Domingo 26 de Ordinario A
DOMINGO XXVI ORDINARIO - CICLO A
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Cando o malvado se arrede da súa impiedade, salvará a súa vida
Así fala o Señor:
Comentades entre vós: "Non é xusto o proceder do Señor".
Escoitade, Casa de Israel:
‑ Non é xusto o meu xeito de comportarme?
Non é máis ben o xeito de vos comportardes vosoutros o que é inxusto?
Cando o xusto se aparta das súas obras de xustiza
e comete iniquidades e morre debido a elas,
morre debido ás iniquidades que el cometeu.
Cando o malvado se aparta da maldade que cometeu
e practica o dereito e a xustiza,
entón el consegue a vida.
Se cae na conta e se aparta da maldade que cometeu,
vivirá de certo, non morrerá.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 24, 4bc-5. 6-7. 8-9
R/. (6a): Lémbrate, Señor, da túa compaixón.
Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador:
todo o día te estou a esperar.
Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:
acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.
O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.
Segunda Lectura Flp 2, 1-11 (longa)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Tede entre vós os mesmos sentimentos que Cristo Xesús
Irmáns:
Se de algo vale o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai en vós sentimentos de agarimo e misericordia, facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea.
Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el.
Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que interesa aos outros.
Tede entre vós a mesma idea de Cristo Xesús.
El, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
Presentándose coma un home calquera, abaixouse a si mesmo,
facéndose obediente ata á morte, e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
______________________________________________________________________
Ou: 1-5 (máis breve)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Irmáns:
Se de algo vale o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai en vós sentimentos de agarimo e misericordia, facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea.
Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el.
Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que interesa aos outros.
Tede entre vós a mesma idea de Cristo Xesús.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
e eu coñézoas, e elas séguenme.
Aleluia.
Evanxeo Mt 21, 28-32
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Arrepentido, foi. Os publicanos e as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós
Naquel tempo, díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
‑ Que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle: "Meu fillo, vai traballar hoxe na viña". El respondeu:
- "Non quero"; pero despois, arrepentido, foi.
Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: "Vou, señor"; pero non foi.
‑ Quen dos dous fixo a vontade do pai?
Respondéronlle:
‑ O primeiro.
Entón díxolles Xesús:
‑ Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
Comentarios
Publicar un comentario