Comunicáronlle á Igrexa as marabillas que Deus realizara con eles - Feit 14, 21b-27

Domingo 5 de Pascua - ciclo C


EU CREO NO TEU AMOR

Ai, como che agradezo, Xesús,
que nos teñas amado tanto!

Como che agradezo
que nos teñas demostrado tan vivamente
o perdidiño que está Deus Pai por nós!

Como che agradezo tamén
que a túa forza de amor
prendese e medrase e se espallase
polas catro esquinas do mundo!

Canto me gusta ver sinais
dese amor teu no meu propio corazón,
nos meus propios proxectos de vida!

Canto me gusta ver sinais dese amor teu
en moitos outros cristiáns
anteriores a min e contemporáneos meus!

Que grandes e felices e axudadores foron
moitos seguidores teus
cando se deixaron arrastrar polo teu amor!

Canto me gusta sobre todo
ver sinais dese amor teu
na xente que non se considera cristiá!

Arrástrame, Xesús, no onda do teu amor.
Eu creo no teu amor coma estilo de vida,
oxalá que me enchoupe por dentro e por fóra
e me faga así discípulo teu!

Comentarios

Publicacións populares