.
Deixarei do meu para outros.

Coma a viúva, Señor.
Prestarei o que outros non dan: o imprescindible.
Ofrecerei o que outros negan: o ser.
Deixarei o que outros gardan: o corazón.

Coma a viúva, Señor.
Ofrecereiche a miña vida para que só Ti a xulgues.
Ofrecereiche os meus bens, porque sei que son teus.
Ofrecereiche o meu sustento, porque sei que Ti o fas posible.
Poño a miña vida nas túas mans.

Coma a viúva, Señor.
Camiñarei sen arrogancia nin seguridade en min mesmo.
Camiñarei sen medo a atoparte.
Camiñarei disposto a facilitarche o que máis precises.

Coma a viúva, Señor.
Mírame e condúceme.
Faime desprendido e sinxelo.
Dáme a valentía de darche o que máis me custe.
Inspírame o xesto e a palabra oportuna.
E, se queres, Señor, arranca de min mesmo aquilo
que, por comodidade ou egoísmo, busco e amarro para poder vivir.
Amén.

CANTOS

ö  ENTRADA: Eu soñei
ö  LECTURAS: Ti es o pan de ceo
ö  OFERTORIO: Sede o sal
ö  COMUÑÓN: O pouco que Deus nos dá
POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares