Enxugará todas as bágoas dos seus ollos - Ap 21, 1-5a

Domingo 5 de Pascua - ciclo C


A ARTE DE AMAR

Existe un camiño
para sabermos se somos cristiáns:
o camiño do amor.

Existe un camiño
para que medre a comunidade:
o camiño do amor.

Que non che pareza este
un asunto de sentimentais
ou un asunto de pícaros;
amar é a actividade máis grande
de calquera home ou muller,
túa máis grande actividade tamén.

Amar non é doado,
todos somos aprendices
da difícil arte de amar,
e Xesús é o mestre.

O amor non é só
a relación amorosa dunha parella
nun cuarto solitario,
ou os mimos duns pais
cara aos seus picariños.

O amor está
-ou debe estar-
en toda a vida:
nas decisións familiares,
nas posturas políticas,
na participación sindical,
na cooperación cos veciños.

O amor de Xesús é fiel, doído,
sacrificado, esixente,
faise en pequenas cousas,
faise nos grandes proxectos
persoais e comunitarios,
o amor de Xesús é transparente,
revolucionario ...

Xesús invítate hoxe
a coñecer as súas maneiras de amar.
Xesús invítate hoxe
a medrar no amor á xente. 



Comentarios

Publicacións populares