XOVES SANTO


MISA NA CEA DO SEÑOR

PRIMEIRA Ex 12, I-8. II-I4
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
Preceptos acerca da cea pascual

12 1O Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón: 2-"Teredes este mes polo primeiro
dos meses, o mes principal de todo o ano. 3Dicídelle a toda a comunidade de Israel: No
día dez deste mes que cada un busque un año por familia e por casa. 4Se a familia é moi pequena para come-lo año enteiro, que se xunte co veciño máis próximo á súa casa, botando conta das persoas. O año será estimado conforme ó que cada un poida comer. 5O año será sen defecto, macho e dun ano. Pode se-lo mesmo un año coma un cabrito.
6Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a
comunidade toda de Israel en asemblea. 7Colleréde-lo sangue e mollaredes con el as
xambas e o lintel das casas nas que se vai comer. 8Comeréde-la carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas.

11Comerédelo deste xeito: a cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man.
Comerédelo ás presas, pois é a Pascua do Señor.

12Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de morte tódolos primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza con tódolos deuses de Exipto. Eu, o Señor. 13O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora.
14Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa ó Señor. Será festa de precepto por tódalas xeracións.


SAL. RESP. Sal 115, I2-I3. I5-I6bc. I7-I8
R/ (cf. 1 Cor 10, 16): O caliz de bendición é a comuñón do Sangue de Cristo

12¿Con que lle pagarei ó Señor
todo o ben que me fai?
13Alzarei a copa da salvación,
invocando o nome do Señor;

15Moi custosa é ós ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
16Servo teu e fillo da túa serva,
a quen ti rompíche-las cadeas!

17Ofrézoche sacrificios de louvanza,
invocando o nome do Señor.
18Cumprirei os meus votos ó Señor,
á vista de todo o seu pobo,
  

SEGUNDA 1 Cor 11, 23-26
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Cantas veces comades este pan e bebades este viño, anunciáde-la morte do Señor

Irmáns e irmás:

Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o
entregaron, colleu pan 24e, despois de dar gracias, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". 25Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña".

26Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciáde-la morte do Señor, ata que El volte.


VERSIÑO Xn 13, 34

Douvos un mandamento novo, di o Señor,

que vos amedes uns a outros como eu vos amei
  

EVANXEO Xn 13, 1-15
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Amounos ata a fin

13 1Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.

2E mentres ceaban -xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase-, 3sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, 4ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. 5Despois, botou auga nunha palangana e comezou a lavárlle-los pes ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. 6Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
-Señor, ¿vasme lava-los pés ti a min?

7Xesús respondeulle:
-O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.

8Pedro replicoulle:
-Ti non me lavara-los pés a min endexamais.

Xesús respondeulle:
-Se non te lavo, non terás parte comigo.

9Exclamou Simón Pedro:
-Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza.

10Dille Xesús:
-Quen se bañou, non precisa máis que lava-los pes, pois está todo limpo; e vós estades
limpos, aínda que non todos.

11Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".

12Despois que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e
preguntoulles:
-¿Comprendéde-lo que fixen convosco? 13Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. 14Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavárvo-los pés uns a outros. 15Deivos así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós.


Pan partido, compartido e repartido que racha as cadeas da crise

TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com

PÓRTICO
O pobo xudeu reuníase para celebrar a súa festa máis importante, a Pascua, o paso do Señor, o camiño cara á liberdade. Este é o marco no que Xesús institúe unha nova alianza, que terá como alicerce o amor, o servizo, a entrega xenerosa. Hoxe nós reunímonos como comunidade crente, para celebrar e agradecer que Deus nos saca cada día de tantas servidumes e escravitudes para que andemos nunha vida nova de liberación e salvación. E faino así por unha sinxela razón: quérenos, ocúpase e preocúpase por nós.

Neste contexto de festa compartida, tentaremos descubrir que, o pan que repartimos e compartimos fainos irmáns e irmás. Ao partir o pan deberemos lembrarnos de quen vive sen pan de xustiza, de liberdade, de vida. Ao achegarnos a comulgar temos que saber descubrir que estamos chamad@s a traballar para que este pan quente da solidariedade e do amor rache as cadeas da crise.

O PERDÓN
·                     Señor, porque en demasiadas ocasións as nosas miopías e os nosos prexuízos impídennos descubrir o teu rostro no irmán e na irmá,SEÑOR, QUE O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHE AS CADEAS DA CRISE.
·                     Cristo, porque o noso andazo, a nosa desesperanza e o noso pasotismo impídennos vivir a Boa Nova como paso da escravitude á liberación, CRISTO, QUE O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHE AS CADEAS DA CRISE.
·                     Señor, porque na meirande parte das veces seguimos considerando moito máis importante a quen é servido que a quen serve, SEÑOR, QUE O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHE AS CADEAS DA CRISE.

REMUÍÑO
SOMOS COMUNIDADE DE IRMÁNS E DE IRMÁS: A festa da Pascua era para os xudeus unha festa familiar, que se celebraba nun ambiente de ledicia e confianza pola liberación da escravitude. Esa debería ser a nosa actitude cada vez que nos xuntamos para celebrar a nosa fe: actitude de alegría, de esperanza, de confianza, de gratitude cara a Deus, que nos está a sacar cada día da servidume. Porque a pesares dos profetas de calamidades, tan comúns na nosa sociedade, o Señor pasa cada día pola nosa vida, o que ocorre é que temos que estar dispost@s a recoñecelo e a acollelo, e moitas veces o noso corazón anda noutras cousas e non é quen de facelo. 

SOMOS COMUNIDADE DE SERVIDORES: Na escea do lavatorio dos pes que vimos de proclamar no evanxeo, Xesús amósanos quen é Deus: non un soberano que senta nun trono lonxano, non un ditador nin un xuíz terrible, senón un Deus que en Xesús púxose ao servizo das persoas. Lavar os pés era unha tarefa de escravos, un xesto de deferencia ou consideración cara aos hóspedes. A vida de Xesús foi un testemuño constante da inversión de valores que hai que establecer para poder formar parte do Reino. O xeito non é o poder, nin tampouco a dominación. O que ennobrece ás persoas é a súa disposición permanente para servir. ¡Que lonxe das nosas actitudes individuais, comunitarias, eclesiais...!. Buscamos ser servidos máis que sermos servidores, sen dar entendido que aí, na capacidade para poñerse ao servizo dos irmáns, é onde radica a verdadeira grandeza das persoas e non nos cartos, nin nos seus coñecementos, nin no seu prestixio social.

SOMOS CARITAS DO AMOR DE DEUS: Hoxe, no día no que celebramos a institución do sacerdocio e no día do amor fraterno, a nosa celebración tamén ten que facernos caer na conta de que tod@s, non só os homes que recibiron o sacramento da orde, temos que ser expresión visible, no aquí e no agora, do amor de Deus cara a todas as persoas, fundamentalmente cara ás máis desfavorecidas. É importante que o teñamos presente, se cabe dun xeito máis forte, nestes tempos de crise, de desesperanza, de crispación no que vivimos. Na mesa non só compartimos o alimento, senón tamén os sentimentos, as esperanzas, os medos, as dúbidas, os éxitos e os fracasos, as tristuras e as angurias... Na mesa hoxe, sentímonos persoas con dignidade, familia, fill@s, cidadáns, irmáns... Xesús míranos aos ollos e ao corazón e falanos de amor e de entrega, de servos e de escravos, de dignidade e de vida. E nós temos que identificarnos con El, Señor do amor de servizo, do amor de compromiso, do amor de comuñón. Que todos os días da nosa vida sexan xoves santo.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Nesta tarde na que unha vez máis nos convocas arredor da túa mesa e da túa Palabra, queremos presentarche a nosa oración comunitaria dicíndoche:

GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Pola Igrexa, por tod@s nós, para que nunca esquezamos que a verdadeira autoridade terémola cando, coma Xesús, esteamos dispost@s a lavárllelos pés aos irmáns e ás irmás, erguéndonos da mesa ben servida e despoxándonos de tantos apegos que atan e estorban, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Polas nosas comunidades, para que teñamos presente que unha comunidade cristiá verdadeira defínese pola súa capacidade de servizo e de entrega cara aos máis necesitados, e non pola grandeza das súas estruturas, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Polas persoas que en calquera ámbito (económico, político, cultural, eclesiástico...) teñen calquera tipo de poder, para que non perdan de vista que son servidores de tod@s, e que deben buscar o ben común, deixando atrás intereses persoais, ansias de enriquecemento ou soberbias, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Hoxe, no día da institución do sacerdocio, queremos pedirche polos curas, especialmente por Clodo, o cura da nosa unidade pastoral, para que sexan no medio das súas comunidades sementadores de cercanía, tenrura, acollida e ilusión, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Esta tarde tamén queremos ter presentes na nosa oración dun xeito especial a todas as persoas que, desde Cáritas ou calquera outra institución, traballan a prol da dignificación do ser humano, para que nunca cansen na súa tarefa e atopen a nosa axuda, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Por cada un e cada unha de nós, para que traballemos a fin de que o an quente da solidariedade, da xustiza, do acubillo e do amor rache as cadeas da crise, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
Grazas, Señor, por querernos e por seguir confiando en nós. Que saibamos transmitir fielmente o teu mandado de amar a todas as persoas. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
A Última Cea é
recordo festeiro
de todos os pasos que se dan cara a unha maior e mellor liberdade,
déanse onde se dean.

A Última Cea é
comida de grupo, comida de irmáns e irmás,
cuestionando distancias e desfacendo desigualdades.

A Última Cea é
presenza calada de Deus
no pan dado, comido e compartido
en calquera mesa do mundo.

A Última Cea é
comuñón con todos os corpos rotos
xenerosamente, violentamente.

A Última Cea é
viño de agradecemento pasado de man en man,
porque todos e todas nos debemos a todas e a todos.

A Última Cea é
sangue vertido de alianza,
aperta de solidariedades nos brazos de Deus,
nos remuíños da historia.

A Última Cea é
Xesús mesmo,
ti mesmo, se queres,
eu mesmo,
feito pan e viño
na mesa nova do Reino que xa chega,
tralo amencer que apunta
polo monte das Oliveiras.
(M. Regal “Xesús, aquel home de aldea”)

CANTOS
ENTRADA: Onda Ti, Noso Pai, á tardiña
LECTURAS: A túa Palabra
OFERTORIO: Grazas, Señor graciñas
SANTO: Oh Señor noso Deus
PAZ: Douvos un mandato novo
COMUÑÓN: Pan do ceo
TRASLADO SANTÍSIMO: Salve, Santo Sacramento /O amor é o meirande
(Ao final da celebración sácanse os manteis e déixanse os altares nus, para concentrar todo no lugar a onde levamos a Eucaristía. Alí poñeremos o signo coresmal).

Comentarios

Publicacións populares