VII Semana Cine Espiritual en Galicia
Meñique e o espello máxico
Clasificación: Todos os públicos.
Meñique é a historia dun pequeno campesiño que quere sacar a súa familia da pobreza. Unha praga de insectos que destrúe a colleita do campo onde vive, e o encontro co Espello Máxico da Media Laranxa, son os sucesos que o levarán á aventura. O Espello revélalle quen é a muller dos seus soños e anímao a ir á cidade xunto aos seus irmáns, Paulo e Pedro.
De
camiño cara á cidade, Meñique e os seus irmáns danse de conta de que un enorme
carballo encantado ten o Palacio do Rei nas tebras e sen auga. Así o pequeno
enfrontarase a un bosque encantado, e nel terá que conseguir tres obxectos
máxicos: a machada Hachibaldo, o pico Picoretto e a fonte de auga con forma de
noz chamada Señora Arroio. E será o espello máxico quen lle ensinará a usar a
súa intelixencia para vencer todos os obstáculos.
Ao
redor da cidade, unha enorme favela é o fogar dos pobres. E unha misteriosa
ladroa rouba no palacio para repartir o botín entre os seus habitantes. Ela
tamén roubará o corazón de Meñique e poñerá en dúbida a predición do Espello da
Media Laranxa. Finalmente o pequeno campesiño triunfará no empeño de cortar a
árbore, abrir o pozo, vencer un xigante, derrotar a bruxa e conquistar a súa
amada. Todo grazas á axuda dos seus amigos máxicos e porque finalmente aprende
que “o saber pode máis que a forza”.
Película cubana con cancións para nenos escritas por Silvio Rodríguez baseada nunha adaptación do conto de “Polgariño” relido polo heroe da independencia cubana José Martí. Permite achegar temas como a superación das dificultades, a verdadeira sabedoría, a solidariedade cos pobres e a axuda desde máis aló.
Recomendada: 1º, 2º e 3º de Primaria.
__________________________________________
La canción del mar
Clasificación: Todos os
públicos
A lenda celta dos nenos -
foca contada desde a historia dunha familia. Logo da desaparición da súa nai,
Ben e Saoirse son enviados a vivir coa súa avoa á cidade.
Cando deciden volver á
súa casa xunto ao mar, a súa viaxe convértese nunha carreira contra o tempo a
medida que se internan nun mundo que Ben só coñece a través das historias e as
cancións que lle narraba a súa nai. Pero este non é un conto para durmir; estas
criaturas levan no noso mundo demasiado tempo. Ben axiña se decata de que
Saoirse será a clave para a súa supervivencia.
Sobre o fondo dun relato fantástico amósasenos
a forza do perdón, a fraternidade como relación básica, a importancia da
familia e a aceptación das perdas.
Recomendada: 4º a 6º Primaria.
__________________________________________
Trash. Ladrones de esperanza.
Clasificación: Non recomendada menores de 12 anos.
Desde as favelas de Brasil chéganos esta aventura de tres mozos que se
enfrontan á corrupción política e policial coa única arma da súa honestidade e
a axuda dun vello sacerdote e unha voluntaria norteamericana. Cine - fábula de
denuncia sobre as desigualdades sociais e onde a fe é un motivo para a
esperanza e onde o diñeiro non ten a última palabra.
Un
trío de mozos, interpretados con frescura, coraxe e autenticidade por Rickson
Tevez, Eduardo Luís e Gabriel Weinste, atopan unha carteira que os levará a
descubrir unha trama de corrupción e onde, coa axuda dun sacerdote (Martin
Sheen), xeneroso pero canso, e unha voluntaria ben intencionada (Rooney Mara), se
enfrontan un político aspirante a alcalde (Wagner Moura) e a un policía
corrupto (Selton Mellon) que forman parte dunha trama organizada.
Este canto á bondade móstranos como a última palabra non a ten o diñeiro nin o poder, senón que desde o mesmo lixo poden xurdir as flores que xeren posibilidades e novidade no noso mundo. Neste sentido a coherencia da fe aparece como un baluarte de resistencia no padre Juilliard, que sempre está aí aínda que lle falten as forzas. Os mozos teñen a fe da xente sinxela feita de frescura insolente e lúcida capaz de vencer todos os perigos. A cruz aparece asociada á loita contra a inxustiza en varios momentos e os personaxes que abren futuro sempre a teñen detrás.
Recomendada: 1º a 4º de ESO.
Comentarios
Publicar un comentario