Loade ó Señor porque é bo, porque é para sempre a súa misericordia - Salmo 117

Domingo 2 Pascua - ciclo B


SINAIS DO RESUCITADO

Eu aposto polo humilde

Eu renuncio á fachenda
no vestir, no facer e no dicir.

Renuncio ás palabras solemnes
e a calquera forma de opulencia.

Renuncio a arrimarme aos grandes
e  asentarme nas súas mesas baleiras.

Renuncio aos finximentos estériles
e a cubrir os lindeiros da pobreza.

Renuncio a un corazón altivo
e a soñar castelos de arrogancia.

Renuncio a xulgar e a condenar
cal se eu fose amo de certezas.

Eu aposto polo humilde.

Amo as poucas palabras
e cheas e sinceras.

Amo as formas humildes
no ser e no falar as miñas lerias.
Amo as poucas cousas da pobreza
tan ricas elas, fermosas, duradeiras.

Amo a xente humilde,
grande sempre na súa sinxeleza.

Amo os corazóns serenos
e as olladas limpas.

Amo as mans labregas
e a fala desta terra.

Amo os biquiños pequenos,
a auga, a neve, as herbas.

Amo os bicos e a tenrura
e o conforto dunha boa preta.

Amo a amizade fiel
E o perdón que aleda.

Amo o arrepentirme cada día
e buscar a verdade que libera.

Amo a comunidade transparente
E compartir a miña vida enteira.

Amo a loita calada e persistente
por un mañá que xa esperta.

Amo a Deus porque é humilde creador.
Amo a Xesús porque é humilde salvador.
Amo ao Espírito  porque é humilde soñador.
Amo a María porque é humilde nai do meu Señor.

E aposto polo humilde e sinxelo
e por estes versos pequenos
para dicir o que eu quero.




Comentarios

Publicacións populares