Ficha e Lectio - Domingo 23 Ord A


VER TAMÉN:


LECTIO:

DOMINGO XXIII TEMPO ORDINARIO 
(10 setembro 2017)

            Moitas veces se di que nas nosas sociedades modernas occidentais a xente se volveu individualista e pouco interesada nos asuntos e problemas dos demais. E parece que hai indicadores abondo que apuntan cara a este diagnóstico. Sobre todo as persoas que gozan -como adoitamos dicir- dunha certa independencia económica e profesional. Xente así preferiría non se meter en leas, non se complicar a vida. Que cada un –poderían pensar- arranxe os seus propios problemas e asunto concluído.
            Xesús, polo contrario, non se refuxiou en si mesmo. Non se dedicou a resolver os seus problemas particulares ou a tomar especiais cautelas contra os perigos que podían ameazar a súa propia persoa. Tal como comentei algunha vez, Xesús era un home público. Buscaba facer comunidade, irmandade. Ocupábase de axudar os demais e de estar atento, coa súa acción e a súa palabra, ós problemas dos demais. Problemas morais, espirituais e, naturalmente, tamén físicos ou corporais.
            Por iso, e desde o principio, os primeiros cristiáns reuníanse para celebraren as súas asembleas comunitarias, lembrando a palabra de Deus e participando comunitariamente na Eucaristía. Ó participaren na Eucaristía, Xesús (a súa persoa e os seus ideais) ía tomando corpo e forma  en cada un dos participantes.
            En realidade, é isto o que tentamos facer nas nosas eucaristías. Non pensemos que o que nelas ocorre é un simple encontrármonos uns con outros, intentando fortalecer a nosa piedade co exemplo dos demais que están connosco e cumprindo con máis ou menos devoción persoal un rito concreto: o da comuñón. Naturalmente, tamén rezamos, no noso interior ou particularmente, e tamén nos asociamos cos demais e co sacerdote que preside a eucaristía.
            Todo isto é así. Pero o máis importante é algo que a simple vista non aparece. Xesús advírtenolo no texto do evanxeo cando nel se nos di: “Se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano do meu Pai que está nos ceos. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio deles estou eu”.
            Este Xesús invisíbel, mais que está realmente presente entre os reunidos no seu nome, é o que teriamos que aprender a ver e a sentir cada vez con máis forza e intensidade. A oración comunitaria, a que se realiza sobre todo na Eucaristía co “Noso Pai que estás no ceo”, é unha oración que Xesús está a realizar conxuntamente connosco, ó lado de cada un e no interior de nós mesmos.
            Como vai fallar unha oración na que Xesús mesmo se une a nós para garantir os seus bos efectos? Xunto con nós, fillos de Deus e irmáns de Xesús, está a orar connosco o que é o seu Fillo unixénito, eterno e infinitamente querido por Deus-Pai.
            Non o deberiamos esquecer. Deus é esa comunidade unha e única, misteriosa e incomprensíbel, de Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que loxicamente non se pode revelar ou manifestar, en canto comunidade que intimamente é, senón creando comunidade, comunidades. Nós constituímos conxuntamente unha desas comunidades: un grupo de persoas que nos xuntamos aquí para, coa forza e o poder de Xesús que reza connosco, pedirmos a Deus a súa graza e a súa axuda para as persoas do mundo enteiro, de maneira especial para as que máis precisan da súa axuda.
            Por iso, nestas sociedades de hoxe que tenden polo que din os sociólogos ó individualismo ou ó particularismo, temos que facer valer a importancia das reunións comunitarias, concretamente a relevancia destes nosos encontros dominicais. Porque é neles onde Xesús nos garante, de maneira especial e explícita, a súa presenza.
            Por esta razón, e unha vez máis fronte a egoísmos e particularismos, dísenos de maneira formal na segunda Lectura (na carta de Paulo ós Romanos) que todos os mandamentos de Deus se reducen a un só: “Amarás o teu próximo como a ti mesmo”. E está claro que non ama o próximo quen non quere saber dos demais, quen non quere estar cos outros e participar así con eles das súas necesidades, dos seus problemas, das súas angustias, das súas esperanzas, das súas alegrías. Quen, polo tanto, non participa do espírito de Xesús. Un Xesús, que non é outra cousa, como ben sabemos, senón pura entrega de amor á humanidade, ós homes e mulleres concretos de tódolos tempos, de tódalas culturas, de calquera relixión que sexan, entrega incluso a aqueles que non se interesan por relixión algunha. O amor non fai excepcións. Por iso engadirá Paulo nesta mesma Carta súa que o amor é “verdadeiramente o pleno cumprimento da Lei”.
            Queda ben claro, pois, que sentido comunitario e amor son en definitiva a mesma cousa. Por iso, se onde se encontran varios reunidos no nome de Xesús alí se atopa Xesús mesmo entre eles, do mesmo xeito alí onde unha persoa ama o seu próximo alí está Xesús, alí está Deus.
            É difícil encontrarse con alguén que non teña a experiencia de ser querido ou de ter sido querido algunha vez por alguén. Agora ben, por que apreciamos e amamos tanto as persoas que realmente nos quixeron ou nos queren e aman? Pois, en último termo, porque esas persoas nos fan presente en realidade a Deus mesmo, que non é outra cousa senón amor, a teor do que tantas veces repetía Xoán, o discípulo a quen Xesús quería de maneira especial.
            Animémonos, pois, e reconfortémonos unha vez máis nesta nosa fe comunitaria, portadora de amor e de esperanza para o mundo.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:
            Dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración comunitaria, pregándolle que nos faga sentir o espírito comunitario de Xesús na nosa comunidade, dicindo: Escóitanos, Pai.

            - Dános, Pai, fe intensa nas palabras do teu fillo Xesús, que nos anuncia a súa presenza entre nós cantas veces nos reunamos no seu nome. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Apréndenos, Pai, a sentírmonos unidos entre nós, en irmandade co noso irmán maior Xesús, confesando e agradecendo a nosa común fe en Ti, no teu fillo Xesús e no Espírito que nos une. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Ilumínanos e fortalécenos, Pai, para estender o noso sentido comunitario e fraternal a tódalas persoas do mundo, participantes xunto connosco da humanidade divina do teu fillo Xesús. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            Pedímoscho, Pai, confiando nas palabras de Xesús de que onde queira que dous ou tres nos reunamos no seu nome seremos escoitados por Ti. Por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.



Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN: 



Comentarios

Publicacións populares