Ficha e Lectio - Domingo 4 Pascua C
LECTIO:
DOMINGO IV DE PASCUA
(17 abril 16: “C”)
Dado
que o evanxeo é curto, imos tamén nós acompañalo sendo algo máis breves. Porque
o importante non é falar ou escoitar moito, senón o moito entretérmonos na
oración con Deus, Noso Pai, en moito orarmos como facía Xesús e en moito
estarmos atentos ás necesidades dos demais, como facía tamén Xesús.
Xesús
comía e bebía, máis que dos alimentos e das fontes ou pozos deste mundo, desa
inesgotábel riqueza e fonte de vida que era e segue e seguirá a ser Deus, Pai seu e noso tamén.
Xesús oraba, falaba, moito con seu Pai. Como de día moitas veces non podía
facelo polas multitudes que anceiaban escoitar a súa palabra, facíao de noite.
Deus é desde sempre, e tamén para Xesús, esa marabillosa realidade persoal,
plena e infinita, que en si mesma é vida e que enche de variadísima vida a
realidade toda que temos diante e da que formamos parte, aínda que a
descoñezamos nas súas íntimas fonduras e inmensidades. Xesús é totalmente
incomprensible sen atender a este Deus Pai que o converte no seu Fillo
predilecto. E se Deus Pai o quere tanto é porque o encheu tamén a el da súa
mesma plenitude de vida.
Por
iso Xesús podía dicir de si mesmo: “Eu son a Vida”. E se Xesús se define a si
mesmo como “Vida”, cómo vai poder el darnos a nós outra cousa máis ca vida? É
case incríbel como se puido desfigurar tantas veces a mensaxe de Xesús coma se
fose unha mensaxe de febleza ou debilidade, de indixencia e de morte. A mensaxe
de Xesús é todo o contrario. Xesús non ten que ver nada coa morte, pois el é a
mesma Vida.
Xoán
dínolo ben claro hoxe ó presentarnos a Xesús como bo pastor que coñece as súas
ovellas, é dicir, o pobo todo que o segue como rabaño feliz de se sentir ben
acompañado e dirixido por el. “Eu –así soan as palabras que Xoán pon en boca de
Xesús- eu doulles vida eterna”. Son expresións de moita relevancia e fondura,
que teñen que ver cunha necesidade básica de todos nós. Como xa tantas veces
vos teño comentado, ¿hai alguén que non queira vivir e vivir sempre, vivir
eternamente? Ninguén. Se lamentabelmente nas noticias que lemos ou oímos, máis
dunha vez sentimos que nos bate forte o corazón ó lermos ou oírmos que alguén
se quitou a vida por algún tipo de problema que o afectaba moi duramente,
podemos estar ben seguros de que estes irmáns nosos non fixeron tal cousa
porque non quixesen vivir. Todo o contrario, pois o impulso de vida déunolo
Deus mesmo e a iso non somos nós capaces de renunciar en circunstancias
normais. O que pasa é que os problemas da vida, que non necesariamente eles mesmos
senón quizais máis ben outros lles crearon, poden chegar a facer crer ou
convencer a un de que a propia vida non ten sentido nin futuro. E sen ningunha
esperanza de vida nin de futuro é imposíbel querer seguir vivindo. Aínda que
pareza contraditorio, abandonan a vida porque a queren precisamente con toda a
alma mais senten que tódalas portas para acadar vivir se lles pechan.
De
todo isto temos que deducir que, se como cristiáns cremos que Deus nos deu a
todos vida e en Xesús e por medio del nola deu tamén como “vida eterna”, entón
temos que loitar de tódalas formas posíbeis -cada un da forma que o Espírito
lle inspire- para que esta vida que recibimos non sexa só a miña, senón a de
todos. Porque a mensaxe de Xesús non está só dirixida só a unha ou dúas ovellas,
utilizando a linguaxe pastoril e rural de Xesús, senón a todo o rabaño, é
dicir, a todo o pobo de Deus, a todo o mundo. Por iso nada do que ocorre fóra
da pel do meu corpo me pode ser indiferente. Todo e todos deben interesarme e
afectarme. Tanto máis canto que a vida dos demais é algo que ten que ver tamén
coa miña, pois a vida é un agasallo común de Deus para todos e ninguén pode
considerar como algo exclusivo seu a vida que Deus concedeu para todos.
Volvendo
ó que nos di Xoán. Tan grande e tan divina é a vida que Xesús recibiu do seu
Pai (e lembremos que os pais son precisamente os que dan a vida) que o mesmo
Xoán pon unha vez máis aquí na boca de Xesús estas outras palabras: “Meu Pai e
mais eu somos un”. Palabras que aluden ó misterio da persoa de Xesús, tan
intima e profundamente unida ó misterio de seu Pai Deus.
Mais
isto significa tamén que traballando nós pola dignificación e pola vida de
tódalas persoas -e de maneira especial a prol daqueles que se senten ameazados
na súa vida e na súa dignidade- estamos ó tempo a traballar pola divinización
do mundo. Esa é, en definitiva, a meta, o fin da aparición entre nós de Xesús,
no que Deus, a humanidade e o mundo formamos xa en realidade e tamén en
proxecto unha misteriosa e inconcibíbel unidade. Estamos, si, chamados todos en
Xesús e por medio de Xesús, o Deus humanizado, a sermos moi humanos. Mais ese é
tamén o único camiño para facérmonos moi divinos, á imaxe de Xesús que era “un”
co Pai.
Por
iso nos fala Xoán tamén, na 2ª Lectura, da plenitude da nova vida que se nos
abrirá trala nosa morte particular. Daquela non teremos xa “máis fame nin
sede”, porque a nosa vida estará entón unida á de Deus mesmo, que é a mesma
fonte de vida e de plenitude.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Deámoslle grazas a Deus Pai, fonte de vida e de
plenitude, por querer facernos partícipes
da súa mesma vida e plenitude, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, a túa graza para recoñecermos e
agradecermos o don que nos deches da vida.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, a crermos de verdade na palabra
do teu fillo Xesús que nos di que el é
“a vida”.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Move, Pai, a sociedade e os gobernos do mundo
cara á atención e coidado especialmente
dos máis febles e necesitados.
TODOS: Escóitanos,
Pai.
Pedímoscho,
Pai, por medio de Xesús, fillo teu e irmán noso, en unión co Espírito
Santo. AMÉN.
Comentarios
Publicar un comentario