Ficha e Lectio - Domingo 26 de Ord A

Debuxo de: 

VER TAMÉN:


LECTIO:

DOMINGO XXVI T. O. 
(Ano A: 1 de outubro de 2017)

Mateo segue a nos falar hoxe da comparanza que fai Xesús do seu “reino” cunha viña  e do seu convite a todos a traballarmos nela. A vantaxe deste tipo de comparacións é que así podemos entender mellor a mensaxe que Xesús nos quere anunciar. E se a comparación ten que ver coa natureza, coa vida vexetal que nos rodea, tanto mellor, pois na nosa bela e vizosa Galicia conservamos aínda ben de árbores e videiras por moito que lles pese a incendiarios e irresponsables. Esperemos ademais ter este ano na nosa terra unha boa colleita de uva e de boa calidade. Algo diso sabemos, pois: do recoller a uva,  do facer o viño e tamén de probalo e de bebelo (e a ser posible con moderación). 
O reino que anuncia Xesús está aí xustamente, coma o viño, para producir alegría, comensalía e fraternidade. Foron moitas as veces que comparou Xesús o seu reino, o presente xa e mailo futuro, cun gran banquete onde xente das máis diversas razas e culturas comparte ou compartirá a ledicia de ser fillos de Deus. Algo así como nun xantar de voda onde todos nos atopamos a gusto con coñecidos, amigos e parentes.
Mais, naturalmente, para podermos ter esa festa do viño e da fraternidade é preciso traballar antes na viña. Esa viña que é o mundo no que nos atopamos todos e no que nos relacionamos uns cos outros. Deus chámanos e convídanos a traballar con el e cos demais no cultivo, na maduración e na recolleita deses acios dos que logo se vai facer o viño da alegría e do contento. Somos todos privilexiados colaboradores de Deus nunha tarefa que el quixo que proceda tamén da nosa liberdade e do noso esforzo persoal e comunitario.
E, tal como se nos recorda no texto do evanxeo, o que conta en todo isto non son as palabras ou as promesas que o vento pode doadamente levar consigo a pouco de seren pronunciadas. “Vou, Señor”, pero logo non foi... O que conta son as obras, os feitos , por aquilo ben sabido de que “obras son amores e non boas razóns”.
Aqueles ós que Xesús dirixe esta parábola son, segundo nos refire Mateo, “os sumos sacerdotes e os anciáns do pobo”. É dicir, os mestres da lei, da palabra escrita ou transmitida de viva voz de xeración en xeración na cultura e relixión xudía do seu tempo. Eran os que tiñan o privilexio da palabra, mais non necesariamente das boas obras. Facede, dicía Xesús noutro contexto, todo o que eles vos din, mais non fagades conforme ás súas obras. Consello que debería valer -dito sexa de paso- tamén para nós, pois é ben posible que as belas ou non tan belas palabras que pronunciamos non vaian suficientemente acompañadas sempre das boas obras.
Este privilexio da palabra levou os sumos sacerdotes e os anciáns dirixentes xudeus a se consideraren a si mesmos como superiores ós demais. Fachendeaban de seren os verdadeiros depositarios e portadores da verdade, do bo comportamento e da xustiza. Eran sen dúbida superiores ós demais no que se refire á súa posición social, á súa relación cos poderosos e adiñeirados. Mais eran eles –no fin de contas- verdadeiramente superiores ós demais? Máis concretamente, posuían eles realmente unha categoría ética ou relixiosa máis elevada cá dos oficialmente “pecadores” ou socialmente mal considerados?
É ben seguro que estes “sumos sacerdotes e anciáns do pobo” deberon de recibir un atordante machadazo cando Xesús lles espetou sen máis contemplacións: “Asegúrovos que os recadadores e mailas prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós”.
Como vedes, Xesús no parece levarse nada ben con cantos fachendean de si mesmos, da súa virtude ou da súa bondade moral. Tal como dicía el mesmo noutra ocasión: “Bo, o que se di bo, non hai máis ca un: Deus”. Os demais, todos, somos –no mellor dos casos- aprendices, máis ou menos consecuentes, da única bondade, que é a de Deus só. E todo isto, ademais, grazas á súa graza e amor.
Resulta, ademais, que esta bondade, a de Deus, é xustamente boa porque é unha bondade pola que el, Deus, se comunica, se dá ós demais, en Xesús. Por iso, e con moi boa lóxica, preséntanos hoxe a liturxia para a nosa consideración o texto do evanxeo precedido por un célebre texto da carta de Paulo ós Filipenses. 
Neste texto dános azos Paulo para termos “sentimentos de agarimo e misericordia” uns cos outros. Recoméndanos tamén non procedermos con “fachenda”, “pensando humildemente –segue el a dicir- que os outros son máis ca un”. Mais para min o máis importante ou decisivo é a razón pola que Paulo nos exhorta a iso. Unha razón ou xustificación que explicaría tamén por que Xesús formulou palabras tan fortes contra a fachenda dos “sumos sacerdotes” e dos seus compañeiros.
A razón está precisamente en que o Deus que se nos manifesta en Xesús é un Deus que non “fachendea” de ser Deus (e ben que podería facelo!, poderiamos pensar), senón que é un Deus que se rebaixou libremente a si mesmo en Xesús ata o nivel máis baixo da nosa propia humanidade. Paga a pena volver escoitar o texto paulino da Segunda Lectura: “El [é dicir, “Cristo Xesús”], con ser de condición divina, non se agarrou con cobiza ó seu ser igual a Deus; senón que se espiu do seu rango e asumiu a condición de escravo, feito en todo semellante ós homes. Presentándose coma un home calquera, abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, e á morte na cruz”.
Por iso a vida e mailo comportamento de Xesús na concreta sociedade do seu tempo, na que el se manifestou coma “un home calquera”, son a verdadeira condena do autocompracente comportamento dos mestres da lei.
E –claro- xustamente ese rebaixamento de Xesús, do que nos fala Paulo, é o que fará que o Pai-Deus, e tamén Pai noso, o vaia despois “exaltar sobre todo”, tal como nos di tamén Paulo.
Se queremos, polo tanto, en canto cristiáns e seguidores de Xesús, sermos grandes (e deberiámolo desexar de verdade!), xa sabemos cal ha ser a nosa folla de rota para acadar tal grandeza. O camiño é, como o de Xesús, o do noso “rebaixamento” no servizo e amor a cantas persoas nos toque en sorte atopar na vida.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:

Dirixámoslle a Deus Pai a nosa oración, agradecéndolle a súa chamada para traballarmos na súa viña, na construción do seu reino entre nós, dicindo: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, unha fe humilde e agradecida na palabra do teu fillo Xesús, que nos convida ó traballo de crear fraternidade, xustiza e alegría entre tódalas persoas do mundo. 
Todos: Escóitanos, Pai.

- Apréndenos, Pai, a sabermos descubrir nos máis pobres e marxinados do mundo o lugar onde ti queres que te descubramos a ti. 
Todos: Escóitanos, Pai. 

- Concédenos, Pai, unha fe grande nese Xesús, fillo teu, que se espiu da súa dignidade divina para se achegar, como calquera de nós, ás persoas do mundo enteiro. 
Todos: Escóitanos, Pai.


Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:



Comentarios

Publicacións populares