Domingo 25 de Ordinario - ciclo B
DOMINGO XXV ORDINARIO
- CICLO B
Primeira Lectura Sab 2, 12.
17-20
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Condenémolo a unha morte ignominiosa
Dixeron os malvados:
Espreitemos o home
xusto que nos dá tanto noxo
e se opón aos nosos feitos,
botándonos na cara as transgresións da lei,
reprochándonos faltas da nosa educación.
Examinemos se son
veraces as súas razóns,
comprobemos como é o seu finar.
Se o xusto é fillo de
Deus, virá El a acorrelo
e ceibarao da man dos seus inimigos.
Poñámolo na proba da
aldraxe e do tormento
para constatarmos a súa mansedume
e experimentarmos a súa resistencia
ao mal!
Condenémolo a unha
morte ignominiosa,
pois, segundo el fala, terá quen o protexa!
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 53, 3-4.
5. 6 e 8
R/. (6b): O Señor é quen sostén a miña vida.
Oh Deus, polo teu nome sálvame,
co teu poder faime xustiza.
Oh Deus, escoita a miña súplica,
atende as miñas palabras.
Érguense contra min homes soberbios,
homes violentos buscan a miña vida,
sen teren a Deus en conta.
Mais Deus é a miña axuda,
o Señor é quen sostén a miña vida.
Ofrecereiche un sacrificios voluntario,
enxalzarei, Señor, o teu nome que é bo.
Segunda Lectura Sant 3, 16 --
4, 3
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
O froito da xustiza seméntase na paz para aqueles que cultivan a paz
Irmáns benqueridos:
Onde hai receos e
liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades. Pola contra, a
sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela,
acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O
froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.
De onde veñen esas
guerras e liortas que se dan entre vós? Non será das vosas cobizas, que loitan
no voso interior?
Degoirades e non
tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa;
combatédesvos e facédesvos a guerra e non conseguides porque non o pedides e,
se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacerdes as vosas
cobizas.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. 2 Tes 2, 14
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Deus chamounos por medio do Evanxeo,
para lograrmos a gloria do noso Señor Xesús Cristo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 9, 30-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O Fillo do Home é entregado... Quen queira ser o primeiro, ha ser o servidor
de todos
Naquel tempo, Xesús e mais
os seus discípulos marcharon, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque
non quería que o soubese ninguén; pois ía informando os discípulos,
dicíndolles:
‑ Ao Fillo do Home
vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto,
pasados tres días, ha resucitar.
Eles non entendían o
que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
Chegaron a Cafarnaúm,
e, cando estaban na casa, preguntoulles:
‑ De que viñades
discutindo polo camiño?
Eles calaron, porque
no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús
sentou, chamou polos Doce e díxolles:
‑ O que queira ser o primeiro,
que sexa o derradeiro entre todos e o servidor de todos.
Despois colleu un neno
e púxoo no medio deles, abrazouno, e díxolles:
‑ Quen acolla no meu
nome a un destes nenos, acólleme a min; e quen me acolla a min, non é a min a
quen acolle, senón a Aquel que me mandou.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
HAI PERSOAS QUE
SERVEN UN DÍA E SON BOAS. HAI OUTRAS QUE SERVEN UN ANO E SON MELLORES. OUTRAS
SERVEN MOITOS ANOS E SON MOI BOAS... PERO TAMÉN HAI AS QUE SERVEN TODA A VIDA:
ESAS SON IMPRESCINDIBLES E IMPORTANTES
RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
· ENTRADA:
Amigos nas penas
· LECTURAS:
Benaventurados
· OFERTORIO:
Déixate querer
· COMUÑÓN:
Queda Ti, Señor, connosco
POWER POINTS
OLLOS ABERTOS
Na nosa sociedade é importante o home de
prestixio, seguro de si mesmo, que acadou o éxito nalgún campo da vida, que
sobresae por riba dos demais. Asemade, é importante a muller estupenda
fisicamente, bela (aínda que só sexa por fóra), que acapara portadas das
revistas, que ten ao seu lado un home “relevante”, con poder e con cartos....
Porén, a Palabra volve insistir unha e
outra vez en que eses non son criterios morais válidos para catalogar á xente
como “importante”. Segundo o criterio de Xesús son importantes eses miles e
milleiros de homes e mulleres anónimos, de rostro descoñecido, a quen non se
lles fará nunca ningunha homenaxe nin se lles dedicará ningunha portada de
revista; pero que se afanan no servizo desinteresado aos demais, ocupándose e
preocupándose da felicidade doutras persoas.
Que a celebración que agora comezamos
nos axude a espertar do soño no que estamos mergullados para descubrir que
servir é ledicia.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
A pesares de non termos descuberto que a túa novidade consiste en facer
grande o pequeno e o insignificante,
SEÑOR,
NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
A pesares de que seguimos perdendo tempo, enerxía e esforzo en discusións
inútiles que non fan máis que amargar a nosa vida e a dos demais,
CRISTO, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
A pesares de que non acabamos de entender que seguirte a Ti, supón e esixe
sinxeleza, compromiso,dispoñibilidade e servizo e non boato, beatería,
prácticas baleiras e ambición de poder e prestixio,
SEÑOR, NON NOS DEIXES
DA TÚA MAN.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
·
A primeira lectura, do libro da
Sabedoría, fálanos do difícil que é camiñar polo carreiro da xustiza. Si,
porque ilustra moi ben dúas actitudes na vida e diante da vida: a dos xustos, é
dicir, a das persoas que viven e queren vivir nunha sociedade de dereito,
xusta, en paz, solidaria e respectuosa; e a das persoas para as que o fin
sempre xustifica os medios (chantaxe, traizón, crítica cruel....), aquelas que
non teñen escrúpulos, que burlan a lei, que buscan prebendas, que tripan
dereitos... Sóanos o conto?. Porque todos nós, en maior ou menor medida, en
certos aspectos da vida, somos das persoas que nadamos entre dúas augas,
arrimándonos ao sol que máis quenta. Na nosa vida, tamén na nosa vida de fe, ás
veces somos coma botellas de refresco con gas: ao comezo, cando quitamos a
cortiza, todo é forza, vitalidade, entusiasmo.... Pero, co tempo, na posta en
práctica dos compromisos bautismais, nas decisións que debemos tomar, nas
opcións que temos que sopesar.... chega un momento de proba: críticas ao redor,
camiño diferente ao da meirande parte da sociedade, os/as amigos/as cada vez
enténdennos menos, perdemos a tranquilidade..... e chega a sensación de
fracaso, a apatía, mesmo o baleiro. Xurde entón a idea de que non pagou a pena
ter dedicado tempo, esforzo, ilusións.... Perdemos o gas e deixámonos ir polo
de sempre, polo que fan todos, polo que se leva.... esquecendo dúas cousiñas
importantes. Por unha banda o feito de que cando unha sociedade vai mal (como
está ocorrendo agora mesmo), fai falla un cambio desde a raíz, cómpre volver
comezar, porque non se pode aprender xustiza nunha sociedade inxusta; non se
pode aprender a ser solidarios nunha sociedade que explota; non se pode amar a
paz nun mundo cheo de violencia física e verbal; non se pode aprender a ser persoa
nun mundo inhumano.... xa que aprendemos do que vemos e vivimos e cando o que
se di está en contradición co que se fai, aprendemos tamén a mentir e a
enganar, a explotar e a matar. Doutra banda, non menos importante, esquecemos
que Deus non nos deixa sós, senón que vai pondo no noso camiño persoas que nos
tenden a man e que nos axudan a erguernos demostrándonos que nos queren, que se
preocupan por nós, que non nos abandonan... o que fai que a pesares das
dificultades e das cruces da vida non deberiamos nunca perder o norte: Deus. El
invítanos a ver a realidade con outros ollos e danos forza e alento para volver
comezar de novo.
·
Un recomezar sempre desde a tolerancia,
o respecto e o diálogo. Moitas veces non somos capaces de entender e asumir que
os cristiáns e as cristiás somos un grupo dentro da sociedade, dentro dunha
sociedade plural e democrática chamada a construírse desde o respecto dos
Dereitos Humanos, e iso fainos caer na tentación da imposición e da
intolerancia, que levan a enfrontamentos, descualificacións e a crear un clima
de crispación que non é bo para ninguén, e menos para as persoas que nos
consideramos seguidoras de Xesús de Nazaré, que deberamos ter como compromiso
facer do mundo a casa de todos. Parapetados na nosa verdade, autosuficientes,
non estamos dispostos a escoitar, e moitos menos aceptar a quen pensa, reza,
opina, ama ou actúa dun xeito distinto ao noso. En definitiva, pásanos o mesmo
que lles ocorría a aqueles aos que lle escribía Santiago: todos queremos ser
“machos dominantes da manada” e, desde esta perspectiva, comezamos a ver o
resto do mundo coma un obstáculo a eliminar ou coma alfombra sobre a que pisar.
Xorden entón as divisións, as loitas, os celos..... Hoxe é un bo día para
recomezar desde a óptica de que “o froito da paz é a xustiza” e que acoller o
Reino é acoller á persoa de Xesús. Se non conseguimos entender isto estaremos
sempre na disputa, na tensión, no enfrontamento e na división que tanto dano
fan.
·
Só así aprenderemos, tamén nós, a
responder á pregunta que Xesús lle fai aos seus discípulos: de que falabades
polo camiño?. Certamente non era de servizo, de entrega ou de compromiso. Non,
tristemente eles tamén se deixaran engaiolar, tamén se deixaran ir e falaban de
prestixio, poder, importancia.... Que pouco cambiou o conto despois de dous
anos de historia!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!.Non entenderan nada... Non entendemos
nada. E Xesús, explicóullelo e explícanolo hoxe a nós: “quen queira ser
primeiro, que se faga último e servidor”. Estamos tan afeitos a escoitar esta
frase que é pouca a impresión que nos causa, a pesares de que non entendemos
moi ben que para ser primeiros teñamos que ser últimos. E non o entendemos
porque nos falta fe, porque non confiamos de verdade en Xesús. Por se acaso
preferimos ter os nosos propios medios, os nosos propios recursos, as nosas
reservas e as nosas seguridades para non quedar de últimos, porque iso sería
unha catástrofe, unha traxedia....Xesús propón como modelo aos nenos, símbolo
das persoas pequenas, daquelas que o mundo non ten en conta: refuxiados,
pobres, parados, marxinados, enfermos, desposuídos, escravos....e tantas e
tantas persoas ás que ignoramos ou miramos por riba do ombreiro por estar os
nosos ollos pousados nos grandes e poderosos. Nestas palabras de Xesús resoa a
parábola do xuízo final. O neno é o famento, o nu, o que está no cárcere, o
marxinado... O que fai grandes non é dominar, senón servir aos máis pequenos e
desprezados. Todos nós (xerarquía, relixiosas/os e leigos/as), que formamos a
Igrexa de Xesús debemos seguir con fidelidade as súas palabras e o seu exemplo
se non queremos enredarnos nas formas mundanas de pensar e actuar. Calquera
afán de dominio, de busca de poder ou de prestixio; calquera afán de manipular
ou de sobresaír sobre os demais ocultará o rostro de Cristo que debemos
transparentar. Será un antitestemuño. Cando aprenderemos?.
FRATERNIDADE ORANTE
Abramos o noso corazón á oración compartida, tendo nela presentes as dores,
loitas e sufrimentos dos nosos irmáns e das nosas irmás, e digamos:
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
Para que tod@s nós, que formamos a túa
Igrexa, mostremos cos nosos feitos que vivimos para servir a todas as persoas,
e non buscando prestixio, poder, loanza efémera ou recoñecemento, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
Polas nosas comunidades, para que
deixemos de perder tempo, esforzo e ilusión en discusións estúpidas e baleiras
e, pola contra, busquemos a paz que é froito da xustiza, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
Por cada un e cada unha de nós, que
queremos camiñar no seguimento de Xesús, para que o fagamos sempre con
dispoñibilidade, esperanza, alegría e diálogo, manifestando na nosa vida a
ledicia de sermos servidores, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
Grazas, Señor por darnos a verdadeira sabedoría que brota do Evanxeo: para
ser grande cómpre ser servidor de todos. PXNS. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Non digas
que non.
Ti, coma
min, coma todos,
tamén
levas no teu interior esta pregunta:
quen é o
máis importante?.
Porque
para ti, para min, para case todos,
do que se
trata é disto: de ser o máis importante.
Na escola
ensínannos a ser os máis listos.
Na Igrexa
ensínannos a ser os máis perfectos.
Na
televisión ensínannos a ser os máis famosos.
Na casa
ensínannos a ser os máis ricos.
Case ninguén
quere os últimos postos.
Case
ninguén acepta ser servidor dos demais.
Xesús si.
Xesús
escolleu o último lugar: fíxose servidor de todos.
A xente
de letras case nunca entendeu a Xesús.
A xente
de Igrexa case nunca entendeu a Xesús.
A xente
de poder case nunca entendeu a Xesús.
A xente
dos cartos case nunca entendeu a Xesús.
E foi
Xesús e colleu un neno,
sinal da
debilidade, á que é bo achegarse,
sinal da
tenrura de Deus da que carecen moitos corazóns,
sinal da
humildade coa que cómpre camiñar na vida,
sinal dos
postos sen importancia que busca o seguidor de Xesús,
sinal de
Xesús mesmo, morto e resucitado,
por unha
melloría radical do mundo que nos acolle.
M. REGAL “Un caxato para o camiño” (páx.
226-227)
Comentarios
Publicar un comentario