Ficha e Lectio - Domingo 6 de Pascua C
ADAPTADO DE http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO VI DE PASCUA
(Ano C: 1 maio 2016)
A
nosa Igrexa, que ten os seus alicerces en Xesús, tivo que pasar por non poucas
dificultades internas (non só persecucións exteriores) no seu nacemento e
desenvolvemento. A mensaxe de Xesús era tan nova e liberadora que aínda agora,
moitos séculos despois, non nos resulta doado comprender ben a súa mensaxe e
sobre todo levala de maneira consecuente á práctica.
A
primeira lectura dos Feitos dos Apóstolos é unha pequena mostra das
dificultades e resistencias que existían. Non era fácil liberarse de costumes e
prácticas, ritos concretos, prescricións e demais normas herdadas do Antigo
Testamento para se entregar con alegría e agradecemento á aceptación da “boa
nova”, da “alegre nova” de Xesús. “Nova” no seu dobre sentido, de noticia ata
agora descoñecida e tamén no de algo que non ten que ver con cousas “vellas”.
Agora
o que prima é practicar a fraternidade, o amor e a liberdade que se derivan da
mensaxe de Xesús de sermos irmáns del e fillos do mesmo Pai Deus. A nosa
salvación vén ser un don gratuíto de Deus, que non se acada á forza de
practicar ritos baleiros. Dadas -como digo- as resistencias e inercias antigas,
a Igrexa tivo que chegar inicialmente a certos compromisos concretos (entre
cristiáns de orixe pagá e de orixe xudía), aínda que sen renunciar ó contido
fundamental da mensaxe liberadora de Xesús. É o que dá a entender aquela
decisión que se adoptou e da que se nos di, non sen se reflectir nela un novo
aire ou estilo de proximidade ou amizade entre Deus e a humanidade: “Decidimos,
o Espírito Santo e mais nós, non vos impoñer máis cargas cás precisas”. E a
continuación enuméranse esas cargas concretas, mínimas en todo caso. Este feito
en si mesmo non deixa de ser curioso: acostumados como estaban os cristiáns de
orixe xudía a aturar cargas e ritos relixiosos, parece que os seus lombos non
se sentían a gusto sen algo da antiga carga.
En
calquera caso, o conxunto das lecturas de hoxe quérennos deixar claro que o
específico do cristianismo vai por camiños novos. As palabras que Xoán nos pon
no evanxeo en boca de Xesús pertencen tamén, coma no domingo pasado, ó discurso
(se o podemos chamar así) de despedida de Xesús. Respírase en todo el un aire
de familia, de intimidade, de confianza, de paz, que constitúen verdadeiramente
o que podemos chamar a verdadeira atmosfera cristiá. Aquí non hai nada de
imposicións alleas, de ameazas, de medos ou cousas semellantes. Ó revés. Deus
faise, grazas a Xesús, un máis entre nós. Alí, nesta primeira igrexa nacente
dos apóstolos e discípulos de Xesús, están con eles o Pai, o Fillo, o Espírito
Santo. Todo é unha fonda relación de amizade mutua. Todo é horizontalidade e
proximidade. “Non vos angustiedes, nin teñades medo”. Porque a “paz” é o don
que Xesús nos dá: “Déixovos a paz. Douvos a miña paz”. Esa mesma paz de Xesús á
que quen preside a eucaristía se refire inmediatamente antes de dármonos
mutuamente a paz. Cando na celebración da eucaristía realizamos ese xesto de
dármonos a paz, non nos damos mutuamente a “nosa” paz particular, senón a de
Xesús, a que El nos deu e nos está a dar sempre para ofrecela pola nosa parte ós
demais.
Deste
xeito os cristiáns podemos gozar da alegría e felicidade de termos sempre a
Deus en casa. Se nos achegamos aquí, ó interior desta igrexa, é precisamente
para renovármonos e fortalecérmonos mutuamente entre todos nesta fe nun Deus
que se fixo amigo e familiar noso onde queira que nos atopemos, sexa dentro ou fóra
dunha igrexa. Resulta sorprendente
este case incríbel térmonos a Deus en casa, tal como aquí nos pon Xoán en boca
de Xesús neste memorábel discurso seu: “Se alguén me ama, gardará a miña
palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el”. É dicir,
Deus Pai e o seu Fillo Xesús fan vida connosco se o amamos. De maneira que o
templo ou os templos de Deus somos, desde a aparición onda nós de Xesús, nós
mesmos, edificios feitos de ósos e membros humanos, non de pedra, cemento ou
ladrillo. Para dicilo dalgunha maneira, Deus, o Deus trinitario (Pai, Fillo e
Espírito) ten o seu domicilio, a súa residencia, no interior de calquera
persoa, home, muller ou neno que o queren e aman, en calquera lugar do mundo.
Dunha maneira moito máis fonda e real que cando eu digo que vivo na rúa
Sanjurjo Badía e vós en calquera outra rúa desta nosa “fermosa cidade”, tal
como a cualifica o noso actual alcalde.
Cómpre
que de cando en vez reflexionemos nestas cousas, pois son realmente moi consoladoras,
moi dadoras de paz, unha moi eficaz medicina contra calquera tipo de angustias
ou medos nas nosas vidas.
Isto
que estou a comentar atopa ademais un complemento esclarecedor no texto da
Apocalipse da Segunda Lectura. Fálase alí da Xerusalén celestial, asemellada,
na linguaxe simbólica que neste libro se utiliza, a unha gran cidade. Mais o
que a Xoán lle chama a atención nesta cidade é o seguinte: “Nela non vin –di
el- santuario ningún, porque o seu santuario é o Señor Deus, que todo o sostén,
e mailo Año”. Algún comentarista deste relato da Apocalipse dinos con algo de
graza que a nós non nos estrañaría que se nos dixese que nesa celestial cidade non
hai “bancos ou supermercados” mais resulta que se nos di que ¡”non hai
templos”!
En
fin, temos, pois, que tomar boa nota de que nin na terra nin no ceo hai templo
ou santuario algún no que habite o Deus anunciado por Xesús, o aquí chamado Año
da Apocalipse, a non ser nós, nós mesmos, ascendidos como estamos á dignidade
de irmáns de Xesús e de fillos adoptivos de Deus. A grandeza de Deus desborda
calquera templo no que o pretendésemos apreixar. De maneira que nel, no noso
Deus, estamos todos e cada un dos que verdadeiramente o amamos, ou, se
preferimos, está El “facendo vida” no interior de todos e cada un de cantos o
amamos e queremos.
O
gran pai da Igrexa, Santo Agostiño de Hipona, utilizaba nos seus escritos tanto
unha coma outra maneira de considerarmos a relación de Deus con nós ou a nosa con
el. Para Agostiño Deus era “máis intimo a nós que a nosa propia intimidade” e ó
tempo absolutamente “superior” a calquera suposta grandeza nosa. Deus está,
pois, en todo e todo está en Deus. Se aprendésemos a ver a Deus deste xeito,
comprenderiamos tamén mellor o fundador da Compañía de Xesús, o noso Santo Ignacio
de Loiola, cando nos animaba, tal como se expresaba el, a “ver a Deus en
tódalas cousas”.
Se
así o fixésemos, empezaría tamén a nosa terra a emitir ecos ou recendos
celestiais -que tanta falta nos fan-, aqueles que Xoán nos describe ó nos falar
da Xerusalén celestial.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Invocamos
a Deus noso Pai, en unión con Xesús e o Espírito Santo, para que nos converta á
boa nova do seu fillo Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, espírito de confianza en Ti, dador
de todo ben, para superarmos tódalas nosas dependencias e submisións a ritos
sen sentido ou prácticas relixiosas baleiras.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Lévanos, Pai, á crenza firme e convencida de que
en calquera lugar onde hai fraternidade e amor alí estás ti no medio de nós.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Énchenos, Pai, da túa paz, para que poidamos
transmitila e levala ás persoas e pobos do mundo enteiro.
TODOS: Escóitanos,
Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso
Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario