OFICIOS - VENRES SANTO
CELEBRACIÓN DA PAIXÓN DO SEÑOR
PRIMEIRA Is 52, 13 - 53, 12
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Foi ferido por culpa das nosas iniquidades (4º Canto do Servo)
13Velaí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ó seu Servo.
14A grande multitude quedará abraiada ante el,
pois o seu aspecto non parecía o dun home,
a súa figura non parecía a dun fillo de Adam.
15Pero agora fará conmover a pobos numerosos:
por causa del os reis pecharán a súa boca,
porque contemplarán o que nunca se lles contou, e comprenderán o que nunca escoitaron.
53 1¿Quen creu o que lle dixemos?
¿A quen se lle revelou o brazo do Señor?
2El subiu coma tenro gromo na súa presencia,
coma raíz en terra reseca.
Non tiña beleza nin esplendor;
vímolo, e o seu aspecto non era atraente.
3Desprezado, o máis rexeitado dos homes,
varón de sufrimentos, familiarizado coa dor.
Coma alguén de quen se esconde a cara,
desprezado, non lle tivemos aprezo.
4El cargou coas nosas dores,
el soportou os nosos sufrimentos.
Nós considerámolo ferido,
castigado por Deus e aflixido.
5Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías,
foi esmagado polas nosas iniquidades.
O castigo que nos trouxo a paz caeu sobre el,
a súa ferida foi a nosa curación.
6Todos nós coma rabaño andabamos perdidos,
cada un polo seu camiño.
Pero o Señor puxo nel a iniquidade de todos nós.
7Foi oprimido, foi aflixido;
pero el non abriu a súa boca.
Foi levado coma unha res á matanza,
e, coma ovella muda ante o tosquiador,
non abriu a súa boca.
8Foi levado cun xuízo perverso,
ninguén se preocupou da súa vida.
El foi arrincado do mundo dos vivos,
para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo.
9Puxeron a súa sepultura entre os malvados,
e a súa tumba entre os ricos,
aínda que non cometeu violencia,
nin houbo fraude na súa boca.
10O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento:
Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.
Pero el verá descendencia, alongará os seus días
e por medio del cumprirase a salvación do Señor.
11Polos traballos da súa vida verá a luz,
alcanzará a sabedoría.
O Xusto volverá xusto o seu Servo
para o ben de moitos
e as iniquidades destes el soportará.
12Por isto repartirei con el xunto cos grandes,
e cos poderosos terá parte no botín,
porque entregou a súa vida á morte
e foi contado cos malvados.
Si, el foi o que cargou co pecado de moitos
e fai a intercesión polos malvados.
SALMO RESP. Sal 30, 2 e 6.I2-I3.I5-I6.I7 e 25
R/ (Lc 23, 46): Ás túas mans, Pai, encomendo o meu espírito
2A ti, Señor, eu acóllome:
que endexamais non me vexa defraudado.
6Nas túas mans encomendo a miña vida,
e ti librarasme, Señor, Deus fiel.
12Son o riso dos inimigos,
a burla dos meus veciños.
Para os meus coñecidos son espanto:
foxen ó verme na rúa.
13Esquécense de min, coma dun morto;
eu son coma un cacharro que non serve.
15Mais eu teño confianza en ti, Señor,
e digo: -"Ti e-lo meu Deus.
16Nas túas mans está o meu porvir:
líbrame do poder dos inimigos e dos meus perseguidores.
17Fai brilla-lo teu rostro para o teu servo,
sálvame, pola túa misericordia.
25Sede fortes e valentes
os que esperades no Señor.
SEGUNDA Hebr 4, I4-I6; 5, 7-9
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
Aprendeu a obediencia e fíxose autor da salvación para tódolos que o obedecen
Irmáns e irmás:
14Xa que temos un gran Sumo Sacerdote que xa penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñámo-la esperanza que profesamos.
15Pois así é: nós non temos un Sumo Sacerdote que non se poida compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado.
16Acheguémonos, con liberdade ó trono da gracia, para conseguirmos misericordia e
atoparmos gracia para unha axuda no seu debido tempo.
7Cristo, nos días da súa vida mortal, a fortes gritos e con bágoas, presentou oracións e
súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa submisión.
8Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; 9e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse en causa de salvación eterna, para tódolos que lle obedecen,
VERSIÑO Flp 2, 8-9:
Cristo fíxose obediente por nós
ata a morte, e unha morte de cruz.
Por iso Deus exaltouno:
e deulle un título que está sobre todo título
EVANXEO Xn 18, 1 - 19, 42
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO XOÁN
18 1Saíu Xesús cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había
unha horta, na que entrou el e mailos seus discípulos. 2Tamén Xudas, o que o había
entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus
discípulos. 3Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. 4Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:
-¿A quen buscades?
5Respondéronlle:
-A Xesús de Nazaret.
Díxolles El:
-Eu son.
Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba. 6Cando lles dixo Eu son, botáronse para
atrás e caeron ó chan. 7Entón, preguntoulles outra vez:
-¿A quen buscades?
Eles contestaron:
-A Xesús de Nazaret.
8Xesús respondeulles:
-Díxenvos que "son eu": así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.
9Así cumpriuse a palabra que dixera: "non perdín ningún dos que me deches".
10Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu ó garda do Sumo
Sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco. 11Pero Xesús
díxolle a Pedro:
-Mete a espada na vaíña; ¿e, logo, non hei bebe-lo cáliz que me deu o Pai?
12Entón a patrulla, o tribuno e mailos gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono.
13Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano. 14(Era Caifás aquel que lles dera ós xudeus o consello: "Convén que un home morra polo pobo").
15Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido
do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote. 16Pedro
estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo -o coñecido do Sumo Sacerdote-, falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro. 17A porteira preguntoulle a Pedro:
-¿Non es tamén ti dos discípulos dese home?
El contestou:
-Non son.
18Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque facía frío, e aquecíanse.
Estaba tamén Pedro con eles, de pé, aquecéndose.
19Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa
doutrina. 20Xesús respondeulle:
-Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo,
onde se xuntan tódolos xudeus, e non falei nada ás agachadas. 21¿Por que me preguntas a min? Pregúntalles ós que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.
22O dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo:
-¿Así lle respondes ó Sumo Sacerdote?
23Xesús replicoulle:
-Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, ¿por que me pegas?
24Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote.
25Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:
-¿Non es tamén ti dos seus discípulos?
El negouno, dicindo:
-Non son.
26Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella,
replicoulle:
-¿E logo non te vin eu na horta con el?
27Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a cantar un galo.
28Levaron entón a Xesús de onda Caifás ó Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen come-la Pascua. 29Saíu entón fóra Pilatos, onda eles, e preguntou:
-¿Que acusación traedes contra este home?
30Eles responderon:
-Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.
31Díxolles entón Pilatos:
-Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.
Os xudeus contestáronlle:
-Non nos é lícito matar a ninguén.
32Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.
33Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
-¿Es ti o Rei dos Xudeus?
34Xesús respondeu:
-¿Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
35Pilato replicou:
-¿E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: ¿que
fixeches?
36Xesús contestoulle:
-O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
37Díxolle entón Pilato:
-¿Logo ti es Rei?
Xesús respondeu:
-Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar
testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
38Pilato preguntoulle:
-¿Que é a verdade?
E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:
-Eu non atopo nel culpa ningunha. 39Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. ¿Queredes, logo, que vos solte ó Rei dos Xudeus?
40Berraron entón outra vez, dicindo:
-Non. A ese non; a Barrabás.
(O tal Barrabás era un bandido).
19 1Entón Pilato colleu a Xesús e mandouno azoutar. 2Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura, 3e, inclinándose diante del, dicíanlle: "¡Salve, Rei dos Xudeus!". E dábanlle labazadas.
4Pilato saíu outra vez fóra e díxolles:
-Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha.
5Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilato díxolles:
-Ei-lo home.
6Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron:
-¡Crucifícao, crucifícao!
Pilato respondeulles:
-Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel.
7Os xudeus replicaron:
-Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer, por se facer Fillo de Deus.
8Cando Pilato oíu estas palabras, colleu moito medo, 9entrou outra vez no Pretorio e
preguntoulle a Xesús:
-¿De onde es ti?
Pero Xesús non lle deu unha fala. 10Entón Pilato insistiu:
-¿Comigo non falas? ¿Non sabes que teño poder para soltarte e poder para crucificarte?
11Xesús respondeulle:
-Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba. Por iso, o que me
entregou a ti ten maior pecado.
12Despois disto Pilato procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban:
-Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o que se fai rei, oponse ó César.
13Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio
nomeado "O enlousado", en hebreo "gábaza". 14(Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce do día).
Díxolles ós xudeus:
-Velaquí o voso rei.
15Pero eles berraban:
-¡Fóra, fóra! ¡Crucifícao!
Pilato preguntoulles:
-Pero ¿como vou crucifica-lo voso rei?
Os sumos sacerdotes insistiron:
-Non temos máis rei có César.
16Daquela, entregóullelo para que o crucificasen.
Entón colleron a Xesús. 17Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da
Caveira, que se di Gólgota en hebreo. 18Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a
cada lado, e Xesús no medio.
19Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o Rei dos
Xudeus. 20Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego. 21Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:
-Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón que el dixo "Son Rei dos Xudeus".
22Pilato respondeu:
-O escrito, escrito está.
23Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del -e fixeron catro
partes, unha parte para cada soldado-, e maila túnica. Era a túnica sen costura, tecida
dunha peza de arriba abaixo. 24E falaron entre eles:
-Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca.
Así cumpriuse a Escritura, que di:
Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.
Tal fixeron os soldados.
25O pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais
María a Magdalena. 26Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba,
díxolle á nai:
-Muller, velaí o teu fillo.
27Despois díxolle ó discípulo:
-Velaí a túa nai.
28Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise
plenamente a Escritura, dixo: "Teño sede". 29Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. 30Cando probou Xesús o vinagre dixo: Está cumprido. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.
31Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado -pois era grande aquel día de sábado-, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.
32Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlle-las pernas ó primeiro e mais ó outro que
crucificaran con el. 33Pero ó chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle
romperon as pernas, 34senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.
35Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. 36Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso ningún". 37E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.
38Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús -anque ás agachadas,
por medo ós xudeus-, rogoulle a Pilato que lle deixase retira-lo corpo de Xesús. Pilato
accedeu. Foi e retirou o corpo. 39Foi tamén Nicodemo -aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite-, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.
40Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. 41No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. 42Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com
CANTO: Non vou so
PÓRTICO
Hoxe é Venres Santo, e a celebración desta tarde quere expresar de xeito sobrio, austero e sinxelo -que non rutinario-, que a chegada da resurrección non escapa á tristura, á morte e á dor; ao contrario, dar pasos cara adiante e mirar o futuro con esperanza, necesita ter experimentado a dureza do esforzo, a loita contra a tentación do desánimo e o abandono; a vivencia que nos pon de manifesto que as cousas, para poder conseguilas, non son froito do azar, a sorte ou o engano cara aos demais, senón do traballo duro e non sempre doado, que nos irá marcando o camiño no que o triunfo, a esperanza e a resurrección, é dicir, a consecución da vitoria que nos trae Xesús, inda que tarden, acabarán chegando.
Neste sentir comecemos a nosa celebración do Venres Santo que nos quere facer pasar da morte, para levarnos ao comezo da vida en Cristo.
ORACIÓN
Lembra, Señor, que a túa tenrura e a túa misericordia son para sempre e non nos abandonan. Santifica aos teus fillos e ás túas fillas e protéxenos sempre, pois Xesucristo, o teu Fillo, no noso favor, instituíu pola súa entrega xenerosa na cruz, o camiño pascual que leva á resurrección. Amén.
REMUÍÑO
o Coma o Servo de Isaías, tamén hoxe no noso mundo segue a haber moit@s serv@s aos que lle impiden vivir en liberdade o gozo de saberse persoas. Segue habendo moitas persoas ás que tratan de xeito inxusto á hora de buscar traballo, de protexer os seus dereitos, de ter unha vivenda digna a un prezo razoable e que non lla saquen os que máis beneficios obteñen e coaccionan a quen fai as leis. Si, a experiencia do Servo da que nos fala o profeta, non quedou no pasado de hai miles de anos, senón que se vai reeditando, tristemente e cada vez máis, no noso tempo onde presumimos de chegar á lúa, dominar as novas tecnoloxías e considerar que xa podemos prescindir de Deus e do sentido de trascendencia que nos dá a fe. A consecuencia de todo este proceso de soberbia na que os seres humanos, especialmente do mundo rico, temos caído é o baleiro das nosas vidas, a capacidade de enganar e deixarnos corromper polos cartos e canto con eles podemos adquirir; e o nacemento dun corazón endurecido e cada vez menos sensible á dor que chega á vida de moitos fogares e familias que van vendo como quedan sen nada e os seus proxectos, ilusións e esforzos se lles veñen abaixo. Si, prescindir de Deus fainos caer na fantasía de que podemos substituílo, e comezamos a xogar a ser pequenos deuses que todo o saben e nada que non sexa material necesitan. Por iso Venres Santo segue a ser unha oportunidade para que nos paremos a pensar onde queremos poñer o centro da nosa vida e que horizontes queremos construír. De aí que coma o Servo da primeira lectura, e coma o testemuño que do camiño de Xesús cara á Cruz da segunda, tamén nós somos invitados a non deixarnos levar da tentación de querer ser e xogar a ser pequenos deuses que se esquecen de quen son, prescinden dos demais, e acaban sendo derrotados polo profundo baleiro que pouco a pouco chega ás súas vidas e as abocan ao sen sentido. Que a Cruz sexa só paso, punto e seguido no camiño da esperanza ao que nos abre a resurrección. Por iso para nós, a vida, e con ela canto queremos celebrar na Semana Santa non remata no hoxe do Venres Santo, senón que camiña cara ao mañá da esperanza e da resurrección.
o No relato da Paixón que vimos de proclamar, hai distintos personaxes que nos poden dar algo de luz:
ð Xudas, o amor fanático
ð Caifás, a relixiosidade baleira
ð Poncio Pilato, o apego ao poder
ð Verónica, o testemuño espontáneo
ð Simón de Cirene, a axuda oportuna
ð María Magdalena, a muller transformada
ð Dimas, o encontro ao atardecer
ð Nicodemo, a persoa que volve nacer
ð Pedro, o amigo que traizoa
ð Xoán, testemuña fiel
Hoxe é un bo día para, a luz do que vimos de proclamar, mirar cara dentro para descubrir que temos o rostro de moitos deles.
ORACIÓN UNIVERSAL
(Presentamos o taboleiro no que está o signo que fomos elaborando ao longo dos domingos de Coresma, e co que se nos quere invitar a que desde a solidariedade da Cruz, nos esforcemos por rachar as cadeas que escravizan).
Imos agora rezar, desde a universalidade de sentírmonos Igrexa á que lle preocupan e ocupan as persoas e problemas que as persoas viven en calquera parte do mundo. Dispoñémonos entón a rezar xunt@s con elas e por elas, e poñer a nosa oración na man e baixo o agarimo sempre presente do Deus amor que non nos quere escravos senón libres. Digamos xunt@s:
QUE A CRUZ QUE SALVA RACHE AS CADEAS QUE ESCRAVIZAN
Pola Igrexa, para que sexa no mundo de hoxe motor de encontro, entendemento e fraternidade non violenta, OREMOS.
QUE A CRUZ QUE SALVA RACHE AS CADEAS QUE ESCRAVIZAN
Polo Papa, para que a súa palabra sexa sempre palabra non de condena, senón de unión, diálogo e pluralidade no medio dunha sociedade individualista e cada vez máis intolerante, OREMOS.
QUE A CRUZ QUE SALVA RACHE AS CADEAS QUE ESCRAVIZAN
Polas comunidades cristiás, para que sexamos sempre berces onde quen chame nas nosas portas se senta acollid@ e escoitad@, OREMOS.
QUE A CRUZ QUE SALVA RACHE AS CADEAS QUE ESCRAVIZAN
Polas persoas que poñen a súa vida ao servizo da felicidade dos entristecid@s,para que o seu testemuño serva para mover corazóns e abrir mans que as convertan en samaritan@s do século XXI, OREMOS.
QUE A CRUZ QUE SALVA RACHE AS CADEAS QUE ESCRAVIZAN
Pola unidade dos cristiáns, para que máis alá das palabras, que tantas veces se esquecen, tod@s fagamos xestos que nos leven a facer o camiño xunt@s e na búsquea da comuñón, OREMOS.
QUE A CRUZ QUE SALVA RACHE AS CADEAS QUE ESCRAVIZAN
Polas persoas que, sen crer, viven servindo e facendo rir a quen sufre, para que aprendendo deles tamén nós descubramos, dunha vez por todas, que a felicidade non está no ter, senón na capacidade que teñamos por comprender e acompañar a quen sofre calquera tipo de carencia, OREMOS.
QUE A CRUZ QUE SALVA RACHE AS CADEAS QUE ESCRAVIZAN
Polos que gobernan as nacións, para que nestes momentos de dificultade saiban ter miras amplas para non pecharse en solucións egoístas só para os seus; e traballen polo ben común buscando solucións que respecten a dignidade e non supoñan o enriquecemento dos que xa teñen moito, OREMOS.
QUE A CRUZ QUE SALVA RACHE AS CADEAS QUE ESCRAVIZAN
Polos que, a pesares de intentalo, a vida lles vai pechando portas, para que poidan atopar en nós, seguidores de quen entregou a súa vida en servizo aos excluídos e necesitados do mundo, a palabra, o corazón e as mans que traballen para que as portas se lles abran e non queden abandonados nas beiras do camiño, OREMOS.
QUE A CRUZ QUE SALVA RACHE AS CADEAS QUE ESCRAVIZAN
Señor, que esta oración universal que compartimos e presentamos ante Ti, nos axude a non esquecer que as cruces do noso mundo só poderán superarse se tomamos en serio a túa mensaxe e nos esforzamos por vivila en cada unha das nosas accións. P.X.S.N. Amén.
ADORACIÓN DA CRUZ
1) MONICIÓN
A Cruz é contradición, porque nela concorre a morte, o fracaso, a desilusión, a falta de ética e respecto para coas persoas, a corrupción, a escravitude de tantas persoas enganadas polos poderosos, o desamor dun desencontro coa persoa á que queriamos, a perda dun ser querido a quen necesitabamos e se nos foi de xeito inesperado...Pero diante disto, que ninguén nega, a Cruz é tamén vida, esperanza, alento, forza, xermolo do novo, e todo ata chegar á resurrección. Neste claroscuro de luces e sombras que é a Cruz, acheguémonos agora a render a nosa admiración e esperanza na súa adoración.
2) INVITACIÓN PARA MOSTRAR A CRUZ
Desde o fondo da Igrexa, tres persoas con velas traen a cruz
Mirade a árbore da cruz, na que estivo cravada a salvación do mundo
Vinde adorala
3) ADORACIÓN DA CRUZ
En silencio, achegámonos a adorar a cruz, facendo antes unha leve inclinación.
COMUÑÓN
Noso Pai Año de Deus
Distribución da comuñón
(Canto da comuñón: Quédate, Señor ,connosco)
Oración
Deus Pai de amor e misericordia, renováchesnos coa morte e resurrección de Cristo, non deixes da túa man o labor que comezaches en nós, para que a nosa vida sexa sempre un servizo solidario de comuñón e acollida de quen se senta necesitado.P.X.N.S. Amén.
Bendición
Que a túa bendición, Señor, descenda con abundancia sobre esta comunidade que vén de celebrar a morte do teu Fillo coa esperanza da chegada da resurrección; que a túa esperanza, misericordia e perdón enchoupen as súas vidas, e a súa fe os leve a preocuparse polos irmáns que necesitan de mans que os axuden e acompañen. P.X.N.S. Amén.
Comentarios
Publicar un comentario