Á VIRXE DA SOIDADE
SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Lc 2, 27-35 Unha espada atravesará a túa alma
27Movido Simeón polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, 28el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus dicindo:
29Agora podes, Señor, segundo a túa promesa
despedir en paz ó teu servo,
30porque xa os meus ollos viron o teu Salvador,
31o que preparaches para tódolos pobos:
32luz de revelación para os xentís
e gloria do teu pobo Israel.
33O pai e maila nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. 34Bendíxoos Simeón e díxolle a María, a nai:
-Mira, este está disposto para caída ou soerguemento de moitos en Israel, para ser bandeira de discusión; 35e a ti mesma unha espada hache atravesa-la alma: así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns.
FOTO ADAPTADA : www.vigoenfotos.com J.Alberto
SÚPLICA CONFIADA
Estou desfeita, Señor,
caéuseme o mundo enriba,
cústame erguerme cada mañá e darlle cara ávida;
pésanme os brazos, os pés, o corpo todo,
pésame a alma,
e non dou vivido, Señor, non dou vivido!
Por que todo isto, Señor,
por que eu, por que nos meus,
por que na miña casa,
por que, meu Señor, por que?
(E non che pido que espantes o meu corvo mouro para a leira dos veciños. Non.)
Estou derrubada.
Se puideses arredar de min este trago!
O meu trago ...
que só atopa eco no trago de tanta xente pobre e aflixida,
no trato de tantos pobos esmagados,
no trago do teu mesmo fillo morto na cruz!
Se puideses arredar de todos nós este trago!
Cólleme nos teus brazos,
bícame, meu Deus,
bica a miña lama,
bica a miña cinza,
bica as miñas bágoas
cos teus bicos de vida!
Cóllenos no teu colo,
agora é cando máis o precisamos.
Anáinanos cos teus arrolos de paz
ata durmir e acougar
coma unha meniña nos brazos da súa nai.
Meu Señor, meu Deus,
meu conforto nos días sen luz
e nas noites sen sono e sen acougo!
Nas túas mans pouso a miña vida,
Meu Deus, miña defensa, meu valedor!
Manolo Regal Ledo
Comentarios
Publicar un comentario