Ficha e Lectio: Domingo 14 ordinario C





LECTIO:

PORTADORES DO EVANXEO

Lucas recolle no seu evanxeo un importante discurso de Xesús, dirixido non aos Doce senón a outro grupo numeroso de discípulos aos que envía para que colaboren con el no seu proxecto do reino de Deus. As palabras de Xesús constitúen unha especie de carta fundacional onde os seus seguidores han alimentar a súa tarefa evanxelizadora. Subliño algunhas liñas mestras.
«Poñédevos a camiño»
Aínda que o esquecemos unha e outra vez, a Igrexa está marcada polo envío de Xesús. Por iso é perigoso concibila como unha institución fundada para coidar e desenvolver a súa propia relixión. Responde mellor ao desexo orixinal de Xesús, a imaxe dun movemento profético que camiña pola historia segundo a lóxica do envío: saíndo de si mesma, pensando nos demais, servindo ao mundo a Boa Noticia de Deus. «A Igrexa non está aí para ela mesma, senón para a humanidade» (Benedicto XVI).
Por iso é hoxe tan perigosa a tentación de repregármonos sobre os nosos propios intereses, o noso pasado, as nosas adquisicións doutrinais, as nosas prácticas e costumes. Máis aínda, facémolo endurecendo a nosa relación co mundo. Que é unha Igrexa ríxida, anquilosada, encerrada en si mesma, sen profetas de Xesús nin portadores do Evanxeo?
«Cando entredes nun pobo… curade aos enfermos e dicide: está preto de vós o reino de Deus»
Esta é a grande noticia: Deus está preto de nós animándonos a facermos máis humana a vida. Pero non basta con afirmarmos unha verdade para que sexa atractiva e desexábel. É necesario revisarmos a nosa actuación: que é o que pode levar hoxe ás persoas cara ao Evanxeo?, como poden captar a Deus como algo novo e bo?
Seguramente, nos falta amor ao mundo actual e non sabemos chegar ao corazón do home e a muller de hoxe. Non basta predicar sermóns desde o altar. Temos de aprendermos a escoitar máis, acoller, curar a vida dos que sofren… só así atoparemos palabras humildes e boas que acheguen a ese Xesús cuxa tenrura insondábel nos pon en contacto con Deus, o Pai Bo de todos.
«Cando entredes nunha casa, dicide primeiro: Paz a esta casa»
A Boa Noticia de Xesús comunícase con respecto total, desde unha actitude amistosa e fraterna, contaxiando paz. É un erro pretender impoñela desde a superioridade, a ameaza ou o resentimento. É antievanxélico tratar sen amor ás persoas só porque non aceptan a nosa mensaxe. Pero, como o aceptarán se non se senten comprendidos por quen nos presentamos en nome de Xesús?
José Antonio PagolaTradutor: Xaquin Campo Freire



VER TAMÉN:






Comentarios

Publicacións populares