Misas do ciclo B - domingo 3 de Pascua
3º Domingo de Pascua
Primeira
Lectura Feit 3, 13-15. 17-19
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Matastes
o autor da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos
Naqueles días, díxolle Pedro ao pobo:
O Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob, o Deus de
nosos pais, glorificou ao seu servo Xesús, a quen vós entregastes e negastes
diante de Pilato, cando este estaba decidido a deixalo en liberdade.
Pero vós rexeitastes o Santo e o Xusto; pedistes que
indultasen a un asasino, mentres que matastes o dono da vida, a quen Deus
resucitou de entre os mortos; disto nós somos testemuñas.
Xa sei, irmáns, que obrastes por ignorancia, como
tamén as vosas autoridades; pero Deus cumpriu así o que anunciara por boca dos
profetas: que o seu Cristo padecería. Arrepentídevos, logo, e convertédevos,
para que se borren os vosos pecados.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 4, 2. 4. 7. 9
R/.
(7a): Fai brillar sobre nós, Señor, a luz do teu rostro.
Ou:
Aleluia.
Cando te invoco, respóndeme,
meu Deus, meu defensor;
na estreiteza ti déchesme
fartura;
apiádate de min e escoita a
miña oración.
Recoñecede que o Señor
enalteceu o seu amigo,
que o Señor me responde cando o
chamo.
Moitos din: "Quen nos
amosará a felicidade,
se fuxiu de nós, Señor, a luz
do teu rostro?"
Déitome en paz e logo adormezo,
porque só ti, Señor, me dás
seguridade.
Segunda
Lectura 1 Xn 2, 1-5a
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
El
é propiciación polos nosos pecados e polos de todo o mundo
Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non
pequedes; pero, se algún peca, temos quen nos defenda diante do Pai: Xesús
Cristo, o xusto. El é quen expía os nosos pecados; e non só os nosos, senón
tamén os de todo o mundo.
Sabemos que o coñecemos de verdade polo feito de que
cumprimos cos seus mandamentos. O que di: "Eu coñézoo" pero non
cumpre cos seus mandamentos, é un mentireiro e non ten en si a verdade
revelada.
Quen garda a súa Palabra, nel o amor de Deus chega de
verdade ao máximo.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Lc 24, 32
Se
non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Señor Xesús, descúbrenos o
sentido das Escrituras;
fai arder o noso corazón
mentres nos falas.
Aleluia.
Evanxeo Lc 24, 35-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Tal
está escrito, que Cristo ha padecer e resucitar de entre os mortos ao terceiro
día
Naquel
tempo, os discípulos de Xesús que volveron de Emaús contaron o que lles pasara
polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.
Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles
Xesús no medio e díxolles:
‑ A paz sexa convosco!
Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un
espírito. Pero el díxolles:
‑ Por que estades asustados, e a que veñen esas
dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí
e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño
eu.
E dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés.
Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer.
Xesús preguntoulles:
‑ Tedes por aí algo que comer?
Déronlle un anaco de peixe asado. El colleuno e
comeuno diante deles. Logo díxolles:
‑ A isto referíame eu cando, estando aínda convosco,
vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés,
nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.
E abriu os seus entendementos para que comprendesen
as Escrituras. E engadiu:
‑ Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de
entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mais
o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes
testemuñas de todo isto.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
TESTEMUÑAS DA ESPERANZA
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Lémbrasenos nos
textos que hoxe imos proclamar que a fe que compartimos non se impón a través
de leis, normas ou mandatos, senón desde o testemuño. Os cristiáns damos razón
da nosa esperanza, das nosas ilusións ou do sentido da vida non pola imposición
nin o medo, senón desde a acollida gozosa e libre da mensaxe que nos deixou
Xesús. Unha mensaxe que El vivira primeiramente, e da cal os seus seguidores
foron aprendendo. Logo nós, estamos chamados a ser, entre os amigos, os compañeiros
de traballo, as persoas da familia. os veciños.... as testemuñas da
resurrección de Xesús; non con grandes sermóns ou palabras ilustradas pero
pouco comprensibles, senón coa maneira sinxela, leda, gozosa e sempre chea de
positividade do noso testemuño. Que a pascua sexa tempo para ir comezando a
rodar neste camiño.
PERDÓN
- Polas veces nas que nos faltaron
ilusión e ledicia á hora de dar testemuño da nosa fe, SEÑOR, QUE A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSOS PASOS.
- Polas veces nas que reducimos
a expresión da fe a un simple cumprimento de obrigas ou normas, e non ao
gozo de atoparnos contigo, CRISTO, QUE
A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSOS PASOS.
- Polas veces nas que os
prexuízos non deixaron que tenderamos pontes de perdón e misericordia cara
ás persoas das que nos tiñamos distanciado, SEÑOR, QUE A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSO PASOS.
REMUÍÑO




ORACIÓN da COMUNIDADE
Poñamos á carón da luz pascual que nos fai presente a
Cristo a nosa oración e a nosa acción de grazas, para que El se faga tamén compañeiro
da nosa andaina cotiá e digamos:
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
§
Teñamos presente hoxe
na nosa oración ás persoas que conforman as comunidades cristiás dun cabo ao
outro do mundo, para que saibamos sempre sentírmonos Igrexa enchoupada de
esperanza e con gañas unir esforzos con quen busca o respecto e a dignidade das
persoas, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
§
Lembrándonos das persoas
das nosas comunidades parroquiais, encomendemos neste momento a aquelas que
están enfermas, viven solas, se senten desacougadas ou están a pasar por un
momento de dificultade económica, familiar ou laboral. Por todas elas, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
§
Fagamos o esforzo de
converter a nosa oración en comunicación e diálogo con Deus desde o mundo do
que formamos parte, e agradezamos a súa invitación a ser comunidades onde nos
queiramos, axudemos, respectemos e nos esforcemos por non caer na indiferenza
nin na exclusión de quen non pensa ou non actúa coma nós, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
Grazas, Señor, por este momento no que nos chamas a poñer
nos nosos beizos a oración desde a que lembrar a tantos irmáns e irmás que
comparten con nós un corazón disposto a amar. P.X.N.S. Amén.
REFLEXIÓN
Xesús envíanos. Esta misión é hoxe urxencia diante das dificultades e
problemas polos que están a pasar moitas persoas en moitas partes do noso
mundo, preto pero tamén lonxe de nós, por iso o seu ide chámanos :
§
Para encher a terra de
luz
§
Para sementar ledicia
e esperanza
§
Para proclamar
misericordia e perdón
§
Para traballar pola
paz
§
Para consolar aos que
sofren
§
Para evanxelizar aos
pobres
§
Para ser testemuñas de
resurrección
§
Par asegurar que Deus
nos ama e que a vida consiste en amar
§
(Sobre un texto de Cáritas,
Coresma Pascua 2012)
CANTOS
·
ENTRADA: Ti es camiño
·
LECTURAS: Xesús é Señor
·
OFERTORIO: Douvos un
mandato
·
COMUÑÓN: Eu soñei
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario