Ficha e Lectio: Domingo 3 de Pascua C
LECTIO:
DOMINGO III DE PASCUA
(Ano C: 10 abril
2016)
Ó
estarmos como estamos, nesta igrexa dos Apóstolos, tan preto do mar, case á
beira da nosa fermosa ría de Vigo, o relato deste domingo (ben centrado na
tarefa da pesca no lago de Tiberíades) debería sernos doado de entender. O de
Xoán de hoxe tampouco pode ser considerado coma un relato estritamente
fotográfico ou histórico do ocorrido. Porque os outros evanxelistas, ó
falárennos da pesca milagrosa, colocan a escena antes da morte de Xesús,
mentres que Xoán a sitúa despois da súa resurrección. Unha vez máis, o que a
Xoán lle interesa é profundar na continuidade real, máis alá da crucifixión,
entre o Xesús co que conviviran durante a súa vida e o Xesús resucitado que os
seus discípulos senten e experimentan como vivo de moi diversas maneiras.
É
un relato moi fermoso e emotivo. Emotivo polo que se refire ás preguntas que
lle fará Xesús a Simón Pedro antes de lle confiar o coidado dos seus primeiros
discípulos. Fermosa, detallada e reflexo vivo do traballo da pesca é a escena
que se nos refire antes sobre a fracaso da pesca nocturna no lago. Estaban
cansados, frustrados e faltos de humor cando empeza a romper o día e na barca
non había un rabo de peixe. Porque cómpre ter en conta que a pesca non era para
eles, como o pode ser hoxe en día para moitos afeccionados a ela, un deporte ou
unha evasión. Para eles era o seu traballo, a súa humilde profesión, temporal
polo menos. E dese traballo dependía que puidesen comer ou quizais comerciar
algo con outros para adquiriren cousas que precisasen. Ese seco “Non”, co que
lle responden a aquel descoñecido que pasea tan cedo á beira do lago, reflicte
moi ben o seu estado de ánimo. Non teñen humor para latricar máis con el.
Aínda
que, claro, ese descoñecido vaise converter de súpeto en coñecido para o que o
ama. Son esas intuicións mutuas que sobre si mesmas teñen as persoas que se queren,
que conxenian entre si. Calquera pequeno detalle é sempre revelador. Isto foi o
que lle pasou con Xesús a Xoán por moito que estivese este cansado de toda unha
noite traballando e sen poder pegar ollo.
O
pequeno detalle foi en calquera caso moita cousa. Ben saben os que teñen
algunha afección á pesca os soños e fantasías que tantas veces lles veñen á
cabeza sobre unha grandísima troita ou robaliza que pescaron ou van pescar... O
que ocorre é que tales soños ou traballos imaxinativos non adoitan converterse
en realidade. Ó máis ó que se chega é a dicir que unha troita ou unha faneca
que deberían de ser enormes se nos escaparon polo moito que tiraban do fío.
Agora
ben, ver diante dun, non só imaxinados senón reais, moitos grandes e fermosos
peixes pescados por un grazas á simple indicación dun descoñecido e poder
contalos amodiño un tras outro, iso si que ten que ser un acontecemento que non
se pode esquecer doadamente. Xoán, un dos afortunados pescadores, dinos que
contaron 153 peixes grandes. Na súa vida esquecería Xoán xunto cos seus compañeiros
de pesca o preciso e concreto número de peixes pescados: 153.
Foi
este exceso de éxito, absolutamente inesperado, no seu traballo de pescadores o
que lle fixo ver ou intuír a Xoán que quen andaba pola praia non podía ser
outro máis có Mestre. Primeira lección: a amor ten poder para aguzar a vista. Mais
o amor de Xoán a Xesús é sempre posterior, consecuencia, do amor que Xesús lle tiña a el. Para podermos amar temos
que recibir antes o impacto de alguén que nos quere, temos que ser amados antes
por outro, en último termo por Deus, creador e amador de todo canto hai. Cando
Xoán coloca a escena da pesca de hoxe no contexto de Xesús resucitado está a
dicirnos que é a fe na Resurrección de Xesús a que nos fai ver, verdadeiramente
e a fondo, as cousas da nosa vida, do noso traballo, dos nosos fracasos e dos
nosos éxitos.
A
outra escena de Xesús con Pedro apréndenos tamén unha que podemos chamar
segunda lección do Xesús resucitado. Comentando no anterior domingo, en
relación cunha viñeta dun irmán meu de Brasil, que fora o Amor o que resucitara
a Xesús, diciamos que se Deus non fose esencialmente Amor, non existiría
resurrección: nin a de Xesús nin a nosa. Só podemos vivir sen deixar nunca de
continuar a vivir se hai Alguén que, aparte de ter poder para tal cousa, nos
quere tanto que non permite que a morte sexa a nosa fin.
Agora
ben, o Xesús resucitado non nos garante só a vida, a resurrección, despois da
nosa morte individual, senón tamén unha vida plena –en certo modo podemos dicir
que inicialmente xa “resucitada”- na nosa vida actual. Pois acaso podemos chamar
vida unha vida vivida sen amor? Vivir sen amor vén sendo como estar morto. Por
iso, o Xesús Resucitado vaille insuflar verdadeira vida e resurrección a Pedro,
dándolle amor e comprobando ó tempo se Pedro o ama verdadeiramente. Vai
comprobar se Pedro corresponde con amor ó amor que Xesús lle ten a el a pesar dos
seus fallos e fracasos. Esas reiteradas preguntas (ata tres veces) que Xesús
lle fai a Pedro sobre o seu amor a el non poden menos de lembrarnos aquel
fermoso dito do santo de Ávila, San Xoán da Cruz: “Á tarde examinarante no
amor”. Si. O Xesús resucitado compórtase
con Pedro de maneira semellante a unha nai que preguntase ó seu fillo pequeno
se a quere. O neno quedaría case desconcertado e non sabería case que lle
responder á súa nai. Como non a vai querer, se el non é nada sen ela? Mais
Pedro é unha persoa adulta e ó final non sabe tampouco como responder,
limitándose a replicar: “Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero”.
Unha
resposta que ten máis de admiración sobre a grandeza e o amor de Deus que de estrita
contestación. Unha reacción, a de Pedro, que seguramente nos lembra aquela
outra de Tomé do anterior domingo: “Meu Señor e meu Deus!”.
Unha
aclaración final aínda. O amor que lle pide Xesús a Pedro é un amor que non se
dirixe a un “Deus” abstracto, senón ó Xesús concreto no que se manifesta o Pai
Deus. Un Xesús que é tan divino coma humano. En Xesús estamos todos
representados. De modo que, unha vez máis, non pode haber amor a Deus que non
pase polo amor ás persoas humanas concretas, especialmente as máis necesitadas.
Moita tarefa de Deus temos aquí diante de nós!
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Pedímosche, Pai, sabermos chegar onda ti polo
camiño do que a si mesmo se chamou “o camiño, a verdade e a vida”, Xesús, fillo
teu e irmán noso, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS. Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, sabermos ver en Xesús a presenza
misteriosa e vivificante túa entre nós.
TODOS. Escóitanos, Pai.
- Fai, Pai, que no teu fillo Xesús -vivente,
sufrinte e resucitado- sexamos capaces de ver e
amar as persoas todas do mundo, de modo especial as máis necesitadas, de calquera nación, cultura ou relixión
que sexan.
TODOS. Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, un grande amor a Ti, ó teu fillo
Xesús e a tódolos irmáns nosos para dese modo
podermos ver claramente e con ollos limpos a realidade toda.
TODOS. Escóitanos,
Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor.
AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario