PASCUA - DOMINGO DE RESURRECCIÓN
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS
APÓSTOLOS
Temos comido e bebido con el despois que resucitou de entre os mortos
34Tomou Pedro a palabra e dixo:
37Vós sabéde-lo que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do
bautismo que Xoán predicou: 38como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. 39E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro. 40A este resucitouno Deus ó terceiro día e concedeulle que se deixase ver, 41non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós que comemos e bebemos con el, logo de que resucitou de entre os mortos. 42E mandounos que predicasemos ó pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos. 43El é de quen tódolos profetas dan este testemuño: tódolos que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.
SALMO RESP. Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23
R/ (24): Éste é o día que fixo o Señor;
exultemos e alegrémonos con el.
Ou: Aleluia
1Louvade o Señor porque é bo,
porque o seu amor é eterno.
2Que o diga a casa de Israel:
o seu amor é eterno;
16a dereita do Señor é poderosa,
a dereita do Señor é valente.
17Non hei morrer, vivirei
e cantarei os feitos do Señor.
22A pedra que desbotaron os canteiros
convértese en pedra angular.
23Isto é cousa do Señor,
admirable feito á nosa vista.
SEGUNDA Col 3, 1-4
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES
Buscade as cousas de alá enriba, onde está Cristo
Irmáns e irmás:
3 1Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; 2arelade o de arriba e non o da terra. 3Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. 4Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El revestidos de claridade.
Ou tamén: 1 Cor 5, 6b-8
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN
PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova
Irmáns e irmás:
6¿Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda? 7Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ázimos que sodes. Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado. 8Fagamos, logo, a festa pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ázimo de pureza e de verdade.
SECUENCIA
Victimae paschali laudes, p. 449.
ALELUIA 1 Cor 5, 7b-8a:
Foi inmolado Cristo, a nosa Pascua;
así que celebremos festa no Señor
EVANXEO Xn 20, 1-9
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
É necesario que resucite de entre os mortos
20 1O día primeiro da semana María a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada. 2Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo a quen amaba Xesús, díxolles:
-Colleron do sepulcro ó Señor, e non sabemos onde o puxeron.
3Pedro e mailo outro discípulo saíron correndo cara ó sepulcro. 4Corrían os dous á par.
Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ó sepulcro.
5Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. 6Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. 7Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar.
8Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ó sepulcro; viu e creu.
9(Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos). 10Entón os discípulos voltaron para a casa.
Cando hai Misa vespertina, tamén se pode proclamar
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Lc 24, 13-35 (núm. 46)
Quédate connosco, que xa se fai de noite
13Dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. 14Ian falando de canto pasara. 15E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. 16Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. 17Entón preguntoulles:
-¿De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun semblante moi tristeiro, 18e Cleofás, un deles, respondeulle:
-¿Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
19El preguntou:
-¿De que, logo?
Eles contestaron:
-Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; 20de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. 21Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. 22Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro, 23e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. 24E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
25Entón díxolles:
-¡Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! 26E logo ¿non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
27E comezando por Moisés e tódolos profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
28O entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. 29Pero eles porfiáronlle, dicindo:
-Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. 30E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. 31Entón abríronselle-los ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. 32E dixeron:
-¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las
Escrituras?
33E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus
acompañantes, 34que dicían:
-É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
35Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no parti-lo pan.
Comentarios
Publicar un comentario