Domingo 1 de Advento - ciclo C

 1º DOMINGO DE ADVENTO  -  CICLO C


Primeira Lectura         Xer 33, 14-16
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS
Farei abrollar na casa de David un xermolo de xustiza

Velaquí os días -é o Señor quen fala-
nos que cumprirei a promesa
que lles fixen á casa de Israel e á casa de Xudá.
Nos días aqueles e no intre aquel
farei abrollar de David un xermolo lexítimo,
que practicará o dereito e a xustiza no país.
Nos días aqueles salvarase Xudá,
e Xerusalén descansará na seguridade,
e este lugar chamarase: "Señor, nosa xustiza!".

                                   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus
                                                                                                                                            

SALMO RESPONSORIAL           Sal 24, 4bc-5ab. 8-9. 10 e 14
R/. (1b): A Ti, Señor, elevo a miña alma.

Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador.

O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos  pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos  pobres.

Os camiños do Señor son todos misericordia e lealdade,
para os que gardan a súa alianza e os seus preceptos.
É grande a confianza do Señor cos que o temen,
e maniféstalles a súa alianza.


Segunda Lectura        1 Tes 3, 12 -- 4, 2
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS TESALONICENSES
         Que o Señor afinque os vosos corazóns cando veña o Cristo

                     Irmáns:
                              Que o Señor vos faga medrar no amor duns cos outros e con todos, ata rebordar, como nos pasa a nós respecto de vós. Que El afinque os vosos corazóns nunha santidade sen falla diante de Deus, noso Pai, cando veña o noso Señor Xesús con todos os seus santos.
                              Polo demais, irmáns, pedímosvos con insistencia como cristiáns que, xa que aprendestes de nós como cómpre andar para contentar o Señor, que sigades así e que progresedes aínda máis.
            Porque ben sabedes que instruccións vos temos dado de parte do Señor Xesús.

                                   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus
                                                                                                                                            

ALELUIA    Sal 84, 8
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Amósanos, Señor, a túa misericordia,
e dános a túa salvación.
Aleluia.


Evanxeo          Lc 21, 25-28. 34-36
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Está a chegar xa a vosa salvación

Naquel tempo, díxoles Xesús AOS  seus discípulos:
- Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas; e na terra as nacións tremerán coa angustia diante do bruar do mar e das ondas; os homes morrerán cheos de medo e de desacougo, polo que virá enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria.
Pero cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.
Tende conta de vós mesmos; non sexa que vos atordoedes na borracheira, na libertinaxe e nas preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; porque caerá como un lazo sobre todos os que habitan a terra. Vós vixiade sempre, e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir, e comparecer así seguros diante do Fillo do Home.
                                                                                                                                            
                             Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo



 UNHA IGREXA CHAMADA A SER LUZ DAS XENTES E POBO DE DEUS
TOMADO DE: remoldapalbra.blogspot.com


PÓRTICO
            Xa estamos outra vez no tempo de Advento, o que nos indica que comezamos a preparación para recibir ao Señor que chega ao corazón de cada un e cada unha de nós. Catro semanas nas que somos chamados a poñernos en camiño, a romper dunha vez por todas a inercia de pensar que a vida non é máis ca unha sucesión de minutos que se converten en horas, días e anos; catro semanas para ir crecendo por dentro e preparando en nós o berce no que acoller ao neno.
            Neste Ano da Fe co que a Igrexa quere celebrar os cincuenta anos do comezo do Concilio Vaticano II –1962-, a nosa proposta quere ser un impulso que nos leve a coñecer e reflexionar sobre o que tal acontecemento ten suposto na vida da Igrexa. A tal fin, cada un dos domingos iremos presentando unha das catro Constitucións que conforman o traballo que o Concilio ofreceu a toda a Igrexa para renovarse e estar no mundo con actitude de diálogo e encontro. O Concilio foi unha invitación a camiñar xunt@s, deixando atrás enfrontamentos e apoloxéticas.
            Neste primeiro domingo falaremos da Constitución – o documento – que tratou sobre a Igrexa, que se chama “Lumen gentium” – Luz das xentes – e que puxo como elemento principal da Igrexa o ser pobo en camiño; sen distincións nin xerarquías. Impulsados por esta invitación, comecemos logo a celebración de hoxe.

O PERDÓN
¨      Por non sentirnos comunidade e desaproveitar as ocasións de celebrar xuntos a fe, SEÑOR, QUE SEXAMOS LUZ E POBO.
¨      Por non esforzarnos en renovar os contidos e as vivencias da fe, CRISTO, QUE SEXAMOS LUZ E POBO.
¨      Por deixar que a fe se converta en algo utilitarista á que recorremos cando nos interesa, SEÑOR, QUE SEXAMOS LUZ E POBO.

REMUÍÑO
ð  Escribe Paulo na carta aos tesalonicenses que necesitamos sentir a fortaleza do Señor no interior de cada un de nós. Unha fortaleza que reforce o noso querer ser testemuñas dunha mensaxe liberadora no medio dun mundo cheo de escravitude, ansia de poder e de dominio dos demais, especialmente dos máis pequenos e necesitados. Paulo faille estas reflexións a aqueles cristiáns da primeira hora para que a súa vida estivera asentada non sobre comportamentos externos, senón sobre o fundamento, a raíz, o cimento da fe: Xesucristo. Con, por El e nel, como dicimos ao remate da pregaria eucarística, nós imos facendo da nosa vida compromiso e ofrenda de fidelidade á súa persoa e á súa mensaxe; un compromiso que debe ser experiencia de crecemento interior que nos leve a sentírmonos non coma illas abandonadas no medio dun océano, senón como grans de area que coa aportación de todos conseguen ir facendo verdadeiras montañas asentadas na solidariedade, na alegría compartida e na esperanza vivida e ofrecida aos demais.


ð 
Esa mesma fortaleza á que se refería Paulo, pasados moitos anos, foi tamén a que nos invitaba a construír o Concilio Vaticano II hai cincuenta anos, poñendo ao noso dispor o documento que nos fala de que todos, non só o Papa, os bispos, os curas ou as monxas e os frades, somos e formamos a Igrexa. E que esta non podería ser verdadeiro testemuño de Xesús e da súa mensaxe no medio do mundo se non se considerase pobo. Pero non un pobo calquera, senón un pobo en camiño, no que vai atopando a outras persoas polas que se preocupa, ás que atende e alenta, e tamén das que aprende e coas que vai colaborando en facer do mundo a casa de todos. E para poñernos nesta xeira, o Concilio aprobou un documento que se chama “Luz das xentes” – Lumen gentium -, querendo referirse con esta expresión á tarefa que nos incumbe a cantos nos chamamos e sentimos cristiáns hoxe en día. A Igrexa, se quere ser fiel a Xesús, non pode enredarse en ritos ou dogmas que ninguén entende e que están moi lonxe do que son as verdadeiras preocupacións das persoas no momento actual. Por iso fai un chamado invitando a todos a ser luz para as xentes; luz alí onde nos atopemos; luz cando traballamos, luz cando imos creando familias, luz cando queremos dedicar parte do noso tempo libre a unha causa solidaria, luz coas nosas actitudes e formas de actuar. Só se somos luz, dísenos, como Paulo tamén lle dicía a os membros das primeiras comunidades, estaremos respondendo ao envío que nos apóstolos nos fai Xesús tamén a nós: ide e anunciade. E este anuncio temos que facelo cada un desde a tarefa que desenvolvamos na sociedade, sen que ninguén se crea nin se pense ou sinta máis importante ou superior aos demais. De aí que a L.G. insiste en que ao ser Pobo de Deus, a conciencia de ser Igrexa e de participar nela correspóndenos a todos; cadaquén desde a súa responsabilidade: o papa como papa, os bispos como bispos, os curas como curas, as relixiosas/os como relixiosas/os e os segrares como segrares. E todos no medio do mundo, entre e cos demais, sen que ninguén se considere ou se crea nin máis importante nin mellor. E isto, que parece estar claro nos papeis, moitas veces non ten sido así, polo que é moi importante volver a ler a L.G. e recordarnos a todos cal é o noso traballo coma Igrexa, un traballo que non exclúe, senón que, aceptando a pluralidade duns e doutros, busca o mesmo camiño: facer da Igrexa sacramento -presenza viva de encontro con Xesús- universal de salvación. Xesús, que vén e que o tempo de Advento nos axuda a prepararnos para recibilo, El mesmo, estanos chamando a participar nesta Igrexa pobo de Deus.

ð   O Evanxeo que acabamos de escoitar quere ser a chamada que nos corresponde a cantos formamos parte da Igrexa a non deixarnos levar pola rutina, o sometemento ou a minoría de idade eclesial, senón que nos urxe a vivir a nosa pertenza á Igrexa de xeito liberador e gozoso; non deixando que o medo e a intolerancia aniñen nela. Deste xeito entenderemos cando Lucas di que está a chegar, que xa está a nosa porta a verdadeira liberación: Xesús de Nazaret. Nel, como nos di tamén o concilio está o gran misterio de amor que somos invitados a construír desde o noso ser Igrexa.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Ao comezar este tempo de Advento, no que nos preparamos para acoller ao teu Fillo nos nosos corazóns, compartimos a oración sentíndonos membros desa Igrexa á que lle pides que sexa luz no medio das xentes,e dicimos xuntos:
QUE SEXAMOS LUZ SOLIDARIA PARA OS IRMÁNS
*        Para que a Igrexa, Pobo de Deus do século XXI, se esforce por ter a súa porta sempre aberta para que entren nela os excluídos da sociedade, que os vai deixando nas beiras cando xa non lle serven, e responda así á chamada que Deus nos fai a través do Concilio Vaticano II, de ser sempre luz que abra camiños de encontro, axuda e colaboración, OREMOS.
QUE SEXAMOS LUZ SOLIDARIA PARA OS IRMÁNS
*        Para que nas nosas parroquias non nos deixemos levar da rutina, os costumes e as tradicións, e nos esforcemos por formarnos e renovar os nosos coñecementos sobre canto nos supón e esixa ser cristiáns no mundo de hoxe; sen deixarnos levar das modas nin apartarnos da invitación de Xesús de ser luz para os veciños, OREMOS.
QUE SEXAMOS LUZ SOLIDARIA PARA OS IRMÁNS
*        Para que nós, tomando en serio que temos que renovarnos para dar testemuño da fe que recibimos no bautismo, aproveitemos todas as oportunidades para coñecer máis e mellor que é ser e vivir como cristiáns, evitando falar de memoria e sen coñecemento da mensaxe de Xesús, e así este tempo de Advento nos descubra a necesidade de formarnos e poder ser luz para os enfermos, solidariedade cos parados, apoio e loita cos desahuciados e pan para quen necesita alimento, OREMOS.
QUE SEXAMOS LUZ SOLIDARIA PARA OS IRMÁNS
Señor, ao comezar o Advento queremos tamén nós poñernos en camiño de renovación e cambio para que deixemos atrás o conformismo e nos esforcemos porque a esperanza gañe a carreira fronte ao derrotismo. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Non creo nin espero:
û  No Meu Deus, senón no Noso Deus.
û  Nas fachendas nin nos escaparates, senón nos corazóns que aman de verdade.
û  Nos xestos triunfalistas, senón nos actos de servizo.
û  Nos profetas de desventuras, senón nos da esperanza.
û  Nas ameazas dos fundamentalistas, senón no esforzo dos educadores.
û  Na fin do mundo, senón na fin deste mundo inxusto e corrupto.
û  No calquera tempo pasado foi mellor, senón que foi distinto, e tamén mellorable.
û  No traballo individualista, senón na cooperación do equipo.
û  Nos movementos de divisións que enfrontan e afastan a uns dos outros, senón na comuñón que une e busca o ben común.
û  Na espiritualidade de consumo, medo e imposición; senón a de acollida e a porta aberta que invita a pasar.
û  Nas palabras de políticos, banqueiros ou os chamados representantes do sagrado, senón nas de Xesucristo, que pasou facendo o ben e nos invitou a facer o mesmo.
û   
(Sobre unha idea do caderno de Cáritas, Advento e Nadal 2012-2013, p.21)



CANTOS
 ENTRADA: Ven axiña visitarnos
LECTURAS: Volve, Señor
 OFERTORIOCon todas as criaturas
COMUÑÓNXesús chamado amigo

Comentarios

Publicacións populares