Ficha e Lectio - Domingo 23 Ordinario B


FICHA ADAPTADA DE: 



LECTIO:

DOMINGO XXIII T. O. 
(Ano B: 6 setembro 2015)

            Diversos teólogos e importantes coñecedores da vida de Xesús estanlle a dar nos tempos de hoxe gran relevancia á función sandadora, curadora, liberadora de Xesús na súa actuación coas persoas: cos pobres, cos necesitados, cos marxinados, etc. En realidade, o que Xesús facía era presentar no noso mundo a face humana, benfeitora, de Deus Pai. Deus non quere o mal, nin a enfermidade, nin a morte. El é un Deus de vida. Por iso traballa con nós e a través de nós para que a xente poida vivir feliz. Vai creando en nós, ó seu ritmo e das maneiras máis insospeitadas, felicidade e plenitude
            O evanxeo é por iso (e serao sempre) “boa noticia”, “nova feliz” para todos. Non é unha mensaxe de xuízo ou de condenación, por moito que teñamos quizais metidas na cabeza ideas deste tipo, que proveñen dunha errónea educación cristiá ou relixiosa.
            O xordomudo do que nos fala hoxe Marcos vén ser por iso unha ocasión máis para que Xesús amose nel, coa súa curación, o seu claro talante liberador. Os sinais que realiza Xesús e que foron recollidos pola tradición nos evanxeos non teñen un senso simplemente individual ou particular. É dicir, no caso concreto de hoxe, non nos podemos limitar a ollar o efecto curador particular producido por Xesús nunha persoa que era xorda desde o seu nacemento e que, en consecuencia, non era capaz de se relacionar cos demais coa palabra pois nunca fora capaz de oír ningunha.
            A mensaxe de Xesús vai moito máis alá disto. Xesús quere así expresarnos como é Deus e como quere que sexamos nós. Abertos ás necesidades dos demais, non pechados en nós mesmos, no noso propio recuncho.
            Á súa maneira, Deus está aberto a todos, a toda o mundo, a toda a humanidade. Esa curta palabra que Xesús lle dirixe ó xordomudo, “effatá”, “ábrete”, é unha palabra dirixida tamén a cada un de nós en calquera situación na que nos poidamos atopar: “ábrete”. Porque Deus está xa en si mesmo aberto ou transparente a todos. El é apertura pura e infinita. O Pai ábrese infinitamente a quen é seu Fillo, e o Fillo e o Pai son infinitamente transparentes ó Espírito Santo. Hai en Deus unha mutua e total comunicación, de tal modo que el é ó tempo un e trino. A que denominamos Santísima Trindade do noso único Deus que se nos revelou en Xesús.
            Sabemos ben que a apertura crea amizade. Entre amigos non se agachan as cousas. O primeiro que fan dúas persoas, que polo que sexa se desamigan, é non falaren a unha coa outra. Tal como adoitamos dicir, andan de morros. O xordomudo pode considerarse así como un símbolo daquel que está totalmente pechado en si mesmo: nin percibe ou recibe comunicación dos demais nin é capaz de transmitir pola súa parte mensaxe algunha a outros.
            Pois ben. Así como Deus non é un xordomudo, senón infinita comunicación das tres persoas divinas e libre e agarimosa comunicación con todos nós, da mesma maneira quere ese Deus aberto e comunicativo que sexamos tamén nós: abertos, comunicativos, interesados en atender e axudar os demais. Neste sentido, as palabras máis fermosas que se poderían escribir, en pedra ou en bronce, como epitafio dunha persoa serían algo así como estas: “Todo o fixo ben”. Parecidas a aquelas que, segundo nos conta Marcos, dicía a xente, “totalmente abraiada”, sobre o Xesús sandador e curador: “Que ben o fai todo!”.
            Desde esta consigna de Xesús que ten como imperativo o “Ábrete”, poderiamos dicir que o Reino de Deus, que Xesús quere instaurar no mundo e sobre o que na oración do “Noso Pai” lle pedimos a Deus Pai que “veña a nós”, está asentado sobre dous alicerces, que veñen sendo como dúas “aperturas”. Unha primeira “apertura” persoal a Deus, para estarmos en disposición de poder escoitar a súa mensaxe, a súa palabra (de maneira individual ou comunitaria), e outra segunda “apertura” respecto de tódalas persoas, de maneira tanto activa como receptiva: é dicir, ofrecendo “luz” e axuda ós demais e recibindo ó tempo deles a axuda que eles nos poidan agarimosamente ofrecer.
            Se non temos estas dúas “aperturas” e preferimos polo tanto permanecer “xordomudos”, é dicir, coa porta pechada tanto en relación con Deus coma en relación cos demais, entón quedaremos lonxe dese Reino de Deus, que Xesús nos proclama e anuncia para a nosa vida e felicidade.
            Pero hai algo aínda moi importante en relación con esta dobre apertura. Recórdanolo tamén hoxe Santiago na segunda Lectura. De maneira moi transparente, como auga limpa que corre maina e cantareira nun regueiro de montaña. A nosa apertura ha ser sobre todo, dinos Santiago, ós pobres e ós máis necesitados. Non se ha dirixir a nosa ollada benevolente e risoña cara a aquelas persoas podentes e ben prestixiadas que o apóstolo Santiago describe como levando un anel de ouro no seu dedo anular, en claro contraste cos esfarrapados da vida. Non. Porque os pobres e esfarrapados deste mundo son xustamente, dinos Santiago, os que Deus escolleu para o seu Reino. Polo tanto é cara a eles cara a onde nós nos deberiamos mover como fai o compás cara ó Norte. Porque se a mensaxe de Deus Pai en Xesús é a de que todos somos irmáns e resulta que algúns (moitos) non parecen irmáns meus porque non viven en condicións tan boas coma as miñas, entón a cousa está ben clara: hai que traballar para que eles se poidan sentir de verdade irmáns meus, coa mesma dignidade, os mesmos dereitos e semellantes posibilidades.
            Os que non traballan nesta liña son en definitiva “xordomudos”, é dicir, están pechados en si mesmos, necesitados polo tanto daquela curación que os “abra” á verdade e ó amor do Deus. Pois en Xesús anunciou e fixo presente Deus Pai a fraternidade universal de todos en canto irmáns de Xesús. Todos estamos polo tanto revestidos por igual da gran dignidade de fillos de Deus Pai.


CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Invocamos en mutua comuñón a Deus Pai para que atenda a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Apréndenos, Pai, a imitar e reproducir nas nosas vidas esa vida misteriosa túa en unión e comunicación co Fillo e co Espírito Santo. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Condúcenos, Pai, desde o noso egoísmo empobrecedor, á apertura cordial e benfeitora a tódalas persoas. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Dános, Pai, ousadía e bondade de corazón para abrírmonos ós necesitados a fin de que poidan tamén eles recoñecer a bondade que ti espallas no mundo. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.



                                                                                                                    Manuel Cabada Castro


Comentarios

Publicacións populares