Domingo 23 de Ordinario B

DOMINGO XXIII ORDINARIO  -   CICLO B


Primeira Lectura     Is 35, 4-7a
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Abriranse os oídos dos xordos, cantará xubilosa a lingua dos mudos
  
            Dicídelles aos de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.
            Chega a vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".
            Entón abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.
            Entón o coxo saltará coma un corzo
e a lingua do  mudo cantará xubilosa.
            Si, saen á luz augas no deserto e ríos na estepa:
a terra reseca convértese nunha lagoa,
e a terra sedenta en mananciais de auga.

  Palabra do Señor                                          R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
 R/.  (1):  Loa, miña alma, o Señor.
Ou:  Aleluia.

El garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.

O Señor libra os cativos,
o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.


Segunda Lectura     Sant 2, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
Non é que Deus elixiu os pobres como herdeiros do reino?
  
            Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certos distingos entre persoas. Entra na vosa asemblea ‑ é un supoñer ‑ un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos; se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: "ti acomódate ben aquí", e ao pobre "ti queda de pé aí", ou "senta no chan aos meus pés", non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?
            Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu aos que o aman?

  Palabra do Señor                                          R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Mt 4, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino,
e curaba todas as enfermidades do pobo.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 7, 31-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Fixo oír aos xordos e falar aos mudos
  
            Naquel tempo, Xesús, deixando Tiro, veu dar por Sidón ao mar de Galilea, atravesando a Decápole. Presentáronlle un xordomudo, e suplicáronlle que lle impuxese as mans. Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas e tocoulle a lingua con cuspe. Logo, erguendo os ollos ao ceo, suspirou e dixo:
            ‑ Effatá (ou sexa: "ábrete").

            E no instante abríronselle os oídos, e falaba perfectamente. Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. E a xente, totalmente abraiada, comentaba:
            ‑ Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.


 Palabra do Señor                                          R/. Loámoste, Cristo


NON NOS CREA PARA O MEDO, 
SENÓN POR AMOR
23º Domingo TOB – 2015

POWER POINTS

Domingo 23 ORDINARIO B

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o LECTURAS: Canta aleluia
o COMUÑÓN: O amor é o meirande

OLLOS ABERTOS
Deus créanos por amor. Para El non somos nin un capricho nin un xoguete co que se vai entretendo. Non. No seu crearnos por amor fainos iguais uns aos outros. Nin a cor, nin a lingua nin a cultura, e moito menos as características físicas son relevantes aos ollos de Deus. Para El somos iguais, sen distingos de ningún tipo. E neste ser iguais compartimos, todos/as sen excepción, a súa presenza en nós; por iso dicimos que somos a súa imaxe e semellanza, e polo tanto posuidores do mesmo respecto e sacralidade que a nós nos merece Deus. De aí que ningún tipo de exclusión, violencia ou desprezo pode ser xustificable para un cristián. Entendemos, logo, por que Francisco, unha e outra vez, nos chama a non converter os mares en cemiterios nin os pasos fronteirizos en campos de reclusión. Hoxe estalles a pasar a outros, quen nos di que mañá non nos pasará a nós? Xustificariamos que fixeran connosco o que se está a facer cos irmáns que veñen de África escapando da persecución e da fame? Con non velos no telexornal xa estamos tranquilos? Gústenos ou non, seguimos sendo iguais e irmáns uns dos outros.

Odres Nuevos - Evangelio Domingo 6 de septiembre de 2015 color - copia
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Porque deixamos que o desprezo e a exclusión aniñen no noso corazón;
  • SEÑOR, QUE NON ESQUEZAMOS QUE SOMOS IGUAIS.
·         Porque somos de memoria fráxil e rapidamente esquecemos que, inda que nós non suframos, hai persoas ao noso redor que nos necesitan;
  • CRISTO, QUE NON ESQUEZAMOS QUE SOMOS IGUAIS.
·         Porque nos empeñamos en crear fronteiras que dividen, cando o que debemos facer é achegar corazóns;    
  • SEÑOR, QUE NON ESQUEZAMOS QUE SOMOS IGUAIS.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
Tres frases poden axudarnos a comprender a Palabra de Deus que temos proclamado, e a facer a reflexión desde ela para a nosa vida:
·         Collede ánimo, non temades (Isaías): Esta primeira frase do profeta Isaías vainos mostrando que a fe que cantos estamos aquí afirmamos posuír e compartir non leva nin ao pesimismo nin á sensación de derrota e fracaso na que moitas veces nos movemos os que nos chamamos seguidores de Xesús. Dámonos conta do contrasentido entre a proposta que nos fai Deus desde a súa palabra, e a resposta que nós imos dando? Unha resposta que sempre vai marcada polo noso interese, sen ser capaces de erguer a vista e ver máis alá de nós mesmos? A invitación a coller ánimo e superar o temor móstranos un rostro, unha imaxe de Deus no concreto, no acompañamento, na preocupación por nós e canto nos rodea –a casa común, como ben di Francisco-. Claro que necesitamos ánimo para moitos momentos da vida! Pero ese ánimo temos que ser capaces de descubrilo en todo canto nos vai facendo crecer e madurar como persoas; en canto nos axuda a superar atrancos; en canto vai facendo que sexamos capaces de entender que a fe é suma -por iso somos comunidade-, e non resta e supresión de quen non pensa coma nós ou ten outro xeito de entender e vivir a súa relación con Deus desde o seu compromiso por facer do mundo lugar libre de exclusión. E nesta tarefa non ha ser o medo o que nos atenace, senón a confianza a que nos mova. Por iso, unidos ao profeta, teremos que dicir, insistindo todo canto faga falta: non teñades medo. O medo o que nos fai é mediocres e faltos de esperanza.

·         A fe non cadra con certos distingos entre persoas (Santiago): Santiago, continuando coa proposta de igualdade e superación de canto de negativo hai en nós, fai fincapé nunha actitude que, estando xa presente naquel século primeiro no que escribe a súa carta, tamén o está hoxe, XXI séculos despois: a facilidade e capacidade que temos de diferenciar entre os nosos e os outros; entre os que nos caen ben e os que aborrecemos; no doado que nos resulta ser bos, xenerosos e mesmo solidarios cos que simpatizamos, namentres somos desapiadados con quen consideramos non ser dos “nosos”. Contra destes distingos fala o apóstolo Santiago, e contra estes distingos temos tamén que falar e actuar nós. Como conxugar a fe nun Deus que se fai un de nós, que se entrega xenerosamente aos pobres, enfermos, entristecidos, excluídos e pobres, coas actitudes que tantas veces -moitas delas sen disimulo ningún- realizamos nós cada día nas cousas que facemos: familia, compañeiros de traballo, veciños ou persoas coas que topamos e ás que lles damos as costas?

·         Prohibiulles contalo a ninguén: o segredo mesiánico (Marcos): Para Xesús o importante non estaba nos focos dos que buscaban que se coñecese o que facían para darse importancia e, deste xeito, lle renderan acatamento e submisión. Todo o contrario: para Xesús -sempre, e así o vai deixando claro Marcos ao longo do evanxeo-, facer o ben poñendo á persoa –imaxe e semellanza de Deus– no centro do actuar, non ha ser unha proposta publicitaria, mediática ou multitudinariamente “tuiteada”, senón un traballar sen cansar por facer o ben cambiando os corazóns e movendo vontades para facer as cousas de xeito distinto e xerando novidade e renovación. E facéndoo sempre sen medo nin vergoña. Porque se o Evanxeo é boa noticia, esta ha entenderse sempre sabendo presentar esa novidade que El nos trae con linguaxe, cultura e formas que cheguen aos corazóns das persoas e as movan a cambiar as cousas, comezando por aquelas que, inda que nos parezan pequenas e sen importancia, van marcando tendencia e camiño a seguir. Non fagamos repicar as campás para que todos/as saiban o bos que somos e o ben que o facemos, senón que nos acheguemos a quen está afastado, a quen nos resulta pesado, incómodo ou insoportable, e intentemos amosarlle, co noso actuar claro e comprensible, que Xesús é capaz de cambiarnos. Así, e entre todos/as, acabaremos cambiando o que na distancia nos parece imposible cambiar.

FRATERNIDADE ORANTE
Porque o amor de Deus é desbordante, rezamos xuntos dicindo: 
SEÑOR, QUE ACTUEMOS SEN PRÉSA, PERO SEN PAUSA
·         Para que a Igrexa non se preocupe tanto do que din os medios de comunicación, canto de saber estar ao lado dos máis esquecidos e débiles da nosa sociedade, OREMOS.
SEÑOR, QUE ACTUEMOS SEN PRÉSA, PERO SEN PAUSA
·         Para que nas nosas parroquias creemos entre todos un clima de boa relación, escoita, acollida e colaboración con quen nos necesite, OREMOS.
SEÑOR, QUE ACTUEMOS SEN PRÉSA, PERO SEN PAUSA
·         Para que os enfermos, os que están sós, os que nunca son visitados, atopen en nós as mans que os axuden, o sorriso que os anime e a compaña que lles falta, OREMOS.
SEÑOR, QUE ACTUEMOS SEN PRÉSA, PERO SEN PAUSA
Señor, volvemos unirnos nesta oración comunitaria para agradecer e sentir a forza da túa presenza entre nós. P.X.N.S. Amén.

OÍDOS ATENTOS
Deus, que por amor fixeches de nós imaxe e semellanza que nos iguala a Ti:
·         Que nunca renunciemos á  liberdade coa que nos creaches
·     Que sempre poñamos os ollos en quen está ao noso lado, para que as súas  bágoas de exclusión e menosprezo, se convertan en sorrisos de esperanza.
·         Que non reduzamos o amor á utilización da outra persoa para o noso propio beneficio e entretemento, como se fose un obxecto que compramos para xogar con el.
·       Axúdanos a vivir coa fonda convicción de que somos persoas –homes, mulleres, nenos e nenas-, iguais  e coa mesma liberdade e dignidade.
·       Dános azos para loitar cada día na busca de canto fai do mundo casa común para todos e cobertor baixo o que sintamos a calor diante do duro inverno dunha sociedade cada día máis marcada pola exclusión e a violencia.
·    Que a nosa sexa unha oración enraizada nos problemas e ilusións; nos gozos e as esperanzas; nos fracasos e logros dos homes e mulleres do noso tempo. 
·         E que a ideoloxía que distingue, separa e diferenza non creza nin aniñe nunca no noso corazón. Amén.


Comentarios

Publicacións populares