A palabra do Señor volveuse escarnio para min - Xer 20, 7-9
Domingo 22 do Tpo. Ordinario - ciclo A
PELOTA DE FRONTÓN
Eu son pelota de frontón.
Ti, Xesús,
parede dura e forte e ben montada.
Os xogadores son os meus veciños
coas pas da vida na mano.
Se bato en ti con forza,
con forza volvo
á pa dos xogadores.
Se me meto ben na vida da xente,
esa mesma vida
me devolve a ti con teimosía.
Sen parede e sen pa
non son nada.
Eu son pelota de frontón.
Por veces a xogada pérdese.
Non hai quen poida
estar voando constantemente
entre o frontón e a pa.
Por veces a pelota séntese tola,
indo e vindo, mareada,
sen saber se vai ou vén,
se foi na pa ou na parede
onde sufriu o golpe recobrou a forza .
E a pelota vaise gastando, pouco a pouco;
vaise desfacendo entre a pa e a parede,
ata que xa non vale para xogar,
e queda nun recanto
para contento dun neno pobre que a atopa.
Eu son pelota de frontón.
E ti, Xesús, parede dura e forte,
que sempre está de pé,
aínda que non haxa xogo,
nin xogadores, nin pelota.
Eu son pelota de frontón.
Comentarios
Publicar un comentario