Domingo 26 de Ordinario B

DOMINGO XXVI ORDINARIO  -  CICLO B

Primeira Lectura     Núm 11, 25-29
LECTURA DO LIBRO DOS NÚMEROS
Tes celos por min? Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas!
  
            Naqueles días, descendeu o Señor nunha nube e faloulle a Moisés; despois tomou do espírito que había nel e infundíullelo aos setenta anciáns. En canto o espírito repousou sobre eles, puxéronse a profetizar; pero nunca máis o volveron facer.
            Quedaran no campamento dous homes, un deles chamado Eldad e o outro Medad. O espírito repousou tamén sobre eles, pois figuraban entre os inscritos, aínda que non saíran para a Tenda, e profetizaron no campamento. Un rapaz correu a comunicarllo a Moisés, dicindo: ‑Eldad e Medad profetizan no campamento! Entón Xosué, fillo de Nun, ministro de Moisés, escolleito por el, díxolle:
            ‑ "Meu Señor, Moisés, prohíbellelo!"
            Mais Moisés respondeulle:
-          "Tes celos por min? Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas, e que o Señor lles dese o seu espírito!"

   Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 18, 8. 10. 12-13. 14
 R/.  (9a):  Os mandatos do Señor son rectos: aledan o corazón.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio  ao inxenuo.

A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Aínda que o teu servo os quere cumprir
e pon coidado en gardalos,
quen se decata dos erros?
Límpame ti de canto se me esquece.

Preserva o teu servo da soberbia,
para que non me domine.
Entón serei perfecto,
limpo de pecados graves.


Segunda Lectura     Sant 5, 1-6
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
As vosas riquezas podreceron
  
            E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgrazas que van vir enriba de vós. A vosa riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza; o voso ouro e a vosa prata, enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. Estades atesourando na fin dos tempos!
            Atención! O xornal que non lles pagastes aos obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega aos oídos do Señor dos Exércitos.
            Vivistes na terra cheos de fartura e cebastes os vosos corazóns nos praceres para o día da matanza.
            Condenastes o xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.

  Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



ALELUIA     Cf. Xn 17, 17b. a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
A túa palabra, Señor, é verdade;
santifícanos na verdade.
Aleluia.



Evanxeo     Mc 9, 38-43. 45. 47-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Quen non está contra nós, está connosco. Se a túa man te escandaliza, córtaa
  
            Naquel tempo, díxolle Xoán a Xesús:
            ‑ Vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.
            Xesús contestoulle:
            ‑ Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. O que non está contra nós, está connosco. Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.
            E a quen escandalice a un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño, e o largasen  ao mar.
            E se a túa man te fai caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans  ao inferno, no lume que nunca se apaga. E se o teu pé te fai caer, córtao: mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. E se o teu ollo te fai caer, arríncao: máis che vale entrar cego no Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, onde o verme non morre nin o lume se apaga.

  Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


DA PANTASMA DOS CELOS.... LÍBRANOS, SEÑOR!!!!  - 26º Domingo do TOB 2015

POWER POINTS


CANTO GOZOSO

·         ENTRADA: Vinde axiña
·         LECTURAS: Todo o mundo unha familia
·         OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
·         COMUÑÓN: O amor é o meirande

OLLOS ABERTOS
Moitas veces, para favorecer os nosos propios intereses, para quedar ben, ou mesmo por envexa e por celos, facemos comentarios sobre as persoas que sabemos que non son verdade. Non nos importa inventar, esaxerar ou mesmo mentir sobre como é, que di ou que fai alguén... con tal de desacreditalo como persoa.
Porén, o Señor hoxe fainos unha invitación a non deixarnos atrapar nesta mesquiña gaiola da calumnia para abrirnos a descubrir a pluralidade das presenzas do Espírito en cada un e cada unha de nós. Non podemos vivir sempre desconfiando, condenando posicións e iniciativas que non se axusten aos nosos desexos e aos nosos esquemas. Non é propio da Igrexa de Xesús estar sempre vendo inimigos por todas partes. El invítanos a aledarnos do que xentes e institucións alleas á Igrexa poidan estar facendo por un desenvolvemento máis humano da vida. Son dos nosos, porque traballan pola mesma causa: a dignidade do ser humano, fill@ de Deus.
Que a celebración que agora comezamos se converta nunha escola na que aprendamos que sinceridade, verdade e dignidade non han confundirse con celos, envexa ou interese.

CORAZÓN MISERICORDIOSO


·         Por ter esquecido que non son as prohibicións, senón as convicións maduras as que logran que as cousas muden ou deixen de facerse; 
  • SEÑOR, QUE NON SEXAMOS EXCLUSIVISTAS.
·         Por non ternos esforzado o suficiente por botar fóra do noso corazón a pantasma dos celos, que nos converte en persoas mesquiñas, inseguras e amargadas; 
  • CRISTO, QUE NON SEXAMOS EXCLUSIVISTAS.
·         Porque seguimos sen apostar por un comercio xusto e un consumo responsable, estragando e desbaldindo moito, sen parar a pensar que detrás hai explotación, escravitude e manipulación;             SEÑOR, QUE NON SEXAMOS EXCLUSIVISTAS.


PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN

·         Os celos teñen feito sufrir moito a moitas persoas. Cantas veces a felicidade nas relacións de parella, de amizade, de traballo.... ten fracasado por mor dos celos, por non fiarse da outra persoa, por non ser quen de remar na mesma dirección? E a esta actitude non son alleas a nosa Igrexa e as nosas comunidades cristiás: se alguén fai algo, rapidamente dicimos que algún beneficio sacará; xa están mangoneando os de sempre, non teñen outra cousa que facer.... Hai veces nas que nalgunhas comunidades hai un pequeno grupo de persoas que acaparan as principais tarefas e responsabilidades sen compartilas nin contar co resto, que pouco a pouco van quedando marxinados. Outras persoas pretender reter certos cargos considerados social ou eclesialmente relevantes coma se fosen vitalicios, non favorecendo a súa renovación e mesmo poñéndolle atrancos ás persoas que os suceden, ás que non se cortan en criticar. Hainos tamén que rebaixan e desacreditan o que fan outros grupos ou persoas, sempre preparadas para buscar posibles erros pero pasando por alto os éxitos dos demais. Conclusión: permanentemente comparámonos cos demais e crémonos superiores, os únicos, os bos. Por que seremos tan mesquiños? Acaso non será porque temos complexo de inferioridade ou porque non estamos seguros do que facemos? Será porque nos gusta dominar e impoñer o noso a toda custa? Os discípulos non tiñan claro, non lembraban que a súa pertenza ao grupo de Xesús foi un agasallo. Ningún deles, ningún de nós, presentamos diante do Mestre un concurso de méritos para ser elixido/a, senón que foi Xesús o que se presentou diante deles, diante de nós, e chamounos, a pesar dos defectos, erros ou debilidades. En cada persoa, Deus sementou as sementes do ben: como e cando comecen a xermolar e a dar froito, iso depende de nós. Ás veces, coma Xoán e o resto dos discípulos, nós tamén temos celos daquelas persoas que sen pertencer ao noso grupo, ao noso partido, ou mesmo á nosa relixión, actúan mellor ca nós. Si, en demasiadas ocasións a nosa Igrexa é exclusivista. Por desgraza e cada vez máis frecuentemente, moitos crentes que traballan polo ben, a xustiza ou a paz son excluídos ou postos en cuestión só porque “non eran dos nosos”, da nosa liña. Cantos Xosués e Xoáns seguen empeñados en defender unha exclusividade -que, por suposto, ninguén posúe-; antepondo ao amor intereses mesquiños ou criterios de autoridade e exclusividade absolutamente rexeitados por Xesús. Moisés pregúntalle a Xosué se se volveu celoso. Nós tamén teriamos que facernos hoxe esa mesma pregunta. Son os celos que nos acosan cando nos achegamos a alguén importante e queremos usar con exclusividade os beneficios da súa amizade. Son os celos derivados do noso afán de protagonismo e de querer estar sempre en todas as salsas. Son os celos quen os impiden aledarnos dos proxectos innovadores doutras persoas. Son os celos que nos converten en persoas amargadas, ríxidas, enfaixadas. Son os celos derivados de non querer recoñecer a presenza do Espírito entre nós, entre todos nós.
·         Porque o Espírito é o mesmo, cómpre saber recoñecelo nas persoas, nas accións, nos proxectos que non buscan excluír a ninguén. A dura sentencia “non é dos nosos”, está na orixe de guetos, discriminacións e intolerancias. E nun mundo dividido e confundido, moitas veces os cristiáns e as cristiás esquecemos que temos unha mensaxe e unha tarefa: traballar pola unidade, loitar para erradicar canto divide e enfronta. O noso posto está en contra da desigualdade que divide a pobos en desenvolvidos e subdesenvolvidos, en traballar contra da inxustiza que explota e marxina, en denunciar todo aquilo que vai contra a dignidade da persoa segregando en clases, castes, cidadáns de primeira e de segunda, bos e malos. Isto quere dicir que deberiamos alegrarnos cando se traballa, desde outras instancias, a prol do Reino, que é xustiza e paz. Pero significa tamén que podemos e debemos sumar os nosos esforzos aos de todas as persoas de boa vontade, aínda que non compartan a nosa fe ou a expresen de xeito distinto. A fe non pode ser un pretexto para o separatismo ou a discriminación, senón que é forza de Deus para xuntar esforzos, valorando canto hai de auténtico nos demais. Non nos afoguemos, pois, en etiquetas e nomes: católico, ateo, ortodoxo, agnóstico.... vaiamos máis ao fondo para descubrir o fondo que hai en cada persoa. Se o Espírito é xeneroso, que nós non o enfaixemos no noso ríxido esquema.
·         Só se somos capaces de deixar atrás o noso afán de protagonismo e a nosa vocación de xuíces frustrados. Só se somos capaces de liberarnos do materialismo que nos afoga e nos leva a acaparar e posuír. Só se buscamos primar o ser sobre o ter, tal e como nos di Santiago na súa carta, tomando en serio o noso compromiso cristián e a nosa opción polos pobres e pequenos, seremos quen de dar un testemuño convincente de que paga a pensa apostar por Deus, de que a relixión dá sentido á nosa vida. Nestes momentos que estamos a vivir, de tanta dificultades nos que cada día son máis as persoas abocadas ao paro, nos que os comedores sociais están cada vez máis ateigados de xente, nos que en demasiados fogares hai que facer verdadeiros milagres para chegar a fin de mes e noutros non se chega nin tan sequera facendo milagres, necesitamos resituarnos, pararnos e pensar con sinceridade e sen tentar enganarnos a nós mesmos sobre cales son as necesidades fundamentais da nosa vida. Oxalá que saiamos hoxe da nosa celebración cheos da esperanza que nos ofrece a fe para non calar e ser cómplices dos poderosos e explotadores.

FRATERNIDADE ORANTE
Moitas veces o noso corazón vólvese de pedra e non é quen de sentir o sufrimento de tantas persoas ás que as situacións da vida, e o actuar doutra xente ten levado á infelicidade. Querendo traballar para que nós non fagamos o mesmo, dicímosche:
DÁNOS UN CORAZÓN QUENTE


·         Pola Igrexa, para que non perda tempo, forza e enerxía en condenar, impoñer ou desconfiar, senón que desde unha actitude aberta, inclusiva e misericordiosa sexa quen de transmitir o amor de Deus a todas as persoas, crentes ou non, OREMOS.
DÁNOS UN CORAZÓN QUENTE
·         Para que as nosas comunidades nunca se convertan en guetos excluíntes ou en falsos tribunais de xustiza e así, deixando a un lado celos e afán de protagonismo, saibamos ser compaña para quen esta só, escoita para quen esta desesperanzado, consolo para quen está triste, alento para quen está enfermo, acollida para quen é desconsiderado e menosprezado, OREMOS.
DÁNOS UN CORAZÓN QUENTE
·         Por cada un e cada unha de nós, para que aprendamos a valorar todo o bo que hai no corazón das persoas que nos rodean e saibamos ser agradecidos por canto nos ensinan e nos transmiten coa súa vida, OREMOS.
DÁNOS UN CORAZÓN QUENTE
Señor, axúdanos a esforzarnos cada día por facerlle a vida máis feliz a todas as persoas que comparten con nós a inquedanza por un mundo mellor, no que ninguén sexa excluído. PXNS. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Señor, son moitas as persoas que deixaron pegada en min,
moitas as que me axudaron a descubrirme,
a espertar , a cambiar e a enriquecerme.

Aquela persoa que, inesperada e oportuna, soubo escoitarme con comprensión.
Aquela que, aínda estando lonxe, sentín preto.
Aquela que, coa súa bondade, fíxome ser sinxelo.
Aquela que, corrixíndome con agarimo, esixiume camiñar.
Aquela que, experimentando a súa debilidade, fixo que me sentira pobre.
Aquela que, coa súa experiencia de gratuidade, me abriu un mundo de relacións fraternais.
Aquela que, coa súa vida incansable, invitoume a loitar.
Aquela que, coa súa necesidade de min, fixo que me sentira único.
Aquela que se atreveu a dicirme: quérote.
Aquela que anunciou en min a boa nova de que Ti me queres.

Son o que son grazas a moitas persoas, pequenas e grandes, amigas e anónimas.
Déixame darche as grazas por elas, que me marcaron para sempre coa súa vida e frescura.
Déixame darche as grazas, cantarche e loarte por todas elas, fillas túas, irmás miñas.


Comentarios

Publicacións populares