Ficha e Lectio - Domingo 5 Pascua C
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO V DE PASCUA
(Ano C: 24 abril 2016)
Curto
tamén é o texto do evanxeo de Xoán que hoxe se nos ofrece para a nosa
consideración e para profundarmos nel. Tal como ocorría no anterior domingo.
Breve en palabras, pero moi denso e amplo na súa transcendencia, porque apunta
a algo decididamente central na mensaxe do evanxeo: o amor.
Xesús atópase en momentos de íntima
confidencia cos seus discípulos cando lle quedan poucas horas de vida e de conversa
con eles. Momentos dramáticos tamén porque algún dos seus decidira xa no seu
corazón entregalo ás autoridades relixiosas e políticas para que acabasen con
el.
En
momentos coma estes é cando se comunican e transmiten as recomendacións máis esenciais.
Os que permanecen vivos, os herdeiros coma quen di, non poderán esquecelas.
A
derradeira, e polo tanto a máis importante, recomendación de Xesús é moi
emotiva e tan doada de entender como difícil de levar á práctica. Acabámola de
escoitar: “Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco. Douvos un mandamento
novo: amádevos uns a outros. Como eu vos amei, amádevos tamén entre vós”.
Sen
dúbida, trátase dunha verdadeira síntese de todo o evanxeo: da ensinanza e da
práctica continua de Xesús ata este intre e nas poucas horas que lle restan de
vida. No fondo, Xesús non ensinou nin practicou outra cousa máis ca iso: o
amor, a entrega sen reserva ós demais ata dar el mesmo a súa vida por todos.
Mais
trátase verdadeiramente dun mandamento novo? Coido que algunha vez aludín a
unha das normas ou mandados do Antigo Testamento, concretamente do libro do
Levítico. Entre esas normas que, segundo o Levítico, Deus lle dá a Moisés, en
relación co modo de comportárense as persoas que Moisés ten ó seu cargo,
aparece esta: “Non terás odio no corazón ó teu irmán [...[ Non te vingarás nin
lles terás xenreira ós teus veciños. Amarás o teu próximo coma a ti mesmo” (Lev
19, 18). De feito, Xesús recorre moitas veces a este mandado (“Amarás o teu
próximo coma a ti mesmo”) sobre todo nas súas discusións cos doutos do xudaísmo
do seu tempo. A xente entendía bastante ben que se Deus é bo con todos, non
podemos pola nosa parte sermos malos os uns cos outros. No Antigo Testamento tíñase, pois, clara conciencia, da bondade e
da paternidade de Deus en relación co seu pobo. Era lóxico, pois, que o senso
de mutua fraternidade entre todos se fose asentando cada vez máis neles.
Pero
Xesús quere ir máis alá destes bos sentimentos do Antigo Testamento. Sabemos
daquela pregunta que lle fai unha vez un letrado a Xesús sobre cal é o
“primeiro” mandamento da lei. Xesús responderalle utilizando as mesmas palabras
do libro do Deuteronomio (6, 4-5): “O primeiro é: Escoita, Israel: O Señor,
noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón,
con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”. Con isto a
pregunta quedaba perfectamente respondida. Mais Xesús vai engadir a isto (e sen
que o letrado llo preguntara) algo decisivo ó colocar dalgunha maneira o
chamado segundo mandamento ó mesmo nivel có primeiro: “O segundo é este: Amarás
o teu próximo como a ti mesmo. Non hai mandamento máis importante ca estes”.
Xesús
tiña boas razóns para engadir iso, porque no Antigo Testamento estes dous
mandamentos estaban en certo modo pouco relacionados entre si. Do primeiro
falábase no Deuteronomio e do segundo no Levítico (19, 18), mesturado este
último ademais con outras diversas normas cúlticas e morais. O que fai Xesús
coa súa resposta ó letrado é darlle ó segundo mandamento, é dicir, ó amor ó
próximo unha dignidade en certo modo divina. De modo que amar ó próximo vén
sendo para Xesús practicamente o mesmo que amar a Deus.
Agora
ben, o que fai Xesús agora, nestes derradeiros momentos de intimidade cos seus
discípulos, é subir aínda máis o listón da importancia e da esixencia do amor ó
próximo. Por iso poderá indicar Xesús con toda razón que o seu mandamento do
amor ó próximo é verdadeiramente “novo”. Por que? Moi sinxelo. A medida do amor
ó próximo no Antigo Testamento era “un mesmo”: “Amarás o teu próximo como a ti
mesmo”. A medida do amor que anuncia agora Xesús é moito máis elevada e, polo
tanto, decididamente “nova”: Amarás o teu próximo “como eu vos amei”. Cómo amou
Xesús? Ben o sabemos, polo menos teoricamente. Amou os demais máis que a si
mesmo. Amou totalmente, entregando a súa vida, é dicir, a si mesmo, pola
salvación e liberación de todos. A medida do seu amor non é polo tanto el mesmo
(“como a ti mesmo”), porque se esa fose a medida do seu amor, non poría en xogo
a súa vida e non a daría polos demais.
A
actitude de Xesús ten un certo parecido á de esas boas e xenerosas persoas que
se lanzan de súpeto a un mar embravecido para libraren da morte a alguén que
está en perigo de afogarse. Mais iso practicado non unha ou dúas veces e case
sen pensar, senón ó longo de toda unha vida e de maneira consciente e
consecuente ata a propia morte.
Esta
é, pois, a medida á que Xesús nos convida e que fará que xurdan ese “ceo” e
“terra” tamén “novos” dos que nos fala
hoxe o libro da Apocalipse da 2ª Lectura.
Hai
ademais unha importante advertencia. Non nos enganemos. Só se procedemos así,
seremos considerados como verdadeiros discípulos de Xesús. Ese ha ser, pois. o
noso sinal distintivo, para dese xeito termos capacidade de atraer a outros ó
camiño de Xesús. “Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos: se vos
tedes amor uns a outros”. Os cristiáns non podemos, en consecuencia,
contentarnos con dicir simplemente que o somos, é dicir, que somos cristiáns.
Pois se o amor -e un amor coma o de Xesús- non se converte en motor das nosas
vidas e da nosa relación con todos non seremos en realidade verdadeiramente
cristiáns.
Tarefa,
como vedes, nada doada, pero tarefa que nos salvará e que nos liberará a nós e
a todos cantos se encontren con nós.
CREDO
ORACION DOS FIEIS:
O amor que Xesús quere de nós é un amor esixente.
Pedímoslle ó Deus Pai de Xesús e Pai noso que nos axude a practicalo nas nosas
vidas, dicindo: Apréndenos a amar, Pai.
TODOS: Apréndenos a amar, Pai.
- Que na Igrexa o amor non sexa só unha bela palabra
senón unha realidade baseada no mutuo respecto e aceptación das diferenzas.
TODOS:
Apréndenos
a amar, Pai.
- Que no
mundo enteiro o amor venza o odio nos pobos e culturas.
TODOS: Apréndenos
a amar, Pai.
- Que os marxinados e cantos padecen fame e inxustiza
poidan sentir en si o amor e a solidariedade dos que viven mellor ca eles.
TODOS: Apréndenos a amar, Pai.
Escoita, Pai, estas nosas peticións para a Igrexa, para o
mundo e especialmente para os máis necesitados. Por Xesús Cristo, noso Señor.
AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario