Ficha e Lectio - Domingo 24 Ord A



VER TAMÉN:



LECTIO:
DOMINGO XXIV T. O. 
(Ciclo A: 17 set. 2017)

            Na oración que pronunciamos  na eucaristía dos domingos ou de calquera outro día –estoume a referir á oración do “Noso Pai que estás no ceo”-  dicimos alí: “Perdoa as nosas ofensas como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido”.
            Trátase dunha oración por medio da cal Xesús lles aprende a orar ós seus apóstolos despois de estes llo requiriren a el de maneira explícita. Vén sendo, polo tanto, algo así como o modelo para calquera xeito de nos dirixirmos ó pai de Xesús e pai tamén noso.
            E, enlazando co que diciamos no último domingo, non se trata dunha oración individual. Quero dicir: non son eu, en canto individuo particular, Manuel ou Iago, Xurxo ou Uxía..., os que nos diriximos cada un pola súa conta ó noso particular Pai do ceo. Porque o noso Deus non é Pai de individuos ou persoas humanas particulares en canto tales. Dese xeito Deus só é Pai de Xesús, o seu Fillo único, unixénito e eterno. E por iso só Xesús é persoa divina, aínda que cunha natureza humana coma a nosa.
            Todos nós somos, pois, fillos de Deus-Pai e irmáns uns dos outros pola nosa común irmandade con Xesús, que é tamén ser humano coma nós. Formamos entre todos, en consecuencia, unha gran familia. A familia dos fillos de Deus por adopción súa. El quérenos a todos coma fillos del e, como pai que é, non lle comprace que os seus fillos nos comportemos mal uns cos outros.
            Por todo isto, o modo como Xesús quere que nos dirixamos ó Pai non é: “Meu Pai que estás no ceo”. Desa maneira só pode dirixirse Xesús a el. Tódolos demais, todos nós, aínda que o fagamos particularmente desde a nosa particular soidade interior, non nos podemos dirixir a Deus máis ca coma a Pai que é de todos (non só de min). A conciencia de que somos irmáns de todos non nos pode, pois, abandonar no intre de nos dirixirmos a Deus. Dito doutra maneira. A Deus non lle vai que nos dirixamos a el prescindindo dos demais ou, sobre todo, estando a mal con eles.
            Mais por que?
            Cústanos moito chegar a aprender de maneira consecuente a incríbel importancia que ten o feito, no que cremos, de que Deus se fixo irmán noso en Xesús. Ese feito convértenos automaticamente a todos en irmáns. Formamos todos, polo tanto, unha única familia. E entre os membros dunha mesma familia (se é que a é de verdade) non se lles anda a pedir contas, uns a outros, das cousas malas ou boas que mutuamente nos fixemos ou deixamos de facer. Querémonos simplemente e de verdade uns a outros. E se algunha vez hai algún problema, algunha “ofensa”, estase sempre disposto a perdoar e a facer as paces. Claro que todo isto depende moito do grao de amor que exista nas diversas familias.
            En calquera caso, ese é o nivel, ben alto, que nos pon Xesús para sermos e comportármonos mutuamente e de verdade como irmáns. Perdoar, non “sete veces”, senón “setenta e sete veces”, tal como se nos di no texto do evanxeo. É dicir, perdoar sen límite, sempre. Xa sabedes que o número “sete” ten na linguaxe bíblica un sentido simbólico, que vén significar aquí algo así como “sempre”, sen tope.
            Mais coido que o máis importante de todo é que vexamos nisto a súa fonda raíz. Perdoar, ter un corazón xeneroso e perdoador, porque Deus-Pai así é e así se comporta sempre. Lembremos aquela marabillosa parábola de Xesús, de cando o fillo pródigo volve á casa e seu pai non lle bota en cara o máis mínimo o seu mal comportamento senón que o enche de bicos e apertas e manda celebrar unha gran festa. Porque Deus nos quere, por iso é el tamén perdoador con tódolos seus fillos.
            Lembremos unha vez máis tamén o que nos dicía Paulo, no anterior domingo, de que tódolos mandamentos se reducen a un só: “Ama o teu próximo como a ti mesmo”. Se nos acostumamos a ver nos demais a nós mesmos, entón a cousa faise doada. Pois hai alguén que non se queira a si mesmo?
            En vez de intentar facer, pois, cousas rechamantes ou estrañas..., os cristiáns teriamos que especializarnos en vérmonos a nós mesmos nos demais. Porque en Xesús, no que Deus se humaniza, acadamos todos a mesma dignidade de fillos de Deus. Somos así todos iguais no amor que Deus nos ten, no aprecio co que el nos olla a todos. E esta dignidade non pode en modo algún quedar borrada ou anulada polos comportamentos indignos, inmorais ou ofensivos que poidamos ver ou comprobar nalgunha persoa concreta. Por enriba de todo e antes de nada, somos, e sómolo sempre, irmáns, queridos por Deus alén das nosas feblezas e desordes morais.
            No texto do evanxeo Xesús pon a Deus-Pai como modelo do noso comportamento. Se Deus-Pai non se pon a si mesmo límites no seu amor a nós e no seu comportamento xeneroso e perdoador con todos, entón non será moito esixir que fagamos nós algo semellante nas nosas mutuas relacións. É así como iremos construíndo ese “Reino de Deus” do que falaba tantas veces Xesús: un mundo no que as violencias, as inxustizas, os desencontros entre individuos e pobos deixen de ser crónica habitual de xornais e outros medios de comunicación.
            Este espírito xeneroso e perdoador engrandece as persoas, porque ó seren “pacíficas”, é dicir, facedoras ou construtoras de paz, fanse así merecedoras daquela “felicidade” da que falaba Xesús ó chamar “benaventurados”, ou sexa “felices”, os “pacíficos”.
            Este tipo de comportamento “pacífico”, perdoador, ten un amplo campo de aplicación. Desde o seo da familia -nas relacións entre marido e muller, pais e fillos e estes entre si- ata no caso dos terrorismos do noso tempo. Tamén neste tema do terrorismo, sen un comportamento xeneroso e perdoador non é doado chegar a unha solución que sande e cure de verdade tódalas feridas.
            Sexamos, pois, no conflitivo mundo de hoxe sempre pacíficos, pacificadores, perdoadores, facendo así presente e visíbel o Deus xeneroso e perdoador que se nos manifesta en Xesús.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            
Preguemos a Deus Pai coas palabras que Xesús nos aprendeu, dicindo: Perdoa as nosas ofensas, como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido. 
TODOS: Perdoa as nosas ofensas, como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido.

-Para que teñamos todos a íntima experiencia de sabérmonos amados e perdoados por Deus para podermos así amar e perdoar tamén os demais. 
TODOS: Perdoa as nosas ofensas, como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido.
-Para que se restableza a paz, a unión e o entendemento nas familias rotas, na sociedade e nos pobos enfrontados. 
TODOS: Perdoa as nosas ofensas, como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido.
-Para que se faga xustiza ás culturas e ós pobos pequenos e asoballados, de xeito que a comprensión e o perdón de Deus se realice tamén nos comportamentos políticos e sociais. 
TODOS: Perdoa as nosas ofensas, como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:









Comentarios

Publicacións populares