7 abr. 2012

VIXILIA PASCUAL CELEBRACIÓN

MONICIÓN AO COMEZO
1)               LITURXIA DA LUZ

Bendición do lume
Acendemos as veas
Procesión ao templo
Pregón pascual

2)               LITURXIA DA PALABRA

Monición
Primeira Lectura (Xén)
Segunda lectura (Ex)
Terceira lectura (Is)
Cuarta lectura (Ez)
GLORIA
ORACIÓN COLECTA
Quinta lectura (Rom)
Evanxeo (Mc)
REMUÍÑO

3)               LITURXIA BAUTISMAL

Monición
Ladaíñas
Bendición da auga
Renovación das promesas bautismais
Oración da comunidade

4)               LITURXIA DA EUCARISTÍA

Ofertorio
Santo
Noso Pai
Paz
Comuñón
Reflexión
Despedida

Queima-lo home vello para que renaza a esperanza

Monición ao comezo

Nesta noite santa escoitaremos a gran mensaxe: “Por que buscades entre os mortos ao que vive?. Non está aquí. Resucitou!”. Por iso nos reunimos ás escuras, e acendemos o cirio que, como Xesús, guíanos e contáxianos a súa luz. Porque El é o camiño, El é a verdade, El é a vida. E renovaremos o bautismo que nos uniu a El, e sentaremos á súa mesa, na Eucaristía que fai presente o seu amor.
El invítanos a deixar atrás o home vello que levamos dentro, por iso queremos botar no lume canto nos impide renovarnos, abrirnos ao novo, acoller esta invitación de Cristo a renacer á esperanza. Deixemos atrás canto nos impide mirar ao futuro con esperanza e seguir ao resucitado, queimando o vello que hai en nós simbolizado nesta roupa vella que agora imos botar ao lume purificador, ao lume da vida, da esperanza e da resurrección.


1.- Liturxia da luz


Fóra (no lume queimamos algunha peza de roupa vella: paso do home vello ao home novo)
        
        A)  Bendición do lume

Deus, noso Pai, por medio do teu Fillo décheslle aos teus fieis o lume do teu amor.
Santifica + este lume novo e fai que este tempo de Pascua que hoxe comezamos, nos leve a renacer ao respecto da dignidade humana tantas veces pisoteada e pouco valorada, para que alentados sempre pola túa luz, camiñemos no medio do noso mundo polos vieiros do diálogo, a xustiza, a paz e a luz, como anticipo do que un día será gozar da quentura da túa luz, ao teu lado, para sempre.P.X.N.S. Amén.

B) Préndense a chama do cirio no lume bendicido, e vaise pasando esta luz duns a outros a través do prendido das velas que leva cadaquén. Namentres cántase:
A Cristo cantamos na luz que alumea

C) Procesión e canto (Paramos tres veces)

1.- Na entrada da igrexa: Luz de Cristo. Deamos grazas.
2.- Na metade da igrexa: Luz de Cristo. Deamos grazas
3.-Diante do altar: Luz de Cristo. Deamos grazas

D) Pregón pascual (con tódalas luces apagadas)

                                                                      ( sobre un texto de Patxi Loidi)
Porque Cristo resucitou:
·         Queremos que o respecto e a dignificación da persoa e dos seus dereitos, renazan por riba das cruces.
·         Queremos que a forza do presente nos abra ao futuro, e así:
o        onde haxa violencia, saibamos poñer paz
o        onde haxa tristura, poñamos esperanza
o        onde haxa morte, traballemos para poñer vida
o        onde haxa odio, saibamos poñer amor.
o        onde haxa corrupción, saibamos poñer transparencia
o        onde haxa imposición, saibamos poñer diálogo
o        Onde haxa tebra, saibamos poñer luz.
Porque Cristo resucitou:
·         Queremos mirar sempre cara adiante, e deixar a nostalxia de tempos pasados atrás.
·         Non queremos profetas de calamidades, senón persoas de esperanza.
·         Queremos vidas cheas de compromiso por mellorar o mundo.
·         Queremos crentes que buscan o diálogo e rexeitan o enfrontamento.
·         Queremos abrir as ventás para que entre o aire fresco e nos renove, o aire da vida, da imaxinación, da creatividade, da renovación.
·         Queremos mirar cara adiante, e nada nos vai xa frear: estamos en marcha, ninguén nos vai parar. porque a historia é de tod@s, e non só dos vencedores.
Porque Cristo resucitou:
·         Queremos abrirnos ao cambio e á transformación permanente
o       E se queremos cambiar o mundo, debemos comezar por nós
o        Tomar en serio a fe que anima a nosa vida
o        Deixar atrás as rutinas e construír o mañá
o        Sentir con corazón de carne, e deixarnos de xulgar
o        É Cristo quen nos renova e nos cimentos está.
Porque Cristo resucitou:
·         Queremos que o seu amor, se faga camiño en nós
o        Un amor sen distincións, aberto a toda cultura, raza ou condición
o        Un amor que fai de nós aperta sen distinción, abrindo para todas as persoas a casa do corazón.
Porque Cristo resucitou:
·         A terra nova está aquí,
o        Non fai falta ir moi lonxe, á beira de nós está
o        Acollamos sen demora, á porta a chamar están
o        É Cristo que chega ledo, e pídenos poder entrar
Porque Cristo resucitou:
·         Cremos e esperamos, non nos pode o pasado, pois o presente está aquí
·        Invítanos a acollelo, e a perder o medo xa
·         O futuro xa está vindo, é Cristo o que nolo trae
·         Compartamos na nosa vida, o que esta noite nos alegra
E Cristo o que a nós chega, coa esperanza na man.
·         Aleluia e moitas grazas, por pararte aquí con nós.
·         Acollemos a túa luz, e levámola aos demais.
·         Porque ledicia tan grande non a podemos agochar.
·         Aleluia, Cristo vive, e estámolo a celebrar.

(Acéndense as luces e cántase o Aleluia)


2.- Liturxia da Palabra


Monición Á PROCLAMACIÓN DA PALABRA


Hoxe, a Palabra que imos proclamar, catro lecturas do Vello Testamento e dúas do Novo, invítanos a facer un camiño de salvación. Vainos levar pola historia do mundo para mostrarnos que, de xeitos distintos e maneiras diversas, Deus sempre estivo á carón das persoas desde o comezo; e segue hoxe estando tamén ao noso lado. Acollamos entón esta Palabra que quere mostrarnos que non estanmos solos. E sexamos agradecidos levándolla a cantos aínda non a coñecen, non somentes co noso dicir; senón, o que é moito máis importante, co noso facer e vivir.

1.              PRIMEIRA LECTURA (Xén 1, 1-2, 2)

Salmo : Canto: Contade as marabillas do Señor

ORACIÓN: Señor, puxeches nas nosas mans un mundo cheo de posibilidades. Ilumina a nosa vida e lévaa polo camiño da solidariedade e do amor, para que poidamos transmitirlle aos demais a calor da túa presenza. P.X.N.S.Amén.

2       SEGUNDA LECTURA (Ex. 14, 15-15,1)

Salmo: Canto: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova

ORACION. Señor, ti invítanos a estender os nosos brazos, como invitaches a facer a Moisés, para que das rochas da humanidade saia auga viva. Auga que anime e dignifique a vida de cantos se senten escravos e desexan a liberación. P.X.N.S.Amén.

3     TERCEIRA LECTURA. (Is. 55,1-11)

Salmo: Canto: Manda o teu Espírito

ORACIÓN: Deus da salvación e a vida, Ti es a esperanza para cantos estamos no mundo con espírito de colaboración e diálogo frutuoso e fraterno. Polos profetas chámasnos a espertar do sono que nos impide recoñecerte presente en toda acción que nos leve a vivir de xeito máis comunitario. Aumenta en nós os desexos de colaboración e participación nas decisións e traballos que liberen e humanicen. P.X.N.S.Amén.

4     CUARTA LECTURA (Ez. 36, 16-28)

Salmo: Canto: Amóstrame, Señor, os camiños da vida

ORACION: Señor, olla con vontade para a túa Igrexa. Para que no medio do noso mundo saiba ser quentura de amor, corazón de carne que aprende a acoller con man de misericordia, a cantos se senten desprezados, esquecidos e silenciados. P.X.N.S.Amén.


GLORIA

Canto e rezo: Gloria a Deus, gloria, gloria a Deus ( 3 veces)


ORACION COLECTA

Deus, noso Pai,
Ti fas resplandecer esta noite santa
coa gloria da resurrección do Señor.
Aviva na túa Igrexa o espírito de sermos fillos teus,
para que renovados no corpo e no espírito,
te sirvamos con corazón quente de amor. P.X.N.S.Amén.


5     QUINTA LECTURA (Rom 6, 3-11)

Salmo. Canto: Canta aleluia, aleluia ao Señor

6     EVANXEO (Mc 16, 1-7)

Canto: Aleluia, aleluia, aleluia, aleluia, aleluia, aleluia, o Señor resucitou

REMUÍÑO

  • Os símbolos desta noite: tebra, luz e auga: Con eles a liturxia quere dicirnos que no camiño da vida non estamos solos, que paga a pena seguir a Xesús, que a súa entrega e esforzo abríronnos moitas posibilidades a cada un de nós para converter o que aquí estamos celebrando en accións verdadeiramente liberadoras e comprometidas na búsquea da xustiza. Que resucitar é descubrir que nada é imposible, que podemos unir proxectos e accións en canto supoña dignificar a vida das persoas –a nosa e a dos demais –facéndoo ao lado de tantos outros que teñen o mesmo empeño, e que nel implican toda a súa vida: o que son e teñen. Esta noite, invitándonos a pasar da tebra á luz, estanos dicindo a berros que xa está ben de acomodar a fe ao que nos gusta ou a canto non nos supón esforzo. Ao contrario, deixemos atrás as tentacións acomodaticias e poñámonos a vivir en positivo, a aprender dos que nos poden ensinar, a fixarnos nos que o dan todo e non buscan nin recompensa nin recoñecemento. Deixemos atrás o politicamente correcto e comecemos a perder os nosos medos para proclamar con forza: porque Cristo vive, e cada un de nós está aquí para ser a súa voz, para levantala na búsquea do ben, para unirnos a cantos camiñan querendo facer as cousas de outro xeito: sen enganos, sen servidumes, sen mentiras…só para servir. A auga vainos lembrar que podemos empezar de novo, que Deus non nos garda rancores, que nos limpa, que nos transforma, que segue habendo oportunidades; e fronte aos que condenan ás persoas en vida, o Deus no que cremos non para de darnos oportunidades e de dicirnos: ven, estou aquí, ponte en camiño, non te desanimes…quérote. E iso é o que estamos a celebrar esta noite. Non teñamos medo a da-lo paso para adiante e dicirlle:
  • Aquí me tes: E como lle pasou ás mulleres das que nos fala o Evanxeo, diante das dificultades que nós vemos e nos impiden dicirlle que estamos dispostos, que nos ten para o que queira, El vainos achandar o camiño. Ímonos atopar conque El tamén nos vai quitar as moitas pedras do sepulcro –que non son máis que simples xustificacións para non dar o paso a dicirlle que si– que nós imos pondo, para facilitarnos o traballo e así, tomemos a decisión dunha vez, para que as nosas xustificacións e medos non sigan a retrasar o noso si, o noso actuar, o noso quer ve-la vida cos seus ollos, e converternos nas súas mans, nos seus oídos e nos seus corazón cara os demais. Poñámonos ao traballo!


3.- Liturxia bautismal

Monición

        Comezamos agora o momento da celebración que nos quere facer lembrar o noso bautismo. Hai un tempo, os nosos pais e padriñ@s pedíronlle á Igrexa que nos acollera no seguimento de Xesús. Ela, na persoa do sacerdote que nos bautizou, invitounos a entrar nunha vida nova, a vida que nos abre a resurrección de Xesús. Nesta noite queremos renovar aquel compromiso cantando as ladaíñas da resurrección, bendicindo a auga que purifica a nosa vida e confesando a fe que nos une como comunidade cristiá.

ð  LADAÍÑAS

Señor, ten piedade
Cristo ten piedade
Santa María nai de Deus                    Roga por nós
San Miguel
San Xoán Bautista
San André
San Estevo
San Lourenzo
San Breixo
San Estevo
Santiago
San Fins
San Martiño
Santo Domingos
San Rosendo
San Bieito
Santa Catarina de Siena
Santa Teresa de Xesús
Santa Teresa de Calcuta
Beato Xoán XXIII
Óscar Romero, bispo da liberación
Hélder Cámara, servidor dos pobres
Tódolos santos e santas de Deus             Rogade por nós
De todo mal                                                                    líbranos, Señor
De todo pecado                                                              líbranos, Señor
Pola túa encarnación                                                       líbranos,Señor
Pola túa morte e resurrección                                          líbranos,Señor
Polo envío do Espírito Santo,                                            líbranos,Señor
Para que a  auga que imos bendicir nos limpe                  Grazas,Señor

ð  BENDICIÓN DA AUGA (e inmersión do cirio na pía bautismal)

Deus, noso Pai, co teu amor
realizas por medio dos signos sacramentais
a obra da salvación,
e ao longo da historia fuches facendo da auga
un símbolo de purificación e transformación interior.
Desde o comezo a forza do Espírito acompañou a vida dos seres humanos, como xermolo de vida nova.
Con Abrahán e Moisés, invitáchesnos a pornos en camiño.
Con Xesús, móstrasnos que ese camiño é salvación e esperanza.
Mira, nesta noite e sempre, con amor a túa Igrexa
e fai que a auga do bautismo,limpe nela canto a converte en contrasinal da túa mensaxe,
para que lavados de canto nos fai infelices,
renazamos a unha terra nova pola auga e o Espírito.
Que a túa forza e presenza, se fagan presentes nesta auga
que agora imos bendicir +,
e que a túa luz non esmoreza endexamais. P.X.N.S.Amén.

(Agora tod@ nós recibimos a aspersión coa auga bendicida, que sela o noso compromiso de ser fieis á alianza bautismal)

Canto: A auga do Señor, cambioume o corazón

ð  RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS

  • Renunciades a canto fai quen nos convertamos en instrumentos de opresión, engano e aproveitamento dos irmáns e das irmás, especialmente dos máis pequenos e necesitados?. Si,renuncio
  • Renunciades a ser no medio das vosas comunidades, vínculo de desunión, enfrontamento e exclusión?. Si, renuncio.
  • Renunciades a todo o que supoña poñer cruces de morte por riba da vida dos que se senten enganados, maltratad@s, violentados e enganados, esquecendo que Deus nos creou irmáns e non verdugos?. Si, renuncio.
  • Credes en Deus, Pai que acolle, perdoa, escoita e non castiga? Si, creo.
  • Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que quixo ser un coma nós, e que pasou polo mundo facendo e sendo a voz dos sen voz, e que coa súa resurrección nos abriu un camiño de esperanza e vida?. Si, creo.
  • Credes na presenza do Espírito nas vosas vidas. Un Espírito que nos anima nas nosas tristuras, nos frea nos nosos arroutos, nos esperanza nas nosas incapacidades, e non deixa que camiñemos na indiferenza nin no derrotismo pasota?. Si, creo.
  • Credes que esta fe, co esforzo e compromiso de tod@s, podemos vivila no seo da Igrexa desde a participación e testemuño de cada un e cada unha de nós, membros da comunidade eclesial?. Si, creo.

Que,Deus, Señor da misericordia e da resurrección, nos garde e acompañe sempre coa súa graza.P.X.N.S. Amén.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

E nesta noite de festa e esperanza, presentemos a nosa acción de grazas a Deus dicindo xuntos:

GRAZAS POR VIVIR EN NÓS

  • Que cantos nesta noite sentimos a forza sandadora da resurrección saibamos compartila, levándolla a cantos esperan de nós un testemuño sincero e ledo dunha fe comprometida e solidaria, OREMOS.

GRAZAS POR VIVIR EN NÓS

  • Que os cristiáns e as cristiás non renunciemos nunca a loitar pola defensa da vida digna, xusta e libre, coma Ti nos ensinaches co teu testemuño de amor cara os máis excluídos do mundo, OREMOS,

GRAZAS POR VIVIR EN NÓS

  • Por nós, para que esta alegría que hoxe quere renovar a nosa vida, non deixemos que esmoreza nunca, e saibamos renovala e reforzala en cada un dos nosos encontros comunitarios, OREMOS,

GRAZAS POR VIVIR EN NÓS

Grazas, Señor, por invitarnos a ser tamén partícipes de túa resurrección, que saibamos levarte sempre connosco.P.X.N.S. Amén.

4.- Liturxia da Eucaristía

Ofertorio: Velaquí, Señor o viño
Santo: Hosanna e benia o Fillo, que veu traer a salvación
Noso Pai: No camiño do amor
Paz: Por riba das nosas distancias
Comuñón: Pola vida que regalan os teus dedos
                      A beira da nosa esperanza


ORACIÓN DE DESPOIS DA COMUÑÓN

          Grazas Pai, pola resurrección de Xesús. Porque nos levou coa súa paixón, morte e resurrección á vida verdadeira: a vida eterna.
E, sobre todo, porque Xesús nunca nos abandona e sempre está ao noso lado para acompañar o noso camiñar nesta vida e levarnos á vida definitiva onda Tí.
Grazas pola Eucaristía, o gran regalo de amor que nos deixou Xesús antes de morrer. Alimento e presenza viva entre nós.
Grazas, Señor, porque nunca nos falta o teu amor, a túa presenza e a túa forza resucitadora, que nos axuda no noso camiñar.P.X.N.S.Amén.

DESPEDIDA

Quen preside canta ou di: Podedes ir en paz, aleluia, aleluia.
Todos respondemos: Deamos grazas a Deus, aleluia, aleluia.

Canto: Ide e pregoade

TOMADO DE : www.remoldapalabra.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario