Ficha e Lectio - Domingo 25 de Ord A

Debuxos de: 


VER TAMÉN:


LECTIO:

DOMINGO XXV T. O. 
(Ano A: 24 setembro 2017)

   A grandeza da inimaxinábel personalidade de Xesús consiste en que el, sendo un de nós, humano coma nós, nos vai transmitindo a todos coa súa palabra e cos seus feitos como é Deus, como é aquel de quen el, Xesús, se recoñece como o seu fillo benquerido. Xesús posuía polo tanto unha experiencia fonda e íntima, para nós inconcibíbel,  do seu Pai Deus. Unha experiencia sobre a que el non podía ter dúbidas ou escuridades que o puidesen abalar de xeito definitivo.
   Non se trata, en consecuencia, dunha experiencia semellante á de moitos filósofos, pensadores ou místicos de toda a longa historia humana, que só puideron achegarse a Deus con tenteos persoais e conxecturas simplemente humanas. A nós resúltanos totalmente inconcibíbel como podería ser aquela marabillosa experiencia interior súa, a de se saber o fillo benquerido de Deus. Unha experiencia única e exclusiva a del. Desa experiencia fonda e íntima rebordaba el.
   E Xesús non fai senón comunicárnola de maneira sinxela, de xeito que a poidamos dalgún xeito comprender. Por iso é sempre verdadeiramente sorprendente e emocionante asistir a esta escola do saber sobre Deus co Mestre Xesús. Un Xesús que nos fala directamente, limpamente, sen libros e sen axudas eruditas doutros mestres ou autores, sobre esta fonda experiencia súa.
   Aprendemos así tamén a ver simultánea e conxuntamente o Pai Deus e o seu Fillo Xesús. Porque Xesús non é máis cá presenza viva e actuante de Deus entre nós. Non nos esquezamos, repítovolo unha vez máis, daquilo que lle dicía Xesús ó seu apóstolo Filipe: “Filipe, quen me ve a min, ve o Pai”.
   De maneira que Xesús non é, nin fai, nin fala outra cousa máis có que é, fai ou lle fala seu Pai. Dado que o máis fundamental da revelación de Xesús é o de que o seu pai Deus é tamén verdadeiro pai noso, non nos debe estrañar que hoxe se nos fale no evanxeo da xenerosidade e esplendidez dun Deus que nos chama e convida tamén a nós a traballar na súa viña.
   Como ocorre xa dalgún modo con calquera bo pai ou boa nai nas nosas familias, a xenerosidade e esplendidez de Deus connosco están por enriba de calquera apelación á estrita xustiza ou a supostos méritos persoais. O Amor que Deus nos ten supera, polo tanto, calquera comportamento supostamente debido ou simplemente xusto.
   Xesús maniféstanos así, na parábola de hoxe, un Deus que busca a nosa colaboración no traballo que el mesmo está a facer no mundo. Mais el sabe da nosa preguiza, dos nosos problemas, das nosas indecisións e dos nosos cansazos. En definitiva, el coñece a febleza das persoas e por iso permítese tratalas tamén a estas tan bondadosamente coma a aquelas que pola súa parte fachendean de seren as máis dilixentes e espelidas.
   Coa súa xenerosidade e co seu amor, é así el capaz de sorprendernos, chegando a proclamar, fronte ás pequenas xustizas humanas, de curto voo, que “os últimos serán os primeiros”. Os traballadores da primeira hora, aqueles que se ergueron cedo do leito e axiña foron contratados, non teñen en consecuencia razóns para se consideraren mellores ou merecedores dunha meirande recompensa cá dos que se retardaron en comezar a súa tarefa.
   Xesús apréndenos así a sermos comprensivos, xenerosos e espléndidos cos demais. Por que? Porque o seu Pai Deus así é e así procede tamén. Por iso é así tamén Xesús. E por iso tamén nós deberiamos ser así. Non sen razón se di neste sentido que esta parábola dos “traballadores da viña” é sen dúbida unha das máis revolucionarias de Xesús.
   O que si é tamén importante nesta mensaxe de Xesús é que cada un de nós saibamos agradecer e aceptar o concreto convite que Deus nos fai -cando el queira e como el queira- a traballar con dilixencia e entusiasmo na súa viña. Grazas a este traballo noso poderá o mundo, os homes e as mulleres dos nosos días, degustar e beber ese viño -cunha denominación de orixe insuperábel, divina- co que Deus quere aledarnos e facernos “benaventurados”, felices, a todos.
   Quero xa rematar cunhas palabras que escribe o coñecido teólogo José Antonio Pagola en relación con esta parábola de Xesús. Son estas:
   “Nunca esquecerei o impacto que me produciu, hai xa moitos anos, o descubrir que non foi o rigor ou a radicalidade de Xesús o que provocou irritación e rexeitamento, senón o seu anuncio dun Deus ‘escandalosamente bo’. A parábola dos traballadores da viña é particularmente significativa. O seu contido é tan revolucionario que aínda non nos atrevemos a asumilo. E, porén, a mensaxe de Xesús é clara: o mesmo que ‘o Señor da viña’ dá a tódolos seus obreiros o seu ‘denario’, merézano ou non, sinxelamente porque o seu corazón é grande, así Deus non fará inxustiza a ninguén, mais pode ofrecer a súa salvación incluso ós que, segundo os nosos cálculos, non a merecen [...] Deus é bo con tódalas persoas, merézano ou non, sexan crentes ou sexan ateos. A súa bondade misteriosa desborda tódolos nosos cálculos e está máis alá da fe dos crentes e do ateísmo dos incrédulos. Ante este Deus o único que cabe é o gozo agradecido. Esquecernos dos nosos esquemas, facer silencio dentro de nós e abrirnos confiadamente á súa bondade infinita”.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:

   Dirixámoslle a Deus Pai a nosa oración comunitaria, agradecéndolle ternos comunicado por medio do seu fillo Xesús a esplendidez e misericordia do seu corazón de Pai de todos, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, unha fe fonda e agradecida na túa xenerosidade e misericordia con todos nós. 
Todos: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, a sermos, coma Ti, xenerosos e misericordiosos con tódalas persoas coas que nos atopemos nas nosas vidas. 
Todos: Escóitanos, Pai.
- Instrúe e ilumina, Pai, os gobernantes de tódolos países do mundo para que se ocupen, non de facer guerras, senón de crear paz, convivencia e progreso económico e moral entre as persoas gobernadas por eles. 
Todos: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. Todos: AMÉN.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

Comentarios

Publicacións populares