Ficha e Lectio - Domingo 24 Ordinario B
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO
XXIV T. O.
(Ano B: 13 setembro 2015)
As
culturas ou os pobos “tradicionais” adoitan vivir desa forma chamada “tradicional”.
Isto quere dicir que normalmente ven as cousas e os acontecementos que ocorren
na súa vida de forma cíclica, algo así como o que ocorre coa sucesión do día e
da noite: despois da noite vén o día ou ó revés, pero sempre de forma máis ou
menos igual e repetitiva. De tal maneira que incluso despois de morrer unha
persoa, esa persoa podería revivir dalgunha maneira nalgún outro descendente
seu ou noutra persoa concreta desa sociedade.
Un
antropólogo e historiador das relixións moi coñecido, romanés, chamado Mircea
Eliade escribiu moito sobre este modo “tradicional” de proceder, e
caracterizábao como o “mito do eterno retorno”. Nesta mentalidade “tradicional”
as cousas e acontecementos repítense indefinidamente e ademais os que
participan desta mentalidade desexan que iso se manteña así. Por iso, todo que se
presenta como “novo” prodúcelles medo e angustia. Por iso fala o citado antropólogo
do “misoneísmo” desas sociedades, é dicir, do odio ou alerxia cara a todo o que
significa cambio ou novidade no modo de proceder.
A
sociedade ou o grupo social no que viviu Xesús participaba tamén en boa parte desta
mentalidade chamada “tradicional”. Así se explica por que, ante a pregunta que
lles fai Xesús ós seus discípulos sobre o que a xente pensa ou di acerca del, lle
respondan con toda naturalidade que a xente di que el, é dicir, Xesús, é algún
dos profetas mortos que volvera a vida. Ben sexa o Bautista, que había pouco que
fora decapitado por Herodes, ou algún dos profetas de tempos máis antigos.
Como
é doado ver, opera ou funciona aquí todo un círculo (entre vivos e mortos),
algo así coma a pescada que se morde a cola. Deste xeito, Xesús para a xente tampouco
escaparía dese círculo, que se repite, de profetas que viven, morren e reviven
doutra forma na figura doutros novos profetas ós que lles ocorrerá o mesmo.
Xesús
afirmouse sempre, polo contrario, a si mesmo como saíndose dese modo “tradicional”,
circular, de ver as cousas. A súa realidade non pertence, non está sometida, a ese
círculo férreo do que non se podería saír. El vén do Pai, el é “o” fillo
benquerido polo Pai Deus, el non é un máis dos que xa viñeron ó mundo, el non é
simple repetición de alguén anterior a el mesmo.
Algo
deste modo de verse e de percibirse a si mesmo Xesús debeu de presentir xa
Pedro cando á nova pregunta que lles formula Xesús sobre o que eles, é dicir, non
xa a xente senón os apóstolos e discípulos, pensaban sobre el, lle responde en
nome dos demais: “Ti es o Mesías”, ou sexa, o unxido, o querido, o mandado por
Deus Pai ó mundo.
Xesús
é, polo tanto, para Pedro algo ben máis ca unha persoa normal e corrente que
xorde no mundo como repetición dalgún importante personaxe anterior e que vive,
morre e quizais poida revivir tamén pola súa parte noutra relevante persoa
posterior. Non. Xesús pertence, si, á dimensión humana, ó “círculo” dos
humanos, mais está tamén “fóra” del. Sobre todo, el é a palabra, a definitiva
palabra que Deus Pai lle dirixe nel, no seu propio e “benquerido” fillo, ó
mundo.
E
así como Deus Pai é infinito, super-infinito, misterioso e incomprensíbel, así o
é tamén a súa palabra, esa palabra, que segundo nolo comenta Xoán, se fixo
carne e plantou a súa tenda entre nós. Xesús e así humano coma nós, mais sáese
ó mesmo tempo do círculo cerrado dos nosos pensamentos e concepcións. Por iso Xesús,
en canto imaxe viva de seu Pai, é e será sempre tamén “desconcertante” no que
di e no que fai. Primeira mostra do
desconcertante que é Xesús. Cousa que naturalmente non lle gustará moito ó bo
de Pedro; máis ben, todo o contrario. Unha maneira de saírse Xesús do normal,
do estabelecido, do que poderiamos chamar “politicamente correcto” é o de que
el se sae por onde menos o podería pensar Pedro. Efectivamente, Xesús
anúncialles o desastrosas e pouco desexábeis que van ser para el mesmo, para
Xesús, a vida e a morte que lle esperan. Xesús debeu de ser moi clariño e
explícito nesta descrición do que lle esperaba, pois o evanxelista Marcos non
deixa de comentar aquí o seguinte: “E dicíao con toda claridade”.
Non
deixa desde logo de resultar tráxica e case algo cómica, se non se tratase dun tema
tan importante, a responsabilidade da que aparenta revestirse agora Pedro ó
chamar a parte a Xesús para intentar convencelo, “rifándolle”, de que se
deixase de tales insensateces.
Claro
que Pedro tiña razón desde o “politicamente correcto”, pero eses son os camiños
e os modos humanos de vermos nós as cousas, non as “miras de Deus”, tal como llo
advirte con toda seriedade Xesús, dirixíndose a el cun alcuño nada suave, o de
“Satanás”, que a Pedro lle debeu de cortar automaticamente a fala.
A
linguaxe da cruz, do sufrimento, etc., polos que todos, dunha ou doutra forma,
teremos que pasar nalgún intre na vida, énos, como o era tamén a Pedro, pouco
grato. Mais é así, con contratempos, sufrimentos e tamén fondas alegrías, como
Xesús chegou á súa resurrección e glorificación e como nolas adquiriu para nós
todos.
Xesús
non veu ó mundo, para garantirnos unha vida plácida, harmoniosa e cómoda. El
veu máis ben para aprendernos como levar unha vida digna, xusta, respectuosa e amorosa
con todos, a pesar dos sufrimentos e contratempos que nos poidan vir (e nos
virán) dun lado ou doutro.
Tamén
así poderemos ser tamén nós salvadores do mundo, doutras persoas, vivan ou non
preto de nós, de maneira semellante a como o foi e o é Xesús, salvador e
liberador da humanidade toda, dos homes e mulleres de tódolos tempos e lugares.
Porque
iso si, a pesar de todo o que nos ocorra na vida, Deus salva sempre e salva
para sempre. Deámoslle por iso grazas a Deus nesta eucaristía, que é sempre,
como sabemos, acción de grazas a Deus.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Invocamos con confianza de fillos o noso
Pai Deus, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
- Apréndenos, Pai, a vermos no teu fillo
“benquerido” Xesús a grandeza e novidade do teu
amor para con nós.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, fortaleza e paciencia para
afrontarmos con bo animo os problemas e as dificultades
da vida á imitación do teu fillo Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que cantos traballan, sofren e
esperan se sintan acompañados pola comprensión
e a axuda dos demais.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús
Cristo noso Señor. Amén.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario